O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.
O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro) transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril).
A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, está a levar a cabo diversas accións de apoio económico ós estudiantes de ensino universitario, coas que se pretende favorece-la calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.
Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria acaba de asinar un convenio de colaboración coas entidades financeiras: Banco Pastor, Caixa de Aforros de Galicia, Caixa de Aforros de Vigo, Caixa de Aforros de Pontevedra, Caixa de Aforros de Ourense, Banco Gallego, Banco Simeón e Banco Etcheverría, para facilitar ós estudiantes galegos créditos a baixos xuros para o financiamento dos seus estudios universitarios.
En virtude de todo o anterior, esta consellería
DISPÓN:
Artigo 1º.-Obxecto.
Convócanse axudas para os estudiantes universitarios que reúnan os requisitos e condicións establecidas na presente orde interesados en solicita-los créditos a que se refire o dito convenio para financia-los seus estudios universitarios de terceiro ciclo correspondentes ó curso 1999/2000.
Artigo 2º.-Orzamento.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará a parte correspondente delas con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.483.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999, cunha contía máxima de 9.366.600 ptas.
Artigo 3º.-Beneficiarios.
Poderán ser beneficiarios do préstamo subsidiado os estudiantes galegos matriculados en estudios universitarios de terceiro ciclo que cumpran as condicións establecidas na presente convocatoria.
Artigo 4º.-Requisitos.
Os créditos poderán ser solicitados polos estudiantes universitarios que cumpran os seguintes requisitos:
Ser galego ou descendente de galego.
Estar matriculado ou reuni-los requisitos necesarios para matricularse en estudios de terceiro ciclo.
Artigo 5º.-Duración e contía.
Os créditos correspondentes terán un prazo de amortización de capital de tres anos, tendo un prazo de carencia adicional de ata 3 anos; nembargantes, os créditos poderán cancelarse anticipadamente sen penalización ningunha.
A contía dos créditos será de 500.000 ptas. cada un, a un tipo de xuro do 4% fixo durante a vixencia do convenio, podéndose establecer unha comisión de apertura, por unha única vez, do 0,50%.
Os xuros serán financiados da seguinte forma:
a) A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria contribuirá ó pagamento do 1,34% dos xuros do primeiro ano de duración do préstamo, sen prexuízo da posibilidade da concesión dunha prórroga de ata un máximo de 3 anos, de acordo co disposto en cada convocatoria, se as necesidades orzamentarias da consellería así o permitisen. A subvención será aboada á entidade financeira con carácter anual, facéndose as dilixencias administrativas para o seu abonamento antes do primeiro vencemento anual.
b) A entidade financeira pola que opte o alumno farase cargo do 1,33% dos xuros, sempre e cando permaneza vixente a axuda relacionada no punto a) anterior.
c) O 1,33% dos xuros restantes serán a cargo do alumno prestatario, sempre e cando se manteñan as axudas anteriores. No caso de que o alumno non acredite a prórroga da axuda da consellería, citada no punto a) anterior, o préstamo pasará automaticamente a liquidarse ó tipo de xuro do 4% nominal anual.
Artigo 6º.- Solicitudes.
As solicitudes, segundo modelo anexo I desta orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela) ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 25 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común para a presentación de instancias.
Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.
As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:
a) Fotocopia do documento nacional de identidade.
b) Certificación académica ou copia compulsada dela, na que conste o expediente académico do alumno. No caso de validación deberá presenta-la certificación da institución de orixe.
c) Copia compulsada de efectua-la matrícula en 3º ciclo ou da solicitude da matrícula.
d) Declaración xurada de familia numerosa, en caso de selo.
e) Copia compulsada da declaración da renda correspondente ó exercicio de 1998 ou documento acreditativo da axencia tributaria de non estar suxeito á declaración ante a Facenda.
O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 1999.
Artigo 7º.-Comisión avaliadora.
A selección dos candidatos será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:
-Presidente:
O director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.
-Vocais:
Un representante por cada unha das universidades da Comunidade Autónoma.
Un representante da Dirección Xeral de Universidades.
-Secretario:
Un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.
Artigo 8º.-Tramitación.
Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria e emendada, no caso de ser requirida, a documentación necesaria no prazo de dez días desde a súa notificación, a comisión avaliadora elaborará unha relación na que figurarán aqueles candidatos que conten co mellor expediente.
O expediente académico será avaliado segundo o seguinte baremo:
Matrícula de honra: 4 puntos.
Sobresaliente: 3 puntos.
Notable: 2 puntos.
Aprobado e apto: 1 punto.
Suspenso ou non presentado: 0 puntos.
A comisión avaliadora poderá ter en conta, ademais, a declaración da renda correspondente ó exercicio de 1998 e a declaración xurada de familia numerosa.
Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe proposta motivado ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza.
Disposicións adicionais
Primeira.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Segunda.-As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral de Universidades de acordo coa lista de reserva, se a houbese.
Terceira.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral ou da universidade correspondente en virtude da súa representación.
Cuarta.-Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, así como para a súa notificación ós interesados será de catro meses contados a partir do día seguinte ó de remate do prazo concedido para a presentación de solicitudes, producindo efecto desestimatorio a falta de resolución.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Universidades para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.
Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de agosto de 1999.
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación
Universitaria

