Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Luns, 03 de maio de 1999 Páx. 5.211

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 20 de abril de 1999 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Xoán Piñeiro.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Xoán Piñeiro, con domicilio en Tollo 108, Goián-Tomiño (Pontevedra).

Supostos de feito:

1. Mª Cruz Piñeiro Álvarez, na súa calidade de secretaria da fundación, en escrito de vintetrés de febreiro de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da sua inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día vinteún de novembro de 1998, ante o notario Gerardo García-Boente Sánchez, co número tres mil douscentos corenta e nove do seu protocolo, por María del Carmen Álvarez Carrera, e Mª Cruz, Carmen Gloria, María Belén e Marta María Piñeiro Álvarez, intervindo no seu propio nome; modificada por outra complementaria

de emenda, o día cinco de abril de 1999, perante o mesmo notario e co número oitocentos trinta e nove do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é protexer, defender, divulga-la obra do artista Xoán Piñeiro, promove-la actividade escultórica, intercambiar experiencias con fundacións e asociacións da mesma índole, crear un museo de escultura e destina-los seus recursos a axudar á creación artística.

4. O padroado da fundación estará constituído por Carmen Álvarez Carrera como presidenta, Jesús Vázquez González como vicepresidente, Mª Cruz Piñeiro Álvarez como secretaria, Carmen Piñeiro Álvarez, Belén Piñeiro Álvarez, Marta Piñeiro Álvarez, Ricardo Fernández Castro, Blanca Caamaño González, Xavier Pousa Carrera, Manuel Ricardo Eusebio García de Buciños Vázquez como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Xoán Piñeiro, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 19 de abril de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior,

de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Xoán Piñeiro e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública