A Federación Galega de Tenis, en asemblea xeral, celebrada o día 20 de febreiro de 1999, aprobou a modificación dos seus estatutos, afectando a dita reforma ós artigos que a continuación se relacionan, e que quedan redactados do seguinte modo:
Artigo 1º.-Definición e obxecto.
A Federación Galega de Tenis (en anagrama FGT) é unha entidade asociativa privada, sen ánimo de lucro, que ten por obxecto a promoción do deporte do tenis, e está integrada polos clubes deportivos, deportistas, técnico-adestradores, xuíces-árbitros da devandita modalidade deportiva así como por outros colectivos interesados especificados no artigo 6º.
Artigo 2º.-Réxime xurídico.
A FGT ten personalidade xurídica, plena capacidade de obrar, e un patrimonio propio e independente daquel dos seus asociados, e réxese polo disposto na Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia; polas demais disposicións legais que lle sexan aplicables, e polo establecido nos presentes estatutos e nos seus regulamentos.
A FGT é unha entidade de utilidade pública, cos beneficios que o ordenamento xurídico outorga para este tipo de entidades.
Artigo 3º.-Funcións e competencias.
Son funcións da FGT as que derivan do seu propio obxecto, tal e como vén definido no artigo 1º dos presentes estatutos, así como as que lle outorga a lei, e, especificamente, as seguintes:
a) Promoción e desenvolvemento da práctica do tenis.
b) Elabora-las normas técnicas da modalidade deportiva do tenis e dirixir e regula-las actividades propias desta.
c) Dictar normas de aplicación específica ós deportistas, podendo establecer listas e clasificacións destes.
d) A potestade para determina-la súa propia organización interna e para dictar regulamentos no ámbito da súa competencia, conforme os seus estatutos e disposicións legais vixentes.
e) Desenvolver programas de especialización do deporte do tenis.
f) Deseñar, eleborar e executa-los plans de preparación dos tenistas de alto nivel e as listas destes en colaboración coa Administración deportiva de Galicia e, se é o caso, coa Real Federación Española de Tenis (RFET)
g) Colaborar coa Administración autonómica e cooperar coa RFET, se é o caso, na formación de técnicos deportivos.
h)Organizar e dirixi-las competicións tenísticas de carácter oficial que se desenvolvan no ámbito da Comunidade Autónoma, de acordo coas normas e cos regulamentos autonómicos, nacionais e interna
cionais que sexan aplicables. Expedirá, para estes efectos, as correspondentes licencias deportivas.
i) A tutela, control e supervisión que sobre os seus propios asociados lle recoñece o ordenamento xurídico deportivo.
j) Exerce-la potestade disciplinaria nos termos establecidos na lexislación vixente, así como nos seus propios estatutos e regulamentos.
k) Resolver en vía de recurso as impugnacións contra os acordos dos órganos dos clubs de tenis adscritos á FGT.
l) Exerce-lo control das subvencións oficiais que se lles asignen ós clubs de tenis a ela afiliados.
m) Designa-los tenistas que integrarán a selección galega, para a cal os clubs deberán poñer á disposición da FGT os deportistas elixidos.
n) Representar a Galicia en actividades e competicións tenísticas de carácter estatal ou supraestatal, celebradas dentro e fóra de Galicia, organizando a selección galega de tenis.
o) Colaborar coa Administración deportiva de Galicia, os entes locais e as agrupacións deportivas escolares na organización e no desenvolvemento dos programas xerais do deporte do tenis na idade escolar.
p) Executa-las resolucións do Comité Galego de Xustiza Deportiva.
q) Colaborar coa Administración deportiva de Galicia e outros órganos competentes da Administración autonómica na prevención, no control e na represión do uso de substancias e grupos farmacolóxicos prohibidos no deporte e na prevención e no control da violencdia no deporte.
r) Poderá, ademais das súas propias atribucións, executar por delegación da Administración autonómica programas de promoción do tenis.
s) Aqueloutras funcións que poida encomendarlle a Administración deportiva da Comunidade Autónoma.
Artigo 4º.-Ámbito territorial.
A FGT é a única federación galega existente para a modalidade deportiva do tenis, e polo tanto, exerce as súas competencias con carácter exclusivo no conxunto do territorio galego.
As competicións ou actividades da FGT entenderase autorizadas pola Administración autonómica, conforme o establecido no artigo 11 a) da Lei 11/1997, xeral do deporte de Galicia.
Terán o carácter de oficiais, aquelas competicións de tenis organizadas pola FGT no ámbito autonómico, agás denegación expresa da Administración deportiva de Galicia, que deberá ser motivada.
A FGT forma parte da Real Federación Española de Tenis, quen pola súa banda está integrada na ITF (Federación Internacional de Tenis) e ETA (Asociación Europea de Tenis), polo que acata e acepta as normativas e regulamenos destas institucións.
Artigo 6º.-Estamentos.
A FGT está integrada polos seguintes estamentos:
1. Deportistas.
2. Clubs deportivos.
3. Técnicos-adestradores.
4. Xuíces-árbitros.
5. Outros colectivos interesados.
Para que queden integrados na FGT outros colectivos interesados no deporte do tenis, será necesario:
a) A existencia dun colectivo diferenciado dos estamentos xa existentes e que estea interesado, de xeito exclusivo ou prioritario, no deporte do tenis, sen ánimo de lucro e que a súa razón de ser veña determinada por unha actividade ou nexo obxectivo relacionado directamente con este deporte.
b) Que o dito obxectivo estea representado por unha comisión xestora que se responsabilice del, constituida polo menos por cinco membros, e conte coa adhesión expresa de polo menos 50 persoas físicas ou xurídicas, as actividades das cales teñan lugar no territorio das catro provincias galegas.
c) Que a devandita comisión xestora formule solicitude de integración na FGT dirixida ó presidente dela, na que se xustifiquen os extremos comprendidos nos epígrafes anteriores e xuntando, ademais, os informes técnicos e deportivos que sexan necesarios.
d) O presidente da FGT someterá á primeira asemblea xeral que se celebre a solicitude de integración, sendo esta a competente para acordala, o que deberá facer por maioría de dous tercios dos seus asistentes, que representen polo menos a maioría simple dos seus totais compoñentes.
e) Na proposta á asemblea deberase incluír tamén aquela das necesarias modificacións nestes estatutos para adaptalos ó recoñecemento e integración do colectivo de que se trate e a súa representatividade nos órganos da FGT e as correspondentes modificacións deberanse aprobar coa maioría establecida no parágrafo anterior.
f) Tódolos acordos que adopte a asemblea xeral da FGT nesta materia quedarán suxeitos á condición suspensiva da súa aprobación pola Administración deportiva de Galicia e producirán efecto desde a súa data.
As normas anteriores serán tamén de aplicación, analoxicamente se é o caso, cando se trate da integración na FGT doutra modalidade deportiva distinta do tenis, se ben neste suposto se requirirá ademais unha consulta previa á Administración deportiva de Galicia.
Artigo 12º.-Incompatibilidades.
Son causas de inelixibilidade para o desempeño dos cargos de membro da asemblea xeral, da comisión delegada da asemblea, de presidente, e de membro da xunta directiva da FGT as seguintes:
a) Ter sido condenado mediante sentencia xudicial firme que leve anexa a pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para cargo público.
b) Ter sido declarado incapaz por decisión xudicial firme.
c) Atoparse inhabilitado para o exercicio de cargos federativos por sanción firme.
O presidente da FGT deberá ser cidadán de Galicia, segundo o disposto no Estatuto de Autonomía.
O cargo de presidente da FGT é incompatible cos cargos de presidente doutra federación e de presidente ou directivo dun club de tenis.
Cando sobreveña unha causa de incompatibilidade inicialmente non existente, a persoa afectada deberá cesar automaticamente no cargo que ocupe.
Artigo 14º.-A asemblea xeral da FGT composición.
14º.1. A asemblea xeral é o órgano superior da FGT estará composta por 60 (sesenta) membros, que serán elixidos, conforme o disposto na parte correspondente destes estatutos, cada catro anos, coincidindo cos Xogos Olímpicos de Inverno, por sufraxio libre, secreto, igual e directo, por e entre os integrantes maiores de idade de cada estamento.
-Representantes do estamento de clubs deportivos.
Total: 42 membros 70%.
-Representantes do estamento de deportistas
Total: 12 membros 20%.
-Representantes do estamento de técnicos-adestradores.
Total: 3 membros 5%.
-Representantes do estamento de xuíces-árbitros.
Total: 3 membros 5%.
Os representantes dos estamentos de técnicos-adestradores e de xuíces-árbitros pertencerán a unha circunscrición única, correspondente á totalidade do territorio galego.
Os representantes dos estamentos de clubs deportivos e deportistas distribuiranse, para cada elección a membros da asemblea xeral, entre as circunscricións provinciais constituídas polos distintos clubes galegos.
A distribución provincial efectuarase automaticamente tomando como base as proporcionalidades existentes, entre o total autonómico de electores e elixibles e o correspondente a cada provincia.
Respecto ás baixas ou vacantes que se produzan entre os membros da asemblea xeral, operarase de conformidade co disposto no artigo 100 destes estatutos.
Ás sesións da asemblea poderá asistir, con voz pero sen voto, o presidente saínte do último mandato.
14º.2.-O nº de membros da asemblea xeral fixarase na convocatoria de eleccións a ela.
Artigo 21º.-Elección do presidente da FGT
O presidente da FGT elixirase cada catro anos, coincidindo cos anos de Xogos Olímpicos de Inverno, mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto, por e entre os membros da asemblea xeral que se debe elixir previamente para o mesmo período.
Os candidatos deberán ser presentados, como mínimo polo dez por cento dos membros da asemblea, e a súa elección producirase por un sistema de dobre volta, no caso de que nunha primeira volta ningún candidato acade a maioría absoluta dos votos emi
tidos. Polo demais, será de aplicación o disposto nos presentes estatutos en materia electoral.
Artigo 27º.2
As FGT non poderán aprobar orzamentos deficitarios sen a autorización expresa da Administración deportiva autonómica.
Artigo 28º
A federación galega ten o seu propio réxime de administración e xestión de orzamento e patrimonio, sendo de aplicación, en todo caso, as seguintes regras:
a) Pode promover e organizar actividades e competicións deportivas dirixidas ó público, debendo aplica-los beneficios económicos, se os houbese, ó desenvolvemento do seu obxecto social.
b) Pode gravar e aliena-los seus bens mobles ou inmobles, tomar diñeiro a préstamos e emitir títulos representativos da débeda ou de parte alícuota patrimonial, sempre que os ditos negocios xurídicos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da entidade ou do seu obxecto social.
c) Pode exercer, complementariamente, actividades de carácter idustrial, comercial, profesional ou de servicios e destina-los seus bens e recursos ós mesmos obxectivos deportivos, pero en ningún caso poderán repartir beneficios entre os seus membros.
d) Non poderán comprometer gastos de carácter plurianual, no seu período de mandato, sen autorización previa da Administración deportiva de Galicia, cando o gasto anual comprometido exceda o 10% do seu orzamento ou supere o período de mandato do presidente.
e) Correspóndelle ó presidente da FGT a sinatura, no nome desta, de todo tipo de contratos, convenios e documentos de contido económico e en especial, a apertura de contas bancarias e a formalización de operacións de préstamos, crédito ou hipoteca, dentro dos límites anteriormente sinalados.
f) Para a disposición de todo tipo de contas e imposicións bancarias, á vista, de aforro, de crédito ou a prazo, así como para establecer e retirar depósitos en efectivo ou valores, emisión de cheques, libramento e aceptación de letras de cambio e/ou obrigas de pagamento, abondará coa sinatura do presidente mancomunada coa do tesoureiro, se é o caso.
Artigo 30º
A FGT debe someter anualmente a súa contabilidade e mailo seu estado económico a unha auditoría ou verificación contable, nos casos en que así o dispoña a Administración autonómica.
Artigo 33º.-Disposición única.
A FGT levará como mínimo os seguintes libros:
a) O libro rexistro de clubs e deportistas, afiliados á FGT.
b) Libro de actas, un ou varios, nos que se reflectirán as reunións e acordos tomados pola asemblea xeral, a comisión delegada da asemblea e a xunta directiva. Poderanse incluír tamén, se así se considera oportuno, as deliberacións e acordos dos diversos comités. Estes libros estarán a cargo do secretario da FGT.
c) Os libros de contabilidade.
d) Libro Inventario dos bens mobles e inmobles.
Artigo 34º.-Normativa aplicable.
O réxime disciplinario da FGT réxese polo previsto na Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia; en cantas outras disposicións legais existan agora ou no futuro nesta materia; e polo regulado no presente título destes estatutos.
Tamén serán de aplicación os principios xerais do dereito sancionador.
Artigo 43º.-Agravantes.
Son circunstancias agravantes da responsabilidade disciplinaria:
a) A reincidencia, que existirá cando o autor fose sancionado anteriormente por calquera infracción de igual ou maior gravidade, ou por dúas infraccións ou máis de inferior gravidade da que neste suposto se trate. A reincidencia entenderase producida no transcurso dun ano, a partir do momento no que se cometese a infracción.
b) Causar coa infracción prexuízos graves á boa imaxe do tenis galego, ou do deporte en xeral.
c) O prezo e o prexuízo económico ocasionado coa infracción.
Artigo 46º.-A prescrición.
As infraccións prescribirán ós tres anos, ó ano ou ó mes, segundo sexan moi graves, graves ou leves, comezándose a conta-lo prazo de prescrición o día no que se cometeron os feitos.
O prazo de prescrición interromperase no momento no que se acorda inicia-lo procedemento sancionador, pero se este permanecese paralizado durante un mes, por causa non imputable á persoa ou entidade suxeita ó dito procedemento, volverá a corre-lo prazo correspondente, interrompéndose de novo a prescripción ó prosegui-la tramitación do expediente.
Para estes efectos, só se entenderá paralizado un procedemento cando se esgota calquera dos prazos previstos non houbese outros en curso, e non se adoptara providencia de ningún tipo dentro dos quince días hábiles seguintes:
As sancións prescribirán ós tres anos, ó ano ou ó mes, segundo se trate das que correspondan a infraccións moi graves, graves ou leves, comezándose a conta-lo prazo de prescrición desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impuxo a sanción, ou desde que se quebrantase o seu cumprimento se este xa se iniciase.
Artigo 50º.-Infraccións comúns moi graves.
Consideraranse infraccións moi graves as seguintes:
a) As actuacións dirixidas a predeterminar, mediante prezo, intimidación ou simple acordo ou decisión, o resultado dunha proba ou competición.
b) Os comportamentos, as actitudes e os xestos agresivos e antideportivos dos xogadores, cando se dirixan ó árbitro, ós outros xogadores, ó público, ou ós membros do servicio de pistas.
c) Os quebrantamentos de sancións impostas.
d) A manipulación ou alteración, xa sexa persoalmente ou a través de persoa interposta, do material ou equipamento deportivo en contra das regras técnicas do tenis cando poidan altera-la seguridade da proba ou competición ou poñan en perigo a integridade das persoas.
e) A utilización, a incitación ou o favorecemento do uso de substancias ou fármacos prohibidos e a negativa a someterse ós controis deles establecidos regulamentariamente.
f) A aliñación indebida e a incomparecencia ou retirada inxustificada das probas, dos encontros ou das competicións.
g) A participación en competicións organizadas por países que promovan a discriminación racial ou sobre os que pesen sancións deportivas impostas por organizacións internacionais ou con deportistas que representen a estes.
h) As protestas, intimidacións ou coaccións, individuais ou colectivas ou tumultuarias, que impidan a celebración dun encontro, proba ou competición, ou que obriguen á súa suspensión.
i) As manifestacións públicas, ou realizadas a través de medios de comunicación social, que supoñan insulto ou menosprezo ás autoridades deportivas ou federativas.
j) A conducta gravemente atentatoria para a dignidade do tenis galego ou dos seus representantes.
k) Os actos notorios e públicos que atenten contra a dignidade ou decoro deportivos, cando revistan unha especial gravidade. Así mesmo, considerarase falta moi grave a reincidencia en infraccións graves por feitos desta natureza.
l) As declaracións públicas de directivos, técnicos, árbitros e deportistas ou socios que inciten os seus xogadores, equipos ou espectadores á violencia.
m) Os actos de rebeldía contra os acordos de federación, agrupacións, asociacións ou clubs.
n) A violación de segredos nos asuntos de que se coñeza por razón do cargo desempeñado no club, asociación ou federación.
o) Os abusos de autoridade e a usurpación de funcións ou de atribucións.
p) A participación en probas ou competicións non autorizadas pola Administración deportiva de Galicia.
q) A reiteración de faltas graves.
Artigo 51º.-Infraccións moi graves dos directivos.
Ademais das infraccións comúns tipificadas no artigo anterior e das previstas na lexislación vixente que resulte aplicable, son infraccións específicas moi graves do presidente e directivos da propia FGT e, se é o caso, dos presidentes e directivos das entidades incardinadas nela, as seguintes:
a) A non execución das resolucións do Comité Galego de Xustiza Deportiva.
b) O incumprimento de acordos da asemblea xeral e dos regulamentos federativos.
c) A non convocatoria dos órganos colexiados federativos nos prazos e nas condicións legais.
d) A incorrecta utilización dos fondos privados ou das subvencións, créditos, avais e demais axudas de carácter público.
Para estes efectos a apreciación da incorrecta utilización dos fondos públicos rexerase polos criterios que para o uso de axudas e subvencións públicas se conteñen na lexislación específica da Xunta de Galicia.
En canto ós fondos privados, aplicarase o carácter neglixente ou doloso das conductas.
e) A organización de actividades distintas ás competicións oficiais sen a preceptiva autorización da Administración deportiva de Galicia.
f) A denegación inxustificada da licencia.
g) O imcumprimento dos convenios subscritos coa Administración deportiva de Galicia.
A esixencia das responsabilidades derivadas das infraccións tipificadas neste artigo, e a competencia para coñecelas, rexerase polo que estea legalmente establecido, seguíndose, polo que atínxe ó non previsto na lei de normas que se especifican a seguir.
Se as infraccións son cometidas polos directivos da FGT será esta competente en única instancia para coñecer sobre elas.
Respecto ás infraccións cometidas por presidentes ou directivos de entidades incardinadas na FGT, esta só será competente:
-En única instancia, cando se trate das infraccións tipificadas no anterior punto d), salvo no relativo á incorrecta utilización de fondos privados.
-En segunda instancia, cando se dean os supostos previstos no artigo 36º e destes estatutos.
Artigo 52º.-Infraccións graves.
Consideraranse infraccións graves as seguintes:
a) O incumprimento de ordes e instruccións emanadas de xuíces, árbitros, directivos e demais autoridades deportivas.
b) Os actos notorios e públicos que atenten contra a dignidade ou decoro deportivos, e en xeral a conducta contraria ás normas deportivas, sempre que todo iso non revista o carácter de falta moi grave.
c) O exercicio de actividades públicas ou privadas declaradas incompatibles coas actividades ou función deportiva desempeñada.
d) A manipulación ou alteración, ben sexa persoalmente ou a través de persoa interposta, do material ou equipamento deportivo en contra das regras técnicas do tenis.
e) As protestas, intimidacións ou coaccións, individuais ou colectivas ou tumultuarias que alteren o normal desenvolvemento do xogo, proba ou competición.
f) As protestas, individuais iradas e ostensibles, feitas publicamente contra árbitros, xuíces, técnicos, directivos e demais autoridades deportivas.
g) O incumprimento das regras de administración e xestión do orzamento e patrimonio.
h) A reiteración de faltas leves.
Das infraccións ás que se refiren as letras a) e g) anteriores, poderá ser responsable o presidente da federación, sen prexuízo das responsabilidades nas que puidesen incorrer outras persoas físicas integrantes dos órganos federativos.
Artigo 53º.-Infraccións leves.
Consideraranse infraccións leves as seguintes:
a) As conductas contrarias ás normas deportivas que non estean incursas na cualificación de moi graves ou graves.
b) As observacións formuladas ós xuíces, árbitros, técnicos e directivos e demais autoridades deportivas no exercicio das súas funcións de xeito que signifiquen unha lixeira incorrección.
c) A incorrección co público, contrarios, compañeiros, subordinados e persoal de pista.
d) A adopción dunha actitude pasiva no cumprimento das ordes e instruccións recibidas de xuíces, árbitros e autoridades deportivas no exercicio das súas funcións.
e) O descoido na conservación e coidado dos locais sociais, instalacións deportivas e outros medios materiais.
f) As accións ou omisións que supoñan incumprimento das normas ou ordes deportivas por descoido ou neglixencia escusables.
g) Aplicarase WO (perda do partido por non comparecencia) a aquel xogador que non estea disposto a xogar na pista transcorrido o tempo sinalado na normativa técnica desde a hora fixada para o comezo do partido. Todo iso agás causa de forza maior debidamente xustificada a xuízo do xuíz-árbitro e/ou xuíz de cadeira.
h) Presentarse a xogar un partido con equipo e/ou vestimenta incorrecta. A sanción consistirá na perda do partido, a non ser que a incorrección sexa reparada nun tempo razoable a xuízo do xuíz-ábitro e/ou xuíz de cadeira.
O xuíz-árbitro e/ou xuíz de cadeira decidirá previamente ó comezo do partido nos casos de dúbida sobre a aceptación das roupas que vistan os xogadores, conforme a normativa nacional e internacional ó respecto.
i) O xogador que non se incorpore ó xogo tralo descanso, non comparecendo transcorrido o tempo sinalado na normativa técnica desde a hora fixada para a continuación do xogo, será descalificado.
j) O xogador que abandone a pista sen permiso do xuíz-árbitro e/ou xuíz de cadeira será descalificado con perda do partido.
k) O atraso deliberado no xogo, incluíndo o comezar a xogar despois do período de quentamento, a requirimento do xuíz-árbitro e/ou xuíz de cadeira; o atraso no cambio de lado, e entre punto e punto.
l) Recibir consellos ou comunicarse con calquera persoa e por calquera medio durante o decurso do partido, a excepción do regulamentado nas competicións por equipos.
Artigo 54º.-Sancións por infraccións comúns moi graves.
Ás infraccións tipificadas no artigo 50º deste título corresponderán as seguintes sancións:
a) Multas en contía non superior a 100.000 pesetas. As multas soamente se lles poderán impoñer ás asociacións deportivas.
b) Perda de puntos ou postos na clasificación, ou descalificación ou perda do partido.
c) Perda ou descenso de categoría ou división.
d) Celebración da proba ou competición deportiva a porta pechada.
e) Prohibición de acceso ás pistas ou lugares de desenvolvemento das probas ou competicións, por tempo non superior a cinco anos.
f) Perda definitiva dos dereitos que como socio da respectiva asociación deportiva correspondan ó infractor, coas excepcións que poidan estar previstas na lei nesta materia.
g) Clausura dun recinto deportivo por un período que abarque de catro partidos ou encontros a unha tempada.
h) Inhabilitación para ocupar cargos na organización deportiva, ou suspensión ou privación de licencia federativa, con carácter temporal, por un prazo de dous a cinco anos, en adecuada proporción á infracción cometida.
i) Inhabilitación a perpetuidade para ocupar cargos na organización deportiva, ou privación de licencia federativa a perpetuidade. Estas sancións unicamente poderán acordarse de modo excepcional, pola reincidencia en infraccións de extraordinaria gravidade.
Artigo 55º.-Sancións por infraccións moi graves dos directivos.
Son as seguintes:
a) Amoestación pública.
b) Inhabilitación temporal por un período de dous a catro anos.
c) Destitución do cargo.
Artigo 56º.-Sancións por infraccións graves.
Son as seguintes:
a) Amoestación pública.
b) Multa en contía non superior a 50.000 pesetas. A sanción de multa soamente se lles poderá impoñer ás asociacións deportivas.
c) Perda de puntos ou postos na clasificación, ou descalificación ou perda do partido.
d) Clausura do recinto deportivo, de ata catro partidos ou encontros, ou tres meses.
e) Privación dos dereitos de asociado, ata un máximo dun ano, coa excepción prevista na letra f) do artigo 54º.
f) Inhabilitación para ocupar cargos, suspensión ou privación de licencia federativa, dun mes a dous anos.
Artigo 57º.-Sancións por infraccións leves.
1. As infraccións previstas nas letras g), h), i) e j) do artigo 53, serán sancionadas conforme o previsto neles.
2. As restantes infraccións tipificadas no artigo 53º e cometidas por un xogador no decurso dun partido sancionaranse conforme a seguinte escala:
-Primeira infracción: amoestación.
-Segunda infracción: perda do punto seguinte.
-Terceira infracción: descalificación: perda do partido.
3. Os demais casos de infraccións leves sancionaranse con:
a) Apercibimento.
b) Multa non superior a 25.000 pesetas.
c) Inhabilitación para ocupar cargos ou suspensión de ata un mes, ou dun a tres encontros ou probas.
Artigo 58º.-Sancións técnicas acumulables.
Nos casos de infraccións moi graves ou graves cometidas por un xogador no decurso dun partido, ademais da sanción que corresponda por tal tipo de infracción, o xuíz-árbitro e/ou xuíz de cadeira poderá aplicar, en forma inmediata, a escala de sancións técnicas previstas no punto 2 do artigo precedente, no grao que coide conveniente conforme a gravidade da infracción. O trámite posterior destas sancións en materia de recursos será o que lles corresponda segundo a súa natureza.
Artigo 59º.-Regras comúns para a determinación e imposición de sancións.
Os órganos disciplinarios poderán impoñe-la sanción que consideren xusta de entre as previstas para o tipo de infracción que se cometese, graduándoa en función da natureza dos feitos, a personalidade do responsable, as consecuencias da infracción e a concorrencia de circunstancias atenuantes ou agravantes, conforme co tamén establecido no artigo 46º.
A concorrencia de dúas ou máis circunstancias agravantes e ningunha atenuante determinará a aplicación da sanción no seu grao máximo. Igualmente, a concorrencia de dúas atenuantes, ou dunha moi cualificada, e ningunha agravante, determinará a aplicación da sanción no seu grao mínimo.
Artigo 60º.-Multas.
A sanción de multa poderase impoñer de forma simultánea a calquera outra que os órganos disciplinarios consideren congruente ó tipo de infracción cometido. A súa contía, dentro dos límites máximos establecidos para cada caso, determinaraa o órgano sancionador conforme as circunstancias concorrentes.
As multas aboaranse, salvo que por disposición legal se establecera o contrario, no prazo máximo de dez días hábiles a partir da imposición da sanción e deberanse facer efectivas á FGT, que destinará o seu importe ós seus fins deportivos.
O pagamento das multas deberase acreditar mediante o correspondente recibo, e o non pagamento delas terá a consideración de quebrantamento de sanción.
Artigo 63º.-Normativa aplicable.
O procedemento para a imposición de sancións por todo tipo de infraccións disciplinarias rexerase polo disposto no presente capítulo, no título VII da
Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do feporte de Galicia e demais disposicións legais aplicables na materia e, supletoriamente, polas normas e principios xerais do dereito administrativo sancionador.
Artigo 91º.-Dos electores e elixibles.
Teñen esta consideración para os distintos estamentos da FGT
a) Deportistas: ser maiores de idade para seren elixibles e electores, e estar en posesión da licencia federativa en vigor, expedida e homologada pola FGT antes da data de convocatoria das eleccións, e tela, polo menos nas tres tempadas deportivas anteriores ó ano das eleccións.
b) Clubs deportivos: os inscritos na FGT e que o estivesen tamén no ano anterior ó da celebración das eleccións, debendo ter polo menos un xogador afiliado que estea incluído na clasificación oficial da RFET que estea en vigor no momento da convocatoria das eleccións, e na clasificación oficial inmediata anterior. O dereito de voto neste estamento corresponde, no nome do club, a quen sexa presidente deste, ou quen aquel designe conforme os propios estatutos.
c) Técnicos: os que, coas mesmas circunstancias de idade e posesión de licencia que para tódolos deportistas, estean titulados como técnicos, adestradores pola propia RFET ou outros organismo oficiais que poidan chegar a emitir estes títulos.
d) Xuíces-árbitros: os que coas mesmas circunstancias de idade e posesión de licencia que para os deportistas, estean ademais en posesión da titulación expedida pola RFET ou outros organismos oficiais que poidan chegar a emitir estes títulos, que os habilite para exercer como xuíces e/ou árbitros.
As persoas físicas só poderán ser incluídas no censo dun estamento e circunscrición e votar nestes; se algunha reunira as condicións requiridas para figurar en máis dun censo poderá solicita-lo cambio e/ou circunscrición dentro do prazo e na forma que se sinala neste capitulo para efectuar reclamacións sobre os censos electorais.
Os presidentes de clubs poderán estar incluídos no censo dun estamento composto por persoas físicas e votar neste; non obstante, o representante dun club que fose elixido polo estamento de clubs deportivos non poderá ser membro da asemblea por outro estamento.
Os presidentes dos clubs da FGT poderán estar incluídos no censo dun estamento composto por persoas físicas, só como electores. Os ditos presidentes non poderán, en ningún caso, desempeña-la representación dun club deportivo para os fins e efectos deste capítulo.
En tódolos artigos nos que se mencione a Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia substituirase esta denominación pola de Administración deportiva de Galicia.
Do mesmo modo, en todos aqueles artigos nos que sexa necesario, substituirase a denominación de Comité Galego de Disciplina Deportiva pola de Comité Galego de Xustiza Deportiva.
Vigo, 1 de xuño de 1999.
Antonio Santorio Otero
Presidente

