Dunha parte Celso Currás Fernández, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, en virtude da competencia atribuída polo artigo 34.1º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro de 1983, da Xunta e do seu presidente.
Doutra parte José Luis Fraguas Lavandeira, con DNI 34.546.289-W, actuando en nome e representación do Banco Pastor.
Ubaldo Rodríguez Carreiras, con DNI 32.437.690-P e Ramón Salvador Gómez Blanco, con DNI 35.207.372-F, actuando en nome e representación do Banco Simeón.
Ángel Cortina Aedo, con DNI 50.801.045-W, actuando en nome e representación do Banco Gallego.
Francisco Botas Ratera, con DNI 32.782.987-Y, actuando en nome e representación do Banco Etcheverría.
Dictino Maceira Fernández, con DNI 33.159.379-A, actuando en nome e representación da Caixa de Aforros de Galicia.
Manuel Soage Loira, con DNI 35.279.500-F, actuando en nome e representación da Caixa de Aforros de Pontevedra.
Gonzálo Lamas González, con DNI 35.957.530, actuando en nome e representación da Caixa de Aforros de Vigo.
Manuel Fernández Rodríguez, con DNI 35.386.238-W, actuando en nome e representación da Caixa de Aforros de Ourense.
Tódalas partes se recoñecen capacidade xurídica para actuar neste acto.
EXPOÑEN:
I.-Que é obxecto da Xunta de Galicia a realización dun programa de axudas dirixidas a apoiar financeiramente os estudiantes universitarios da comunidade galega, que reúnan unha serie de requisitos que se determinarán mediante as oportunas convocatorias públicas.
II.-Entre os obxectivos das entidades financeiras galegas arriba citadas está cubrir todos aqueles programas que teñan por finalidade eleva-lo nivel cultural, educativo e científico da comunidade onde se asenta, así como colaborar nos programas de fomento da ocupación e de inserción laboral de tódolos colectivos en xeral e do de estudiantes recentemente titulados en particular.
III.-Dentro da filosofía destas entidades financeiras de fomenta-lo emprego, as entidades procurarán dedica-los esforzos necesarios para facilita-la inserción laboral dos estudiantes beneficiarios mediante dous tipos de medidas:
a) Concesión de préstamos en condicións preferenciais, unha vez finalizada a posibilidade de acollerse á convocatoria de préstamos subsidiarios.
b) Promove-las realización de prácticas profesionais nas empresas dos grupos financeiros das ditas entidades, e facilita-la realización de prácticas noutras empresas clientes delas mediante s subscrición dos oportunos convenios de colaboración.
En virtud disto,
ACORDAN:
Primeiro.-Obxecto do convenio.
O obxecto deste convenio é establece-la forma e características en que se desenvolverá a colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as entidades financeiras citadas, para a concesión de créditos ós estudiantes universitarios que reúnan os requisitos e as condicións que establezan as oportunas convocatorias oficiais.
Segundo.-Beneficiarios do préstamo.
Poderán ser beneficiarios do préstamo subsidiado os estudiantes da comunidade galega que cumpran as condicións establecidas na convocatoria e que superasen a totalidade dos créditos correspondentes ó primeiro curso nas ensinanzas conducentes á obtención de titulacións oficiais universitarias de primeiro ciclo e a totalidade dos créditos correspondentes ós dous primeiros cursos nas ensinanzas de primeiro e segundo ciclo.
Terceiro.-Características do préstamo.
Os préstamos terán a contía e as condicións seguintes:
-Contía: a contía será de 500.000 pesetas ó ano, sen prexuízo da súa posible acumulación nos termos que máis adiante se indican.
-Tipo de xuro: o tipo de xuro aplicable será do 4% tipo fixo durante a vixencia do convenio.
-Comisións: poderá establecerse unha comisión de apertura, por unha única vez, do 0,50%.
-Garantías: con carácter xeral poderá esixirse para a concesión dos créditos o aval ou a garantía dun familiar ou titor do estudiante.
-Prazo de duración e amortizacion: o prazo de amortización de capital será de tres anos, tendo un prazo de carencia adicional de ata 3 anos. Tódolos prazos se computarán a partir do inicio do trimestre natural seguinte á data de formalización, sendo a cota trimestral constante de capital e xuros. Os préstamos poderán se obxecto de cancelación anticipada sen ningunha penalización.
Cuarto.-Financiamento dos xuros.
Os xuros serán financiados da seguinte forma:
a) A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria contribuirá ó pagamento do 1,34% dos xuros do primeiro ano de duración do préstamo, con cargo ós orzamentos deste exercicio económico, sen prexuízo da posibilidade da concesión dunha prórroga de ata un máximo de 3 anos, de acordo co disposto en cada convocatoria. A subvención será aboada á entidade financeira con carácter anual, facéndose as dilixencias administrativas para o seu aboamento antes do primeiro vencemento anual.
b) A entidade financeira pola que opte o alumno farase cargo dun tercio dos xuros, sempre e cando permaneza vixente a axuda relacionada na alínea a) anterior. Nos casos de caixas de aforros, esta axuda poderá computarse con cargo ó orzamento da obra socio-cultural.
c) A terceira parte do xuros restante serán por conta do alumno prestameiro, sempre e cando se manteñan as axudas anteriores. Polo tanto, o préstamo liquidaráselle ó alumno ó tipo de xuro neto do 1,33% nominal anual. No caso de que o alumno non acredite a prórroga da axuda da consellería, citada na alínea a) desta cláusula, o préstamo pasará automaticamente a liquidarse ó tipo de xuro do 4% nominal anual.
Quinto.-Publicación das convocatorias e concesión dos préstamos.
A Xunta de Galicia publicará anualmente a convocatoria de concesión de préstamos subsidiados e resolveraas no prazo previsto na propia convocatoria.
A Xunta de Galicia facilitaralles ás entidades financeiras a relación de beneficiarios dos préstamos subsidiados no prazo dos 7 días seguintes á resolución da convocatoria, para que as entidades poidan tramita-la formalización dos préstamos no prazo dun mes.
As entidades financeiras remitiranlle copia á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dos contratos de préstamo que formalicen entre os beneficiarios desa convocatoria no prazo de quince días desde que se subscriban os contratos.
O importe global máximo dos créditos que se concederán para o curso 1999/2000 será de dous mil millóns de pesetas (2.000.000.000 de ptas.), con carácter experimental.
Sexto.-Comisión de seguimento.
Co obxecto de asegura-la precisa eficacia no logro dos obxectivos propostos, créase unha comisión de seguimento do programa, que terá como función primordial e de avalia-la súa aplicación.
Estará integrada por unha representación paritaria das partes asinantes, ás que someterá os seus informes e conclusións.
Sétimo.-Prazo de vixencia e denuncia.
A duración deste convenio será desde o día da súa sinatura ata o 31 de decembro de 1999. O convenio prorrogarase anualmente, salvo denuncia dalgunha das partes.
Será causa suficiente para a rescisión automática por denuncia deste convenio o incumprimento de calquera das cláusulas.
Non serán tramitadas as solicitudes de préstamos que, con cargo a este convenio, sexan presentadas con posterioridade á data da notificación da súa denuncia feita fidedignamente.
Da denuncia do convenio da Dirección Xeral de Universidades daralles oportuna conta ás entidades financeiras participantes neste convenio.
E para que así conste, en proba de conformidade e logo da súa lectura, asinan este convenio no lugar e data «ut supra».
Pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:
O conselleiro:
Celso Currás Fernández.
Polo Banco Pastor:
José Luis Fraguas Lavandeira.
Polo Banco Simeón:
Ubaldo Rodríguez Carreiras.
Ramón Salvador Gómez Blanco.
Polo Banco Gallego o subdirector xeral:
Ángel Cortina Aedo.
Polo Banco Etcheverría o director xeral adxunto:
Francisco Botas Ratera.
Pola Caixa de Aforros de Galicia o director territorial en Santiago de Compostela:
Dictino Maceira Fernández.
Pola Caixa de Aforros de Pontevedra o subdirector, director de División Comercial:
Manuel Soane Loira.
Pola Caixa de Aforros de Vigo o director da Área de Risco Crediticio:
Gonzálo Lamas González.
Pola Caixa de Aforros de Ourense o director de Relacións Institucionais:
Manuel Fernández Rodríguez.
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 1999.
José Eduardo López Pereira
Director xeral de Universidades

