Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 12 de abril de 1999 Páx. 4.166

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

RESOLUCIÓN do 4 de febreiro de 1999 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de 4 bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 6 da Lei 8/1983, do 8 de xullo, na súa alínea b), establece que: «Compete ó Consello da Cultura Galega investigar e valora-las necesidades culturais do pobo galego».

Dentro do plan de actividades do Consello da Cultura Galega para 1999 figura a convocatoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos sobre diversos aspectos da cultura galega.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas ó Consello da Cultura Galega na Lei 8/1983, do 8 de xullo, que desenvolve o artigo 32 do Estatuto de autonomía.

Na súa virtude, apróbanse as seguintes

BASES:

Primeira.-Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de 4 bolsas de colaboración nos proxectos de investigación que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega, e que se inclúen como anexos á presente resolución, nos que se detallan os requisitos específicos que deben reuni-los solicitantes.

Segunda.-Contía das bolsas.

As bolsas constan dunha asignación mensual coa retención fiscal que corresponda, que será incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada.

A contía especifícase nos anexos correspondentes.

Para o gasto que se proxecta habilitarase o crédito suficiente na partida orzamentaria 03.01.111D.480.0, por unha contía máxima total de 2.970.000 ptas., correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999.

Terceira.-Duración.

A especificada no anexo correspondente a cada bolsa, en ningún caso superior ó 31 de decembro de 1999.

A data de incorporación ó centro será dentro dos dez días seguintes ó da notificación da adxudicación. O bolseiro que non se incorpore no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa xustificada de atraso apreciada polo coordinador científico, quen llo comunicará á Comisión Executiva.

As bolsas poderanse prorrogar ata un máximo de tres anos, incluído o período inicial, á vista do traballo realizado polo bolseiro, sempre que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

Cuarta.-Requisitos xerais.

a) Ser español ou pertencer a un país membro da Unión Europea.

b) Posuír coñecementos de lingua galega.

c) Non ter sido separado do servicio de ningunha administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo, anexo III e anexo IV, irán dirixidas ó presidente do Consello da Cultura Galega e entregaranse na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro, 15705 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación da presente convocatoria no DOG, acompañadas da documentación seguinte:

-Certificación académica persoal completa.

-Currículum vitae, acompañado de cantos documentos poidan avalalo.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada pola que se compromete a renunciar, se fose seleccionado, á percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas, e tamén de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

Sexta.-Selección.

A comisión cualificadora estará formada por dous membros da Comisión Executiva e o coordinador da ponencia ou programa que solicite a bolsa. Este último pode, pola súa vez, delegar no director do proxecto.

A comisión cualificadora poderá comprobar se os solicitantes posúen suficientes coñecementos de lingua galega para desempeña-la súa función.

Ademais do exame da documentación presentada, a comisión poderá convoca-los solicitantes a unha entrevista persoal.

O presidente da comisión propoñeralle ó presidente do Consello da Cultura Galega a relación de candidatos seleccionados para o seu nomeamento.

Sétima.-Obrigas.

Os bolseiros desenvolverán o seu labor nos lugares e horarios establecidos nos correspondentes anexos.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nas presentes bases supoñerá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades xa cobradas.

A condición de bolseiro non dará lugar a relación laboral nin administrativa co Consello da Cultura Galega.

Oitava.-A convocatoria, as súas bases e todos aqueles actos administrativos que se deriven dela

poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Novena.-Pagamento da bolsa.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente, logo do informe do director de Investigación, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 1999.

Carlos Casares Mouriño

Presidente do Consello da Cultura Galega

ANEXO I

Unha bolsa para colaborar no programa Arquivo Sonoro de Galicia.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no programa Arquivo Sonoro de Galicia, que se está desenvolvendo no Consello da Cultura Galega, para levar adiante distintos labores de restauración, filtraxe e duplicación de materiais sonoros e masterización de orixinais para edición.

Bolsa:

Duración: 6 meses.

Contía: 90.000 ptas./mes.

Requisitos específicos dos solicittantes:

Para solicita-la bolsa a que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser técnico de son.

Lugar e xornada de traballo: Consello da Cultura Galega, en horario de mañá e tarde.

ANEXO II

Tres bolsas para colaborar na Ponencia de Comunicación.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto de investigación Galicia, un Século de Comunicación, que se está desenvolvendo no Consello da Cultura Galega.

Bolsa:

Duración: 9 meses.

Contía: 90.000 ptas./mes.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa a que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado en ciencias da información.

-Posuír coñecementos de análise de contido, catalogación e busca documental.

-Posuír coñecementos de informática.

-Ter experiencia investigadora.

Lugar e xornada de traballo: Consello da Cultura Galega, en horario de mañá ou tarde.