Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Martes, 28 de setembro de 1999 Páx. 11.701

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 7 de setembro de 1999 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Antonio Fraguas Fraguas.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, con domicilio en Santiago de Compostela, na sede do Museo do Pobo Galego, San Domingos de Bonaval nº 3.

Supostos de feito.

1. Luciano García Alén, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 19 de agosto de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o día 9 de agosto de 1999, ante o notario Enrique Roger Amat, baixo o número 1634 de protocolo por Antonio Fraguas Fraguas, o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo Jesús Pérez Varela, o alcalde-presidente do Concello de Santiago de Compostela Xosé Sánchez Bugallo, Luciano García Alén e Manuel Caamaño Suárez; interveñen Luciano García Alén e Manuel Caamaño Suárez, en representación, como presidente e secretario, respectivamente, da Xunta Rectora, do Museo do Pobo Galego, os demais, no seu propio nome.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos o obxecto da fundación é:

a) A achega de medios económicos para o funcionamento do Museo do Pobo Galego, como institución que representa a concreción e síntese da obra de Antonio Fraguas Fraguas e de todos cantos con el loitaron por un centro que recollese a cultura material e espiritual de Galicia, en especial Xaquín Lorenzo Fernández, Xesús Taboada Chivite, Xosé Fernando Filgueira Valverde, Ramón Martínez López, Antonio Rodríguez Fraiz e Ramón Piñeiro López, patróns fundadores desta institución.

b) A defensa, conservación, promoción e divulgación do seu legado material e intelectual a través do apoio ó funcionamento do Museo do Pobo Galego.

4. O padroado da fundación estará constituído por: Antonio Fraguas Fraguas como presidente con carácter vitalicio, o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo como vicepresidente primeiro, o Alcalde de Santiago de Compostela como vicepresidente segundo, o presidente da Xunta Rectora do Museo do Pobo Galego como vicepresidente terceiro, dez membros designados polo Padroado do Museo do Pobo Galego como vocais, o secretario do Padroado do Museo do Pobo Galego como secretario. Será

presidente de honra o presidente da Xunta de Galicia.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 6 de setembro de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Antonio Fraguas Fraguas e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública