Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 09 de setembro de 1999 Páx. 11.088

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 18 de agosto de 1999 pola que se fai pública a convocatoria de 18 prazas de colaboradores bolseiros no Centro Residencial Docente da Coruña.

Sendo necesario para o normal funcionamento do Centro Residencial Docente da Coruña a colaboración en tódalas tarefas de orde interna e actividades de residencia, relacionadas co desenvolvemento de accións formativas e de convivencia de residentes; e en uso das facultades que ten conferidas esta consellería,

DISPOÑO:

Primeiro.

1. Convócanse axudas de estudio para colaboradores bolseiros no Centro Residencial Docente da Coruña, dependentes da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

2. A duración da axuda concedida comprenderá o período correspondente ó curso escolar 1999/2000.

3. O concesionario da axuda non poderá realizar, mentres a desfrute, ningún tipo de traballo remunerado, aínda que poderá facela compatible con outras axudas.

Segundo.

Para optar á axuda será preciso que concorran ou se acrediten, se é o caso, os seguintes requisitos:

a) Ser español, calquera que sexa o título xurídico polo que posúa a nacionalidade española.

b) Non estar en posesión do título académico que habilita para actividades profesionais, a menos que este título supoña un nivel ou grao inferior ó dos estudios que pretende realizar.

c) Ter cumpridos, como mínimo, dezaoito anos.

d) Estar inscrito ou matriculado, no curso 1999/2000, nun centro oficial universitario; a distancia do centro ó residencial docente no que deberá residir e os medios de comunicación entre ámbolos dous deberalle permitir ó bolseiro o normal cumprimento das súas obrigas.

e) O estado de saúde do colaborador bolseiro deberá permiti-lo normal desenvolvemento na vida docente da residencia.

Terceiro.

1. Os aspirantes deberán presenta-los seguintes documentos:

a) Instancia dirixida ó director xeral de Centros e Inspección Educativa, segundo modelo que figura no anexo a esta orde.

b) Unha fotografía tamaño carné.

c) Fotocopia do DNI.

d) Documento acreditativo de estar inscrito ou matriculado como alumno oficial de facultade, escola superior, escola universitaria ou colexio universitario.

e) Currículum do aspirante con especial mención ás actividades educativas nas que participou.

f) Declaración ou declaracións da renda da unidade familiar correspondente ó exercicio económico 1998.

g) Certificación de notas correspondente ó curso escolar 1998/1999.

2. Os aspirantes presentarán as súas solicitudes, xunto coa documentación correspondente, no Centro Residencial Docente da Coruña.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto.

1. Concluído o prazo outorgado para a presentación de solicitudes, constituirase no Centro Residencial Docente unha comisión de valoración que estará integrada polo xerente do devandito centro, como presidente e como vocais o xefe de residencias, un educador ou axudante de colexio e un representante da asociación de pais con presencia no centro, actuando como secretario un funcionario administrativo do centro.

2. A comisión de valoración ordenará as súas solicitudes segundo os méritos reflectidos nelas, tendo en conta especialmente as aptitudes do candidato para o desenvolvemento de tarefas formativas, a vinculación con centros residenciais docentes e o seu expediente académico.

Unha vez concluída a fase de valoración, elevarase proposta á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, que procederá a concede-las axudas e fará chegar ós que resulten beneficiarios definitivamente as correspondentes credenciais.

Quinto.

1. A resolución da solicitude seralle comunicada ó interesado, que disporá dun prazo de reclamación de quince días. A concesión da praza terá carácter de provisionalidade en canto non se formalice a matrícula.

2. As reclamacións resolveranse no prazo dun mes, contado desde a súa interposición, e consideraranse tacitamente desestimadas de non seren resoltas nese prazo.

3. A resolución expresa ou tácita das reclamacións formuladas dará carácter definitivo ás adxudicacións, quedando expedita a vía de recurso administrativo correspondente.

Sexto.

Os colaboradores bolseiros terán os seguintes dereitos:

a) Exención do pagamento dos servicios residenciais durante o período de funcionamento deles para os alumnos do centro.

b) Recoñecemento da súa condición de colaborador bolseiro, ante o resto dos residentes.

c) Asistencia sanitaria ordinaria por parte dos servicios médicos do centro.

Sétimo.

Os colaboradores bolseiros terán as seguintes obrigas:

a) Someterse a recoñecemento médico previo, nos servicios facultativos do centro.

b) Adicarse ás actividades do centro.

c) Seguir con aproveitamento os estudios para os que, unha vez realizados, lles foi concedida a bolsa.

d) Residir no Centro Residencial Docente.

e) Cumprir e facer cumpri-las normas de réxime interno do centro.

f) Colaborar na residencia en tódalas tarefas e cometidos de orde interna e actividades de residencia que lle poida encomenda-la xerencia relacionadas co desenvolvemento de accións formativas e de convivencia dos residentes.

Oitavo.

1. A condición de colaborador bolseiro perderase por algunha das seguintes causas:

a) Por non cumpri-los requisitos necesarios para a súa adxudicación.

b) Por ocultar ou falsea-los datos.

c) Por sanción disciplinaria imposta conforme as normas que resulten de aplicación.

Para os casos comprendidos nos puntos a) e b) a perda será inmediata sexa cal sexa o momento en que se constate.

2. O xerente do centro poderá propoñer á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa que cese como colaborador bolseiro por deficiencia notoria no cumprimento das súas obrigas, en calquera momento despois de rematadas as actividades lectivas do primeiro trimestre, logo do informe motivado da xunta de residencias, e sempre que fose advertido expresamente con anterioridade pola mesma causa.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria