Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Venres, 17 de setembro de 1999 Páx. 11.354

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 7 de setembro de 1999 pola que se aproba o Código Galego de Boas Prácticas Agrarias.

A Directiva do Consello 91/676/CEE, do 12 de decembro, relativa á protección de augas contra a contaminación producida por nitratos utilizados na agricultura foi adoptada como consecuencia da inquietude, xa sinalada no Libro Verde da Comisión As Perspectivas da Política Agraria Común, do risco que supón para o ambiente o uso excesivo de fertilizantes, así como o vertido de residuos procedentes da gandería e a consideración de que a causa principal da contaminación orixinada por fontes difusas que afecta ás augas da comunidade son os nitratos procedentes de fontes agrarias.

Esta directiva trasposta ó ordenamento xurídico español polo Real decreto 261/1996, do 16 de febreiro, ten como obxectivos prioritarios reduci-la contaminación causada ou provocada polos nitratos de orixe agraria e actuar preceptivamente contra novas contaminacións da dita clase.

O devandito real decreto, no seu artigo 5, establece que os órganos competentes das comunidades autónomas elaborarán un ou máis códigos de prácticas

agrarias, que os agricultores poderán poñer en práctica de forma voluntaria coa finalidade de reduci-la contaminación producida polos nitratos de orixe agraria.

Para tal efecto, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, elaborou e enviou ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e este posteriormente á Comisión, o Código Galego de Boas Prácticas Agrarias, que aconsella unha serie de actuacións nas prácticas máis comúns, tendentes á diminución da incidencia ambiental dos fertilizantes nitroxenados dentro da compatibilidade dunha agricultura moderna, sostible e sempre axeitada ás condicións da Comunidade galega.

Por todo iso, e tendo en conta a obriga por parte da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria de divulga-lo seu contido e considerando oportuno, por razóns de interese público, o xeral coñecemento do citado código, e en uso das competencias que teño conferidas, en virtude do artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía e o artigo 34 da Lei 1/1983 do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

RESOLVO:

Facer público o Código de Boas Prácticas Agrarias de Galicia para a protección de augas contra a contaminación producida por nitratos de orixe agraria.

O código estará á disposición das persoas interesadas, así como dos agricultores interesados en poñelo en práctica de forma voluntaria, na Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e nas súas delegacións provinciais.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria