Con data do 18 de xuño de 1999 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 1 de xuño de 1999, pola que se clasifica de interese sanitario a Fundación para la Investigación y Desarrollo de la Asistencia de Primer Nivel (Fidap), e foi adscrita á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.
Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto promove-la investigación na atención do primeiro nivel e fomenta-la formación de tódolos que traballan neste nivel, en especial do colectivo que traballa na atención primaria. Igualmente, o estudio de formas de xestión e eficacia da atención do citado primeiro nivel.
Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.
DISPOÑO:
Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación para la Investigación y Desarrollo de la Asistencia de Primer Nivel (Fidap) ó cumpri-los seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a lexislación vixente en materia de fundacións de interese galego.
Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación para la Investigación y Desarrollo de la Asistencia de Primer Nivel (Fidap), no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.
Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de darlles publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a renderlle contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentarlle o proxecto de orzamento ó protectorado con
anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula e debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.
Santiago de Compostela, 21 de xuño de 1999.
José María Hernández Cochón
Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

