Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Venres, 10 de setembro de 1999 Páx. 11.140

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 1999, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do grupo de empresas Complexo Bamio, S.L., Inversións Deportivas Ourensanas, S.A. e Escolas Deportivas Bamio, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo do grupo de empresas Complexo Bamio, S.L., Inversións Deportivas Ourensanas, S.A. e Escolas Deportivas Bamio, S.L. (código do convenio nº 3200833), con entrada nesta delegación provincial o día 16-7-1999 subscrito en representación da parte económica, polos representantes do referido grupo de empresas, e, da parte social, as centrais sindicais CIG e a delegada de persoal, todos eles con lexitimidade suficiente para asinalo, o día 8-7-1999, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado a Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 20 de xullo de 1999.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Afectará a todo o persoal do grupo de empresas Complexo Bamio, S.L., Inversións Deportivas Ourensanas, S.A. e Escolas Deportivas Bamio, S.L., sempre e cando non lle sexa de aplicación outro convenio.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

A duración do presente convenio será de 20 meses con efectos de vixencia desde o día 1 de maio de 1999 ó 31 de decembro do ano 2000. Os efectos económicos serán a partir do día 1 de maio de 1999. Todo isto con independencia do seu rexistro pola autoridade laboral e publicación no BOP.

O convenio prorrogarase por períodos anuais ó non se denunciar por calquera das partes con antelación mínima de tres meses respecto á data da súa terminación, entendéndose como denuncia válida a efectuada por escrito certificado dirixido a outra parte, conforme o previsto no Estatuto dos traballadores. A súa negociación efectuarase ó mes seguinte do seu vencemento.

Artigo 3º.-Garantía ad personam.

Por seren condicións mínimas as establecidas no presente convenio, haberán de respectarse as que veñan gozando os traballadores ou as que puidesen ser incrementadas por disposición legal, regulamentaria ou costume. Cando resultan máis beneficiosas para o traballador, respectaranse as condicións persoais que con carácter global excedan do presente convenio, manténdose estrictamente ad personam.

Capítulo II

Xornadas, horarios, horas extras, descansos diarios, semanais e vacacións

Artigo 4º.-Xornada.

A xornada máxima de traballo para o persoal para o presente convenio será de 40 horas semanais. O persoal a xornada continuada terá unha xornada de 37,5 horas semanais. Na xornada continuada computarase a media hora de comida como xornada efectivamente traballada.

Artigo 5º.-Horarios.

A elaboración e fixación de horarios de traballo será de común acordo entre a empresa e os traballadores, a través dos seus delegados de persoal ou comités de empresa.

a) Os devanditos cadros horarios deberán estar expostos en lugar visible, debendo estes sinala-la hora de entrada e saída, descanso diario e semanal e horarios das quendas.

b) Os cadros horarios deberán estar permanentemente expostos en sitios visibles nos centros de traballo.

c) Tales cadros horarios teñen que estar de conformidade co establecido no artigo 4º deste convenio, en canto á xornada máxima.

d) Os empresarios estarán obrigados a fixarlles un horario especial ós traballadores que realicen cursos de formación profesional, para os efectos de que sexa posible asistir ós citados cursos.

Artigo 6º.-Horas extraordinarias.

Cada hora de traballo que se realice sobre a duración máxima da xornada ordinaria de traballo aboarase cun incremento do 100% sobre o salario que corresponda a cada hora de traballo individual, de acordo coa táboa de salarios anexa ó presente convenio.

O número de horas extraordinarias non poderá ser superior a 2 ó día, 15 ó mes e 80 ó ano, así como

as limitacións impostas para o efecto pola lexislación en cada momento.

Artigo 7º.-Descanso diario.

Entre a terminación dunha xornada e o comezo doutra deberá existir un intervalo como mínimo de 12 horas.

Artigo 8º.-Descanso semanal.

Os traballadores terán dereito a un descanso semanal mínimo de día e medio ininterrompido, atendéndose para o seu goce ó establecido na lexislación vixente.

Artigo 9º.-Festas aboables e non recuperables.

Se por necesidade do servicio e logo do acordo entre o traballador e a empresa se traballase en día festivo, aboarase da seguinte forma:

a) Se o traballador opta por que se lle compense economicamente o día traballado, deberá percibi-lo 150% do salario correspondente ó devandito día.

b) Se opta polo descanso compensatorio, terá dereito a día e medio ininterrompido, dentro da mesma semana na que coincida o devandito día.

c) O traballador ó que o seu descanso semanal lle coincida festivo, terá dereito a outro día de descanso na mesma semana.

Para tódolos efectos o día 29 de xullo, 24 de decembro e 31 de decembro consideraranse festivos.

Artigo 10º.-Vacacións.

O período de vacacións para o persoal afectado por este convenio será de 30 días naturais ininterrompidos.

Durante as vacacións o traballador percibirá con cargo á empresa o salario real correspondente á súa categoría profesional.

Ós traballadores ós que na data determinada para o goce destas non completasen o ano de servicio na empresa ratearáselles polo tempo traballado.

Durante as vacacións anuais, o traballador percibirá con cargo á empresa o salario correspondente á súa categoría profesional, sendo estas retribuídas a salario real.

En cada empresa elaborarase un cadro de vacacións conforme establece a lexislación vixente, é dicir: nos tres primeiros meses do ano, no que se exporá o período de vacacións que gozará cada traballador, ou grupo de traballadores, intentando que sexan rotativas.

Capítulo III

Enfermidade, licencias, excedencias e servicio militar

Artigo 11º.-Enfermidade.

No caso de enfermidade do traballador, a empresa está obrigada a satisface-lo complemento necesario para que, computando o que perciba con cargo á Seguridade Social, por prestación económica de IT

alcance o 100% do salario establecido no presente convenio.

A empresa reserva para sí o dereito a recorrer ante a inspección médica para verifica-la autenticidade de calquera baixa por IT.

Artigo 12º.-Licencias.

As empresas afectadas polo presente convenio concederán as licencias retributivas que soliciten os traballadores, logo de aviso e xustificación e polas causas e prazos que a continuación se consignan:

a) Por matrimonio: 15 días naturais.

b) Por falecemento de fillos: 5 días naturais.

c) Por enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o 2º grao de consanguinidade: 3 días naturais. Cando por tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de 4 días naturais.

d) Por asistencia a exames, o tempo necesario requirido por estes, quedando o traballador obrigado a xustificar tal circunstancia e a duración daqueles.

e) Por traslado de domicilio habitual: 2 días naturais.

Artigo 13º.-Excedencia.

Establécese a situación de excedencia voluntaria para o persoal afectado por este convenio, sendo preciso que para gozar tal beneficio se leve ó servicio da empresa máis de 2 anos. A permanencia na situación de excedencia á que se refire o parágrafo anterior, non poderá ser inferior a tres meses, nin superior a 5 anos, concedéndose esta por unha soa vez.

Causarase baixa na empresa, definitivamente, no caso de que finalizada a excedencia o traballador non solicite o reingreso por escrito con 1 mes de antelación ó vencemento dela.

No caso de solicita-lo reingreso das excedencias de igual categoría profesional, terá preferencia o que teña maior antigüidade na empresa. O traballador en excedencia non se poderá ocupar en ningún centro de traballo que desenvolva a súa actividade en iguais ou similares características á da súa profesión.

Durante o período de excedencia non percibirá ningún soldo.

Artigo 14º.-Servicio militar.

Os traballadores durante o servicio militar terán reservado o seu posto de traballo entendéndose esta reserva ata os dous meses do seu licenciamento. Os traballadores que no momento da súa incorporación a filas leven dous anos de servicios na empresa, percibirán a gratificación extraordinaria que corresponda aboar despois da súa incorporación, xa sexa o mes de xullo ou decembro.

Artigo 15º.-Axuda por xubilación.

Todo traballador que cese na empresa, tanto por xubilación como por pasar á situación de invalidez permanente, con máis de 5 anos de servicio, percibirá desta o equivalente ás seguintes cantidades:

-Ós 5 anos de servicio na empresa: 2 mensualidades.

-Ós 10 anos de servicio na empresa: 6 mensualidades.

Estas gratificacións percibiranas tanto o home como a muller, segundo o caso, se o traballador falecese antes de se xubilar e xa cumpridos os 55 anos, ou levase dez anos de servicio ininterrompidos na empresa no momento da súa morte e no seu lugar os orfos de menos de 18 anos ou de máis se están incapacitados para o traballo.

Artigo 16º.-Código de conductas.

As relacións laborais na empresa discorrerán en todo momento polo camiño da igualdade, mutuo respecto e diálogo. O traballador obedecerá as ordes que lle correspondan á súa específica categoría profesional dentro do seu horario de traballo, salvo aqueles casos que fosen excepción.

Artigo 17º.-Ascensos.

Os ascensos de categoría profesional produciranse tendo en conta a formación e a antigüidade do traballador na empresa.

Artigo 18º.-Cesamentos, prazos e aviso previo.

Os traballadores que desexen cesar voluntariamente dos seus servicios na empresa, veranse obrigados a poñelo en coñecemento desta por escrito ou a través do delegado sindical ou comité de empresa cumprindo un prazo de 15 días de aviso previo.

O incumprimento do traballador da obriga de avisar coa mencionada antelación, daralle dereito á empresa a descontar da súa liquidación o salario dun día por cada día de atraso.

Capítulo IV

Aprendizaxe

Artigo 19º.-Concepto.

Os traballadores en calidade de aprendizaxe ligados á empresa, en virtude de contrato especial, polo cal esta á vez que utiliza o traballo do que aprende, obrígase a ensinarlle-lo oficio correspondente.

A aprendizaxe, que será sempre retribuída, dará lugar a un contrato especial que se rexerá, tanto no seu contido como na súa forma, e nas obrigas respectivas de cada unha das partes, respectivamente, ademais de polo regulado nas disposicións legais, polas seguintes condicións.

a) O número de horas de traballo á semana non poderá ser superior a 35 horas repartidas en 7 diarias durante 5 días.

b) Non poderán realizar horas extraordinarias.

c) A xornada de traballo non poderá comezar antes das 9 da mañá, nin terminar despois das 22 horas, polo que non poderán realizar traballo nocturno.

d) A xornada de traballo será continuada con interrupción de 30 minutos na comida.

e) As tarefas encargadas a estes traballadores, serán exclusivamente as pertinentes á categoría profesional para a que se están preparando.

Capítulo V

Retribucións

Artigo 20º.-Retribucións.

As retribucións de persoal afectado por este convenio serán as da táboa de salarios anexa a el.

Serán de obrigado cumprimento para tódolos traballadores afectados polo convenio con independencia da súa modalidade de contratación, incluídas aquelas contratacións que expresamente o sexan a través das empresas de traballo temporal, as cales e para o persoal afectado por este convenio deberán fixar estes salarios no documento contractual que formalicen coas empresas.

Artigo 21º.-Forma de pagamento.

O pagamento do salario efectuarase dentro da xornada laboral.

Artigo 22º.-Anticipos.

O traballador terá dereito a percibir anticipos a conta do seu salario sen que poidan exceder do 80% do salario que ten dereito a percibir.

Artigo 23º.-Recibos de salarios.

Tódalas empresas afectadas polo presente convenio, quedarán obrigadas a entregarlles ós seus traballadores no momento de aboárlle-los seus salarios un recibo (do modelo oficial) no que consten con toda claridade os seguintes datos:

a) Os datos da empresa e os profesionais do traballador.

b) O período de tempo que se paga, a cantidade total e real en pesetas gañadas polo traballador, con especificación de todos e cada un dos conceptos polos que se cobra.

Os recibos de salarios téñense que referir a meses naturais concretos. Se a empresa pagase por semanas, quincenas ou calquera outro período inferior ó mes, estas cantidades consignaranse como anticipos.

Artigo 24º.-Salario base.

O salario bruto base anual para os traballadores afectados por este convenio desde a súa vixencia, a partir do 1 de maio de 1999 e ata o 31 de decembro de 1999, será o da táboa salarial (anexa), que representa unha suba salarial do 7,5% para os traballadores que ata o inicio da vixencia tiñan un salario inferior ás 100.000 pesetas, e do 2,5% para aqueles cun salario superior ás 100.000 pesetas, excepto a categoría do xerente.

Para o ano 2000 e desde o 1 de xaneiro, aplicarase unha suba salarial equivalente ó IPC oficial o 31 de decembro de 1999, máis o 0,5% para aqueles traballadores con salario inferior ás 100.000 pesetas, e do IPC oficial para os que teñan un salario superior ás 100.000 pesetas.

Artigo 25º.-Antigüidade.

O persoal comprendido no presente convenio percibirá aumentos periódicos por anos de servicios consistentes no aboamento de cuadrienios na contía do 5% sobre o salario base.

Artigo 26º.-Complementos de posto de traballo.

O traballador que desempeñe unha praza de categoría superior, percibirá o salario correspondente á mencionada categoría. Se o desempeño de tal actividade fose continuado durante tres meses ou alterno durante seis, o traballador consolidará o salario correspondente á citada categoría, logo de reclamación ante a empresa. Se por esixencia no traballo, sempre con carácter transitorio urxente e non reiterativo, se destinase a un traballador a tarefas pertencentes a categorías profesionais ás que non estea adscrito, conservará a retribución correspondente á súa categoría. En todo caso respectarase a orde xerárquica profesional para adscribi-lo traballador de categoría inferior, sempre e cando non constitúa represalias, discriminacións, tratos vexatorios ou ofensivos.

Artigo 27º.-Gratificacións extraordinarias.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá tres pagas extraordinarias consistentes nunha mensualidade dos salarios base vixentes en cada momento e aumentos periódicos por ano de servicio.

Estas pagas serán aboadas: a paga do verán, antes do 20 de xullo, a paga de Nadal antes do 20 de decembro e a paga de beneficios antes do 21 de marzo. O importe das referidas gratificacións será rateado en proporción ó tempo traballado durante o ano, computándose como tal o correspondente a enfermidade xustificada, accidente de traballo, vacacións e permisos retribuídos.

Artigo 28º.-Complementos en especie.

Todo persoal que antes desta data teña dereito a este complemento seguirá desfrutando del.

Artigo 29º.-Gratificación de nocturnidade.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as 10 horas da noite e as 6 da mañá. Salvo que o salario se establecese atendendo a que o traballo sexa nocturno, en todo ou en parte, pola súa propia natureza, terán unha retribución específica incrementada, como mínimo nun 25% sobre o salario base.

Artigo 30º.-Roupa de traballo.

Anualmente as empresas subministrarán como mínimo a tódolos seus traballadores un uniforme completo, sempre que se lles esixa a súa utilización.

Artigo 31º.-Contratación.

Para contribuír a darlle estabilidade ó emprego, as partes asignadas do presente convenio comprométense a fomenta-la contratación indefinida, como norma xeral de acordo coas novas modalidades de contratación.

Sen embargo, ó ser este un sector cunha problemática específica propoñémo-los seguintes modelos de contratación.

a) Contratos de formación. O contrato terá como obxecto a adquisición da formación teórica e práctica necesaria para o desempeño adecuado dun oficio

ou dun posto de traballo que requira un determinado nivel de cualificación.

Poderanse subscribir con traballadores maiores de 16 anos e menores de 21 anos, cunha duración mínima de 6 meses, e prorrogables ata un máximo de 3 anos.

O período de formación será do 15% da xornada máxima prevista no convenio, que poderá ser impartida dunha soa vez ó inicio do contrato.

O salario de contratación destes traballadores será igual ó 75%, 85% e 95% do salario base da categoría para o que son contratados, durante o primeiro, segundo e terceiro ano, respectivamente da vixencia do contrato. A aplicación deste salario será para os contratos formalizados a partir da entrada en vigor do presente convenio ou da súa publicación no BOP.

b) Cando as circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, así o esixiran, aínda tratándose da actividade normal da empresa, os contratos de traballo concertados de acordo co establecido no artigo 15.1.B do Estatuto dos traballadores e os artigos 1.B e 3 do Real decreto 2546/1994, terán unha duración máxima de 13 meses e medio dentro dun período de 18 meses.

Poderán acollerse ó disposto nesta disposición tanto nos contratos pactados desde a publicación do presente convenio como aqueles que estean xa en vigor na data de xubilación do presente convenio e aínda non esgotaron a súa duración.

De formalizarse por tempo inferior ó citado de 13 meses e medio, poderán facerse prórrogas ata completa-la totalidade do tempo de 13 meses e medio.

Disposición adicional

Única.-Comisión mixta. Constitúese unha comisión mixta paritaria formada por dous representantes da parte social e dous da parte empresarial, así como os asesores que as partes xulguen oportunos, que terán voz pero non voto. Serán funcións desta comisión:

a) Interpretación do convenio.

b) Arbitraxe das cuestións e problemas do convenio sometidas á súa consideración por calquera das partes.

c) Intervención nos conflictos colectivos.

d) Vixilancia e cumprimento do pactado.

Táboa salarial

(Retribucións brutas)

Xerente263.462 ptas.

Monitor tenis180.882 ptas.

Recepcionista 1ª138.545 ptas.

Recepcionista 2ª80.196 ptas.

Monitor piscina e ximnasia116.460 ptas.

Monitor musculación e artes marciais99.833 ptas.

Oficial 1ª93.026 ptas.

Mantemento87.051 ptas.

Monitora aerobic80.196 ptas.

Celadora78.119 ptas.