Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Xoves, 20 de maio de 1999 Páx. 6.040

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de abril de 1999 pola que se convocan axudas económicas para a realización de actividades de formación dirixidas ó profesorado de niveis non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 1999 e organizadas polas asociacións e fundacións con fins pedagóxicos, legalmente constituídas.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, a súa competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolvan.

A Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, dispón que as administracións educativas planificarán as actividades necesarias de formación permanente do profesorado e garantirán unha oferta diversificada e gratuíta destas actividades (artigo 56.3º).

Sendo obxectivo fundamental da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a formación continuada do profesorado, aglutinando para o efecto tódolos esforzos e iniciativas, é necesario potenciar e fomenta-las actividades de formación permanente do profesorado, organizadas por diferentes asociacións e fundacións pedagóxicas que tradicionalmente promoven programas de perfeccionamento na Comunidade Autónoma sobre temas galegos e que, xunto cos directamente organizados pola Administración, contribúen á mellora continuada da cualificación profesional dos docentes e, en definitiva, á mellora da calidade da educación.

Por último e a teor do disposto na Orde do 2 de xuño de 1986 (Diario Oficial de Galicia do 19-6-1986), modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, sobre «tramitación anticipada de expedientes de gastos», o gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 1999, aprobados pola Lei 6/1998, do 29 de decembro (Diario Oficial de Galicia do 31 de decembro).

Por todo isto,

DISPOÑO:

1. Convócanse axudas económicas para a organización durante o ano 1999 de accións formativas: cursos, seminarios, congresos, reunións, conferen

cias, talleres e outras de análogas características que contribúan á dinamización do ensino en galego, dirixidas a profesores que imparten a súa docencia en niveis non universitarios.

2. O importe máximo total das axudas que se concedan é de 3.988.000 pesetas, con cargo ó concepto orzamentario 07.04.322I.480.0.

3. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións e fundacións pedagóxicas legalmente constituídas cando nos seus estatutos figure como fin preferente a formación do profesorado e non teñan a consideración de movementos de renovación pedagóxica, e que desenvolvan as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que teñan xustificadas as axudas concedidas en anteriores convocatorias.

4. As asociacións e fundacións pedagóxicas interesadas deberán dirixi-las súas solicitudes, conforme o modelo que figura no anexo I, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, edificio San Lázaro-107, 15771 Santiago de Compostela, xunto coa seguinte documentación:

A. Programa das actividades desenvolvidas ou que se van desenvolver, conforme o modelo que figura no anexo II.

B. Orzamento de cada actividade por separado, conforme o anexo IV, tendo en conta os módulos económicos que figuran no anexo III.

C. Copia compulsada dos documentos que acreditan a súa constitución legal e fotocopia compulsada dos estatutos da entidade.

D. Fotocopia da cédula ou tarxeta de identificación fiscal.

E. Documentación acreditativa da representación que ten o solicitante.

F. Certificación bancaria da conta corrente.

As alíneas C, D, E e F non terán que ser cubertas polas asociacións que xa recibiron axudas económicas en anos anteriores, sempre e cando non tiveran variación nos seus datos.

5. O prazo para a presentación de solicitudes será de trinta días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

6. As actividades (deseño, convocatoria, publicidade, desenvolvemento, certificacións, etc.) faranse en galego de acordo co Decreto 173/1982, sobre a normativización da lingua galega, e na disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística. Irán dirixidas fundamentalmente a profesores en activo na Comunidade Autónoma, e non deberán supera-la participación doutros colectivos o 20 por cento do total de asistentes; este extremo deberá ser acreditado na memoria presentada.

7. Financiaranse prioritariamente aquelas actividades que coincidan basicamente cos obxectivos

xerais da política educativa establecidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, especialmente os definidos no Plan Galego de Formación Continuada do Profesorado de Niveis non Universitarios e que versen sobre os seguintes temas considerados como prioritarios:

7.1. Actualización pedagóxico-didáctica:

-Orientacións teórico-prácticas para a elaboración de proxectos de centro.

-Deseño e desenvolvemento curricular. Proxectos curriculares.

-Introducción de novos elementos culturais -saúde, medio ambiente, educación para a paz, coeducaciónnas distintas áreas do currículo.

-Desenvolvemento de adaptacións curriculares para alumnos con necesidades educativas especiais.

-Educación de adultos.

7.2. Actualización científico-técnica:

-En tódolas áreas do currículo.

-Do profesorado de formación tecnolóxica, de cara á implantación das ensinanzas técnico-profesionais, nos contidos da educación tecnolóxica e das distintas familias profesionais.

7.3. Modalidades, técnicas e instrumentos de avaliación.

7.4. Xestión e organización de centros educativos.

7.5. A orientación e a titoría.

8. A contía das axudas establecerase en función do número de solicitudes e a adecuación dos proxectos ó establecido no artigo 7 da presente convocatoria e da dispoñibilidade orzamentaria, tendo en conta ademais que, sumadas a outros recursos que se obteñan, non excedan dos gastos orzados para as actividades programadas.

9. Comisión de selección. Constituirase unha comisión de selección integrada por :

-O director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional ou persoa en quen delegue.

-O subdirector xeral de Ordenación Educativa.

-O xefe de Servicio de Formación do Profesorado.

-A xefa de Sección de Perfeccionamento do Profesorado.

-O xefe de Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega da Dirección Xeral de Política Lingüística.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario, con voz e sen voto.

-Cada un dos sindicatos da Mesa Sectorial Docente nomeará un representante que poderá asistir ás sesións da comisión con voz e sen voto. Coa debida antelación, o nome do representante sindical será comunicado ó presidente da comisión de selección.

10. Resolución da convocatoria. Unha vez rematado o proceso de selección, formularase a proposta de concesión de axudas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, determinando en cada caso a contía das axudas. A orde de concesión de axudas será publicada no Diario Oficial de Galicia.

No suposto de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de tres meses, e sen prexuízo da súa posterior resolución, as solicitudes entenderanse desestimadas.

11. O pagamento das axudas económicas concedidas farase nun só libramento, unha vez feita a debida xustificación, que se deberá realizar antes do 10 de outubro de 1999 para actividades celebradas ata o 30 de setembro e antes do 5 de decembro de 1999 para as actividades realizadas de outubro a decembro deste mesmo ano. Estes prazos serán improrrogables. A devandita xustificación farase de acordo coas instruccións que para o efecto dicte a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que serán postas en coñecemento dos interesados coa mesma data na que se lles comunique a súa concesión.

12. O importe da axuda, tendo en conta os recursos que xere a actividade e outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, poderá reducirse no suposto de que, á hora de presenta-la xustificación da axuda, houbese unha diminución dos gastos realizados. Esta reducción será proporcional á diminución dos gastos orzados.

13. Obrigas dos beneficiarios. Son obrigas dos beneficiarios das axudas, conforme a Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, do 7 de outubro, as seguintes:

a) Comunicarlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a obtención de calquera outra subvención ou axuda para a mesma finalidade, procedente de calquera administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

b) Reintegra-la axuda ou subvención percibida e mailos xuros de demora nos supostos recollidos no artigo 78.6º da citada Lei 11/1992.

14. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá levar a cabo as inspeccións oportunas orientadas a comproba-la veracidade dos datos facilitados, así como a utilización dos fondos concedidos.

15. Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las instruccións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

16. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria