Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Venres, 08 de outubro de 1999 Páx. 12.090

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 263/1999, do 30 de setembro, polo que se fixa a concentración límite en solos afectados por vertidos de residuos de HCH.

A Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, dedica o título V ós solos contaminados. No artigo 27 do dito título asígnanse ás Comunidades Autónomas, entre outras competencias, as de declarar, delimitar e facer un inventario dos solos contaminados, así como obrigar a realiza-las actuacións necesarias para proceder á limpeza ou recuperación, e tamén declarar que un solo deixou de estar contaminado trala comprobación de que se realizaron de forma adecuada as operacións de limpeza e recuperación del.

Debido ás actuacións iniciadas como consecuencia do Plan nacional de solos contaminados, viñéronse realizando unha serie de investigacións que conduciron a detecta-la presencia de substancias contaminantes en solos, entre as que se atopa o hexaclorociclohexano.

A presencia deste último contaminante fai preciso fixar un valor límite con relación á concentración de HCH en solos, que permite establecer, con carácter xeral e se é necesaria, unha intervención nos solos onde se atopou este contaminante.

En ausencia no momento presente dos criterios e estándares xerais segundo a natureza dos solos e dos usos, que debe establece-la Administración xeral do Estado logo de consulta ás comunidades autónomas, é necesario establecer de moda particular as concertacións límites de HCH, como norma adicional de protección do ambiente para desta forma dispoñer dun criterio uniforme que permita decidir sobre a intervención nos solos afectados por estes vertidos.

Por outra parte, os estudios técnicos realizados pola Xunta de Galicia sobre criterios e estándares en solos, os niveis publicados por outras comunidades autónomas, as experiencias de países da Unión Europea en relación ós solos contaminados, e o estado do coñecemento nesta materia estímanse datos básicos suficientes, para poder establece-la concentración límite de HCH requirida, para considera-lo solo como contaminado por este compoñente.

Este decreto díctase con base na competencia que teñen as comunidades autónomas para establecer normas adicionais de protección do ambiente, de acordo co artigo 27.30º do Estatuto de autonomía de Galicia.

De conformidade con todo o exposto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de setembro de mil novecentos noventa e nove

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Límite.

Sen prexuízo dos criterios e estándares que determine o Goberno da Nación, para efectos da declaración como solo contaminado de acordo co artigo 27 da Lei básica 10/1998 , do 21 de abril, de residuos, a concentración límite de HCH para a intervención no solo, calquera que sexa a súa natureza e uso, é de 2 mg/Kg (dous miligramos por quilogramo).

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos deste decreto entenderase por:

a) «Concentración límite»: é a concentración expresada en mg/Kg (materia seca nunha mostra

representativa) para mostras sólidas e en lg/l para mostras líquidas que representa o límite superior da aceptabilidade do risco dun solo contaminado.

b) HCH: suma dos diversos isómeros, (a, b, e d) do hexaclorociclohexa no (CH Cl).

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de setembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente