Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 12 de abril de 1999 Páx. 4.154

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 24 de marzo de 1999 pola que se clasifica como de benéfico-docente a Fundación para a Promoción e Desarrrollo Rural.

Visto o expediente de clasificación da Fundación para a Promoción e Desarrollo Rural, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. Antonio Bandeira Vázquez, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito do 10 de febreiro de 1999 formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo o día 4 de febreiro de 1999, ante o notario Santiago Botas Prego, co número catrocentos sesenta e tres do seu protocolo, por Antonio Bandeira Vázquez, María de las Mercedes Cortés Álvarez, José María Álvarez de Toledo Bandeira, Teodoro Correa Seijo, Amancio Alonso Rodríguez e Basilio Moreira Carrero, que interveñen no seu propio nome; esta escritura foi emendada por outra posterior con data do 16 de marzo de 1999 outorgada en Vigo e ante o mesmo notario co número de protocolo mil noventa.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, o obxecto da fundación é contribuír ó desenvolvemento do medio rural, a través de diferentes accións, programas e proxectos e de educación para o desenvolvemento, da formación das persoas, a asistencia técnica e a promoción agraria, tomando estas palabras no seu máis amplo sentido; pretende tamén subscribir convenios de colaboración con outras persoas, tanto físicas coma xurídicas, que persigan fins análogos.

4. O padroado da fundación estará constituído por Antonio Bandeira Vázquez como presidente, José María Álvarez de Toledo Bandeira como secretario e María de las Mercedes Cortés Álvarez, Amancio Alonso Rodríguez, Basilio Moreira Carrero e Teodoro Correa Seijo como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-docente da Fundación para a Promoción e Desarrollo Rural, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-docente e a súa adscrición á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais coma regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 22 de marzo de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-docente a Fundación para a Promoción e Desarrollo Rural e adscribila á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública