A Deputación Provincial de Ourense, en sesión celebrada o día 25 de setembro de 1998, aprobou
o proxecto de mellora do acceso á estación invernal de Manzaneda, tramo 1, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. A deputación remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais do día 19 de xullo de 1999.
Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.
A Dirección Xeral de Urbanismo e o Servicio Provincial de Estradas de Ourense da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda así como o Servicio Provincial de Calidade Medioambiental de Ourense da Consellería de Medio Ambiente emitiron informes. Estes informes tiveron entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, respectivamente, os días 12 de marzo, 9 de xullo e 2 de xuño de 1999.
Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a obra consiste na mellora do trazado e no alargamento da plataforma da estrada de acceso á estación de montaña de Cabeza de Manzaneda, que afecta a este termo municipal e ó da Pobra de Trives.
Ó existiren algúns propietarios cos que o Concello da Pobra de Trives non puido chegar a ningún acordo, é necesaria a expropiación dos bens afectados a estes.
Dadas as características da obra, considérase que é urxente a súa ocupación, xa que na situación actual os cortes e atascos que se producen na época de inverno, debido ás precipitacións de neve, son un grave perigo para a circulación rodada, agudizado pola grande intensidade de tráfico, especialmente nas festas e fins de semana.
A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de xullo de mil novecentos noventa e nove,
DISPOÑO:
Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Ourense, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para
a execución das obras do proxecto de mellora do acceso á estación invernal de Manzaneda, tramo 1.
Santiago de Compostela, vintenove de xullo de mil novecentos noventa e nove.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Jesús Carlos Palmou Lorenzo
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais