Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Luns, 26 de xullo de 1999 Páx. 9.589

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 217/1999, do 15 de xullo, polo que se transforma o conservatorio de música oficial non estatal de grao elemental Federico Paz Carbajal de Noia (A Coruña) en conservatorio de música público de grao profesional dependente do dito concello.

Segundo o disposto no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia é competencia da Comunidade Autónoma galega a regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades e o artigo 1º do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, establece que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ó que lle corresponden as ditas competencias.

O Concello de Noia é titular dun conservatorio de música oficial non estatal de grao elemental creado polo Decreto 119/1991, da Xunta de Galicia, do 12 de abril (DOG do 23).

O Concello de Noia ten subscrito, con data do 3 de outubro de 1995, un convenio coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria polo que se lle recoñece provisionalmente a validez académica das ensinanzas do grao elemental e profesional de música reguladas na Lei orgánica 1/1990, xeral do sistema educativo, e se establece o compromiso de crea-lo conservatorio de música público dependente do Concello de Noia, condicionando a dita creación ó cumprimento dos requisitos mínimos previstos no artigo 15.1º do Real decreto 389/1992, do 15 de abril (BOE do 28).

Examinado o expediente promovido polo concello de Noia (A Coruña) en solicitude de transformación do conservatorio de música oficial non estatal de grao elemental Federico Paz Carbajal en conservatorio de música público de grao profesional dependente do dito concello, para imparti-las ensinanzas de música que establece a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Tendo en conta os informes da Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na Coruña sobre o cumprimento efectivo, por parte do dito concello, dos requisitos mínimos que establece o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, para os centros que impartan as ensinanzas artísticas regradas previstas no capítulo primeiro, título II da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e que a estructura e planificación académica do centro se axusta ó disposto no Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso ós ditos graos.

En uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 27 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación

do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do quince de xullo de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Transfórmase o conservatorio de música oficial non estatal de grao elemental Federico Paz Carbajal de Noia (A Coruña) en conservatorio de música público de grao profesional dependente do dito concello.

Artigo 2º

Neste conservatorio impartiranse as ensinanzas de música reguladas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e polo Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo de grao elemental e de grao medio das ensinanzas de música e o acceso ós ditos graos. Este centro contará con 80 postos escolares para o grao elemental e 180 para o grao medio.

O centro poderá impartir, ademais, con validez académica oficial, as ensinanzas das materias correspondentes ó plan de estudios regulado polo Decreto 2618/1966, do 10 de setembro, que non foran suprimidas polo Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, modificado polos R.D. 535/1993, do 12 de abril, 1487/1994, do 1 de xullo, 1468/1997, do 19 de setembro e 173/1998, do 16 de febreiro.

Artigo 3º

Este centro queda sometido ó réxime común docente dos conservatorios de música e seralle de aplicación a normativa vixente sobre centros de ensinanzas artísticas.

Disposición derradeira

Facúltase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las medidas necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Santiago de Compostela, quince de xullo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria