Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Mércores, 26 de maio de 1999 Páx. 6.350

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 5 de maio de 1999 pola que se aproba a tarxeta de identificación do persoal da Inspección Turística.

A Lei 9/1997, do 21 de agosto (DOG nº 167, do 1 de setembro), de ordenación e promoción do turismo en Galicia, crea, no seu artigo 80, a escala técnica

de inspección turística. Ó abeiro desta previsión aprobouse por Decreto 315/1998, do 12 de novembro (DOG nº 227, do 23 de novembro), o Regulamento da inspección turística, que, entre outras, atribúe á Inspección Turística funcións de vixilancia, verificación e constatación do cumprimento da normativa turística, da existencia de infraestructuras e dos servicios obrigatorios, así como a investigación e comprobación dos feitos obxecto de reclamacións ou denuncias.

No exercicio destas funcións, tanto a lei como o regulamento confiren ós inspectores de turismo a consideración de axentes da autoridade, coas facultades e protección que lles outorga a normativa vixente, para os efectos da responsabilidade de quen ofreza resistencia ou acometa atentado ou desobediencia contra eles, en acto de servicio ou con motivo del. Así mesmo e para o mellor cumprimento destas funcións, poderán solicita-lo auxilio e apoio das forzas e corpos de Seguridade do Estado, da policía adscrita á Comunidade Autónoma e da policía local, así como a cooperación doutras administracións públicas.

Como queira que de conformidade co artigo 6.1º do Regulamento da inspección turística, o exercicio destas funcións require, con carácter previo, a acreditación daquela condición, mediante a exhibición da tarxeta de identificación por parte do inspector, faise preciso, mediante a presente orde, establece-lo modelo e características desta tarxeta de identificación que acredite o persoal da inspección turística no desempeño das súas funcións.

O Decreto 315/1998, do 12 de novembro, que aproba o citado regulamento, na súa primeira disposición derradeira, autoriza a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo para dicta-las normas precisas para o seu desenvolvemento,

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase a tarxeta de identificación do persoal da Inspección Turística, coas características e modelo que se recolle no anexo da presente orde.

Artigo 2º

1. Esta tarxeta de identificación acreditará os inspectores de turismo no exercicio das funcións, que dentro do seu respectivo ámbito xeográfico de actuación, segundo a unidade á que se atopen adscritos, teñen atribuídas polo artigo 4 do Regulamento da inspección turística.

2. Acreditará, así mesmo, dentro do seu respectivo ámbito, ó xefe do Servicio de Inspección do Turismo e ós xefes dos servicios de Turismo das delegacións provinciais desta consellería, para os efectos do artigo 14 do regulamento.

Artigo 3º

A tarxeta de identificación é persoal e intransferible, ten a consideración de documento público e, neste sentido, a confección ou o uso por persoa non autorizada dará lugar ás consecuencias previstas pola lexislación vixente.

Artigo 4º

1. A expedición da tarxeta de identificación corresponde á Dirección Xeral de Turismo, sendo entregada ó persoal da Inspección Turística unha vez tome posesión do seu posto de traballo. Este persoal procederá á inmediata devolución da tarxeta no momento do seu cesamento no posto de traballo e nos supostos de suspensión de funcións, mentres dure esta.

2. En caso de substracción, perda, destrucción, deterioración ou caducidade da tarxeta, o seu titular deberá comunicalo por escrito á Dirección Xeral de Turismo, para os efectos de tramita-la expedición dunha nova en substitución daquela.

Artigo 5º

1. A tarxeta de identificación caducará ós catro anos da data da súa expedición.

2. No Servicio de Inspección do Turismo levarase un libro de rexistro de tarxetas identificativas, no que figuren os datos desta, así como aquelas circunstancias recollidas nos artigos precedentes.

Disposición transitoria

As tarxetas identificativas dos inspectores de Turismo, expedidas con anterioridade á data de entrada en vigor da presente orde, quedarán anuladas a partir do 31 de xullo do 1999. Con anterioridade á dita data, os seus titulares instarán da Dirección Xeral de Turismo a expedición da nova tarxeta de identificación, procedendo no momento da súa entrega á devolución da tarxeta substituída.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Turismo para dicta-las resolucións, instruccións e directrices que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

ANEXO

A tarxeta de identificación ten unhas medidas de 58x86 mm e está confeccionada en plástico PVC duro, con trama de cor azul sobre fondo branco,

Anverso:

1. Escudo de Galicia segundo modelo e especificacións establecidos pola Lei 5/1984, do 5 de maio, e Decreto 73/1985, do 18 de abril.

2. Fotografía en cor de 21x26 mm, inserida mediante dixitalización de imaxe.

3. Texto:

-Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Dirección Xeral de Turismo.

-Datos profesionais do titular.

-Lugar, data e sinatura (dixitalizada) do director xeral.

-Caduca ós 4 anos.

Reverso:

Texto:

-Datos persoais e sinatura do titular.

-«Os inspectores de Turismo poderán en calquera momento realizar visitas ás empresas, actividades e establecementos turísticos, para práctica de calquera das actuacións referentes ós seus cometidos. Para estes efectos, os inspectores terán a facultade de acceder libremente, e sen notificación previa, en calquera momento, ás instalacións ou locais, logo da acreditación da súa condición.

O xefe de servicio do que dependa o inspector poderá acompañar a este durante a visita, naqueles casos en que aquel o coide conveniente».

-Art. 14 do Regulamento da inspección turística.