A dificultade existente por parte dos interesados para, ás veces, acreditar documentalmente certas condicións ou requisitos, por non conservaren a documentación axeitada, ou por non estar regulamentariamente establecida, para certos órganos das distintas administracións públicas, a obriga de proporciona-las informacións anteriores a unha data ou exercicio concreto, pode chegar a limita-lo desfrute polos interesados de determinados dereitos.
A Administración autonómica de Galicia e, particularmente, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e o organismo autónomo a ela adscrita, o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, en execución das súas competencias en temas agrarios, veñen desenvolvendo, desde a súa creación, unha serie de actividades e programas ( de saneamento gandeiro, de axudas a explotacións, etc.), a través dos que se xerou un amplo arquivo documental.
Ademais, a modernización das unidades xestoras, especialmente coa introducción das tecnoloxías informáticas, permite tanto o almacenamento en espacio sumamente reducido desa información, como un tratamento rápido e seguro dela, polo que se está, hoxe en día, en condicións de efectuar determinadas comprobacións para supli-las devanditas carencias documentais dos interesados cando estes presenten as súas solicitudes de axuda, particularmente en procedementos administrativos da competencia do Ilgga.
Xa que logo, de acordo co disposto no artígo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e de seu presidente, modificada pola Lei 11/1988,
DISPOÑO:
Artigo único.
Engádeselle un parágrafo ó artigo 4º.2 da Orde do 9 de decembro de 1998, pola que se definen as normas para a aplicación do Decreto 82/1996, do 29 de febreiro, que establece un réxime de axudas para o fomento do cesamento anticipado na actividade agraria en 1999, coa seguinte redacción:
«Non obstante, no caso de que mediante o informe de vida laboral ou as declaracións ou certificacións de rendas se acredite de maneira plena a condición de agricultor a título principal durante os últimos cinco anos, poderá completarse a acreditación de tal requisito, nos períodos anteriores ós así documentados, dalgún dos modos seguintes:
-Pola presentación de documentación de saneamento gandeiro da explotación da que sexa titular o cedente ou, no seu defecto, certificación da Subdirección Xeral de Sanidade e Producción Animal na que se faga consta-lo tipo e número de reses existentes na explotación nas distintas campañas.
-Pola presentación de documentación acreditativa de ter sido beneficiario de axudas para mellora de explotacións ou, no seu defecto, certificación emitida polo Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, na que se faga consta-lo tipo de axuda, condicións, e as datas de concesión e de certificación.
En ámbolos dous casos deberá acreditarse unha dimensión económica da explotación, nese período, equivalente a un mínimo de dúas UDE».
Disposición derradeira
A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de maio de 1999.
Cástor Gago Álvarez
Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política
Agroalimentaria

