Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Martes, 27 de xullo de 1999 Páx. 9.636

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 6 de xullo de 1999 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Galiza Sempre.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Galiza Sempre, con domicilio en Santiago de Compostela, Avenida Rodríguez de Viguri, 16 baixo.

Supostos de feito.

1. Xosé Gonta Sobrino, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do un de xullo de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día vinteún de maio de 1999, ante o notario Domingo Enrique Gutiérrez Aller, baixo o número 1.305 de protocolo, polo Bloque Nacionalista Galego.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é:

a) O fomento e a realización de actividades culturais que teñan por fin o estudio e desenvolvemento do pensamento político, social, económico e cultural de Galicia.

b) Difundi-lo pensamento político daquelas persoas e entidades que traballan, dentro da legalidade vixente, pola consecución da soberanía da nación galega, o progreso social e o afondamento na democracia na perspectiva de acadar unha sociedade galega e mundial máis libre, xusta e solidaria.

c) Promove-lo coñecemento na sociedade da personalidade nacional de Galicia e da súa historia impulsando o seu estudio e a súa proxección pública.

d) Afondar no coñecemento da realidade galega na súa dimensión política, social, cultural e económica.

e) Aumenta-la formación política dos cidadáns, afondar no debate político e impulsa-la sensibilización e concienciación da sociedade sobre a realidade e problemáticas propias da nación galega e a visión do mundo desde unha perspectiva nacional galega.

4. O padroado da fundación estará constituído por Xosé Manuel Beiras Torrado como presidente, Francisco Rodríguez Sánchez como vicepresidente, Xosé Gonta Sobrino como secretario-tesoureiro.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Galiza Sempre, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais coma regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día cinco de xullo de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Galiza Sempre e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública