Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Luns, 03 de maio de 1999 Páx. 5.226

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 26 de abril de 1999 pola que se modifica o tipo de xuro mínimo que debe satisface-lo beneficiario logo do cálculo das subvencións financeiras previstas en distintos programas de fomento do emprego para o ano 1999.

Nos programas de axudas e subvencións ás iniciativas locais de emprego (Orde do 5-2-1999; DOG nº 30, do 15), de apoio á creación e ampliación de centros especiais de emprego, de promoción do emprego autónomo de persoas con discapacidade (Orde do 11-2-1999; DOG nº 34, do 19), de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais e no de promoción do emprego autónomo (Orde do 12-2-1999; DOG nº 34, do 19), establécense subvencións financeiras para favorece-la creación de emprego estable.

Nas distintas ordes de convocatoria, ó regula-las características e condicións das subvencións financeiras establécese como tipo de xuro mínimo resultante, logo do cálculo da subvención, o 2%. En atención á evolución dos mercados financeiros, cunha tendencia á baixa dos tipos de xuro, e logo de asinados os convenios de colaboración coas entidades financeiras para o ano 1999, estableceuse para os préstamos acollidos a estes programas uns tipos de xuro do 4,40% ou 4,80%. Isto repercute na contía das subvencións calculadas sobre os distintos tipos de xuros ó estar limitadas polo tipo de xuro mínimo previsto nas ordes de convocatoria.

En consecuencia, e para dota-los programas de fomento de emprego dunha maior operatividade e efectividade, seguindo a mesma liña que a establecida para as axudas públicas á actividade empresarial en Galicia no Decreto 95/1999, do 8 de abril, considérase conveniente reduci-lo dito tipo mínimo, pola súa incidencia no estímulo da cultura emprendedora e na creación de emprego.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase a un punto o tipo de xuro mínimo que debe resultar para o beneficiario despois de calculadas as subvencións financeiras establecidas en:

-Artigo 7º da Orde do 5 de febreiro de 1999, pola que se regula o réxime de axudas e subvencións

ás iniciativas locais de emprego e ós proxectos piloto de acción rural para o ano 1999.

-Artigo 5º.1.b), e artigo 13º da Orde do 11 de febreiro de 1999, pola que se establece para o ano 1999 o programa de axudas destinadas ó fomento da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especias de emprego e traballo autónomo.

-Artigos 8º e 16º da Orde do 12 de febreiro de 1999, pola que se establecen os programas de fomento do emprego en empresas de economía social e para a promoción do emprego autónomo para o ano 1999.

Disposición transitoria

Única.-Esta orde será de aplicación a toda-las subvencións financeiras que se concedan ó abeiro dos programas de fomento do emprego convocados pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para o ano 1999, aínda que a solicitude fose presentada con anterioridade á entrada en vigor desta orde.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude