Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 13 de abril de 1999 Páx. 4.231

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 25 de marzo de 1999 pola que se regula a oferta de prazas xuvenís nos intercambios bilaterais con CC.AA. dentro do programa Campaña Verán-99.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, leva a cabo o programa de fomento da actividade xuvenil; entre os seus obxectivos figura a promoción e organización de actividades de animación sociocultural destinadas á xuventude no ámbito do ocio e o tempo libre.

Asumidas as competencias neste eido polo Decreto 146/1982, do 1 de decembro, e consciente esta consellería da importancia que ten facilitar canles polas que a xuventude poida participar neste tipo de actividades, é polo que este ano, do mesmo xeito que en anos anteriores, se convoca a Campaña Verán-99.

A oferta da Campaña Verán-99 comprende, ademais daquelas que se desenvolven na Comunidade Autónoma galega, actividades de ámbito nacional, tendo lugar a súa celebración noutras comunidades autónomas de España.

A Dirección Xeral de Xuventude pretende desta forma potencia-los intercambios de mozos/as a través da realización de diversas actividades relacionadas co ocio e o tempo libre, todas elas organizadas fóra de Galicia, co fin de enriquece-la cultura da mocidade, fomentando a convivencia con mozos doutras comunidades autónomas.

Por todo isto

DISPOÑO:

Artigo 1º

Co obxectivo de facilitarlles ós mozos/as a participación en actividades de tempo libre organizadas fóra de Galicia, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, oferta un plan xeral de actividades que se detalla no anexo I da presente orde.

As diferentes actividades que integran esta oferta xeral desenvolveranse nas comunidades autónomas de España en quendas de dez e quince días durante os meses de xullo e agosto.

Nos servicios e oficinas locais de Xuventude das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, nas oficinas e puntos de información xuvenil da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, na oficina TIVE-Santiago e nas oficinas de información administrativa e atención ó cidadán, os mozos/as poden solicitar folletos informativos da convocatoria da presente campaña, onde se detalla unha información ampla sobre a organización de cada actividade, data, lugar de celebración e características de cada unha.

Artigo 2º

A Dirección Xeral de Xuventude organiza e coordina tódalas actividades motivo da presente convocatoria a través da Oficina de Turismo e Intercambios de Mozos e Estudiantes de Galicia (TIVE-Galicia).

Artigo 3º.- Servicios ofertados.

A oferta da Campaña Verán-99 supón a inscrición individual e permítelle ós participantes dispoñer dos seguintes servicios:

1. Un programa de actividades de aire libre e natureza, rutas turístico-culturais, recreativas, obradoiros, etc., que posibiliten a participación dos mozos/as e a convivencia con mozos/as doutras comunidades autónomas.

2. Aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil ou campamento xuvenil.

3. Manutención en réxime de pensión completa.

4. O material necesario para a actividade.

5. Un equipo técnico de persoal especializado en animación socio-cultural e actividades de tempo libre.

6. O transporte ata onde se vai desenvolve-la actividade.

7. Seguro de accidentes.

Artigo 4º.-Participantes.

Poden solicita-la súa participación nas actividades ofertadas na presente convocatoria os mozos/as con idades comprendidas no rango de idades que se especifica para cada actividade no anexo I. Para estes efectos, as idades mínimas entenderanse cumpridas durante o ano 1999, agás naqueles casos en que a idade mínima son os 18 anos, en que se entenderán cumpridos antes do comezo da actividade.

En relación ó tope máximo de idade establecido para cada actividade, os solicitantes cunha idade que coincida coa establecida como idade máxima para participar na actividade solicitada deberán tela o 1-7-1999 para aquelas que se desenvolvan en xullo e 1-8-1999 para as que se desenvolvan en agosto.

Non se admitirán aquelas solicitudes nas que o solicitante non cumpra os ditos requisitos de idade para a actividade solicitada.

Artigo 5º.-Solicitude.

1. As solicitudes deberán formularse no impreso que se indica no anexo II desta orde. Cada mozo/a unicamente poderá cubrir unha solicitude e un máximo de tres quendas ou actividades por solicitude (cada quenda ou actividade vai identificada cun código no anexo I desta orde).

2. As solicitudes dirixiranse á directora xeral de Xuventude, e poderán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, nos rexistros das súas delegacións provinciais, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Así mesmo, admitiranse aquelas solicitudes que se reciban a través dos seguintes medios:

-A través da rede Internet na páxina con enderezo (u.r.l.) http://www.xunta.es/adm/campalbe.htm.

O interesado será responsable da seguridade dos datos incluídos na solicitude mentres non se almacenen na base de datos da Xunta de Galicia.

-Ou ben por fax ós números indicados no anexo IV desta orde. Neste caso, na instancia farase figurar necesariamente un número de teléfono ó que poder chamar no suposto de que houbese que emendar erros na solicitude ou na súa recepción.

O interesado poderá comproba-la recepción da súa solicitude a partir do día 7 de maio no teléfono xove 902 15 25 35.

Artigo 6º.-Prazo.

O prazo de solicitude iniciarase o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e rematará o día 30 de abril de 1999.

Artigo 7º.-Adxudicación de prazas.

A adxudicación de prazas realizarase da seguinte forma:

1. Por adxudicación directa, no caso de que a demanda non supere a oferta de prazas.

2. Por sorteo, por medios informáticos, no suposto de que o número de solicitudes supere o número de prazas dispoñibles.

O sorteo realizarase o día 13 de maio de 1999 nas dependencias da Secretaría Xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en Santiago de Compostela.

A Dirección Xeral de Xuventude fará público o resultado do sorteo e confeccionará a correspondente lista de admitidos para cada quenda e actividade. As ditas listas serán expostas o día 17 de maio na Dirección Xeral de Xuventude, no rexistro xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, nos rexistros e servicios de Xuventude das súas delegación provinciais, e no Centro de Información Administrativa e Atención o Cidadán de Santiago de Compostela.

Artigo 8º.-Documentación.

Os participantes seleccionados deberán presentar na Dirección Xeral de Xuventude ou nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no prazo de dez días contados desde o día seguinte ó da data de exposición das listas, a seguinte documentación:

-Xustificación de pagamento (impreso oficial).

-Fotocopia do DNI ou da folla correspondente do libro de familia.

-Fotocopia de documento de afiliación á Seguridade Social ou seguro médico.

-Cuestionario médico-sanitario (anexo III).

-Certificado médico de non padecer ningunha enfermidade e de ser apto para participar na actividade.

-Declaración xurada de que sabe nadar, só para os participantes en actividades de náutica.

En caso contrario decaerá a adxudicación realizada e pasará a oferta pública, aplicándose o procedemento disposto no artigo 9º desta orde.

Artigo 9º.-Adxudicación das prazas de resultas.

1. As prazas que non se cubrisen polo procedemento de adxudicación establecido no artigo 7º, así como as vacantes que se produzan, xa sexa por renuncia do interesado ou por non presenta-la documentación referida no artigo 8º desta orde en prazo, adxudicaranse por adxudicación directa segundo se vaian solicitando.

Para estes efectos, no período comprendido do día 7 ó 9 de xuño poderán solicita-las prazas vacantes todos aqueles solicitantes ós que non se lles adxudicou praza no sorteo.

Transcorrido o dito período, as prazas vacantes poderán ser solicitadas por calquera persoa interesada, sempre e cando cumpra as limitacións de idade a que fai mención o artigo 4º desta orde.

2. Para solicita-las prazas de resultas, o interesado poderá efectua-la oportuna reserva da praza, no caso de que existan vacantes, persoalmente ou por teléfono a través de calquera servicio de Xuventude das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ou da Dirección Xeral de Xuventude.

Unha mesma persoa non poderá reservar máis dunha praza. A reserva de prazas poderase efectuar en horario de 9 a 14 horas, en días laborables agás sábados.

3. Unha vez efectuada a reserva de praza, o interesado disporá dun prazo de 48 horas para presenta-lo impreso que se indica no anexo II desta orde debidamente cuberto, e a documentación relacionada no artigo 8º. Os solicitantes ós que non se lles adxudicou praza no sorteo, non terán que presenta-lo anexo II. Esta documentación poderá presentala en calquera das oficinas anteriormente relacionadas. En caso contrario, perderá o dereito á praza reservada.

4. No anexo IV indícanse os enderezos, os teléfonos e fax das oficinas administrativas a través das que poderá efectuarse a oportuna reserva de praza, para os efectos do disposto neste artigo.

Artigo 10º.-Prezos.

Os prezos de aplicación para cada actividade e quenda aparecen detallados no anexo I desta orde.

Artigo 11º.-Devolucións de cota.

1. Se unha vez obtida a praza e aboado o prezo correspondente o interesado non puidese asistir á actividade, só terá dereito á devolución deste no caso de que comunique a renuncia á praza por escrito e solicite a devolución do prezo aboado polo menos vinte días antes do inicio da actividade, salvo causa de forza maior que impida a participación na actividade. Esta última circunstancia deberá acreditarse documentalmente e será valorada polo órgano encargado de resolve-la solicitude.

2. A estes efectos haberá a disposición dos interesados un modelo normalizado de solicitude de devolución de cota de participación na Dirección Xeral de Xuventude e nos servicios de xuventude das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

3. A solicitude deberá dirixirse ó delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia onde se vai desenvolve-la actividade, ou á directora xeral de Xuventude no caso das actividades que se desenvolvan en máis dunha provincia, que serán os órganos encargados de resolver en cada caso.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

ANEXO

-Dirección Xeral de Xuventude:

Enderezo: edificio administrativo San Caetano, s/n, bloque 3-1º, 157771 Santiago de Compostela.

Teléfono: 981 54 48 67. Fax: 981 54 58 43.

-Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude:

Enderezo: Avda. do Exército, 2-1º, 15006 A Coruña.

Teléfono: 981 22 65 50. Fax: 981 18 57 02.

-Servicio de Xuventude da Coruña:

Enderezo: rúa Durán Loriga, 9, 15002 A Coruña.

Teléfono: 981 22 65 50. Fax: 981 22 13 36.

-Delegación Provincial de Lugo da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. Servicio de Xuventude:

Enderezo: Ronda Muralla, 70, 27071 Lugo.

Teléfono: 982 29 43 52. Fax: 982 29 43 39.

-Delegación Provincial de Ourense da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude:

Enderezo: rúa Camiño Vello. Prado Lonia, s/n, 32004 Ourense.

Teléfono: 988 38 61 20. Fax: 988 38 60 87.

-Servicio de Xuventude Ourense:

Enderezo: Avda. Habana, 81 baixo, 32004 Ourense.

Teléfono: 988 38 61 20. Fax: 988 38 61 19.

-Delegación Provincial de Pontevedra da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. Servicio de Xuventude:

Enderezo: rúa María Berdiales, 20, 36203 Vigo.

Teléfono: 986 81 70 78. Fax: 986 81 70 82.

-Oficina local de Pontevedra:

Enderezo: Benito Corbal, 47-2º, 36001 Pontevedra.

Teléfono: 986 80 55 32. Fax: 986 80 55 54.