A Comisión de Conflictos da Universidade de Vigo, na súa reunión do día 19 de xullo de 1999, examinou, entre outras, a reclamación formulada por Carlos Lete Achirica, o día 6 de maio de 1999, contra a proposta da comisión encargada de prover, mediante concurso público, a praza de profesor titular de universidade de dereito financeiro e tributario da Universidade de Vigo, nº 29/1998, convocada por Resolución do 2 de abril de 1998 (BOE do 29 de abril), para a súa resolución, a comisión de conflictos tivo en conta os seguintes feitos:
Primeiro.-A comisión xulgadora da praza constituíuse legalmente e foron aprobados os oportunos criterios de valoración.
Segundo.-Que a citada comisión elaborou a proposta de provisión da antedita praza a favor de Rober-
to Fernández López, que recibiu os cinco votos da comisión.
Terceiro.-Contra a proposta da comisión o interesado presentou, con data do 6 de maio de 1999, reclamación ante a Comisión de Conflictos da Universidade de Vigo.
A estes antecedentes sonlles de aplicación os seguintes:
Fundamentos de dereito.
1. A reclamación está interposta no prazo e por persoa lexitimada polo que procede a súa admisión.
2. O reclamante, Carlos Lete Achirica, basea a súa reclamación na impugnación dos seguintes extremos do proceso: irregularidades procedementais nas actuacións da comisión; informe sobre valoración dos concursantes: recusación de membros da comisión.
3. O relatorio que fai o concursante das supostas irregularidades procedementais deben ser reputadas como non invalidantes. Así, cando alega que o debate que dispón o artigo 9.3º do R.D. 1888/1984, non tivo lugar ou que foi excesivamente breve, debe terse en conta que a norma non impón o debate, pois emprega o termo debaterá non que a comisión debe debater, pero o debate darase cando a comisión considere que é necesario para a formación do xuízo acerca dos méritos alegados polo concursante, historial académico ou investigador e proxecto docente presentado.
Pola súa vez alega a falta de cualificación numérica tal como esixe a normativa vixente. Pois ben, o Tribunal Supremo tense pronunciado na Sentencia 13-12-1994, pondo de manifesto que a validez do sistema de votación recoñecese tamén polo artigo 7.7º do R.D. 1888/1984, que as comisións tomarán os seus acordos por maioría, en caso de empate decidirá o voto do presidente. A proposta de provisión de praza require, en todo caso, tres votos conformes.
Neste mesmo sentido, a Sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, do 28-11-1995, afirma que a ausencia de cualificación numérica non implica ningunha irregularidade, axustándose ó procedemento de valoración seguido pola comisión ó previsto no artigo 9.3º do R.D. 1888/1984, que só esixe a emisión por cada membro do seu voto favorable ou non favorable para cada aspirante.
O informe ó que fai referencia o artigo 9.7º do R.D. 1888/1984 é quizais un dos piares básicos para coñece-los motivos polos que se fai a proposta a favor dun candidato. Neste informe, que debe ser debidamente motivado e que pode ser realizado xunta ou separadamente por cada un dos membros da comisión, debe recollerse unha análise da avaliación das distintas probas, e a aplicación sobre os distintos candidatos dos criterios establecidos con relación ós méritos presentados; neste caso a motivación da proposta está argumentada e é suficientemente clara e acorde coa preservación, defensa e observancia
dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade como garantes da selección dos máis aptos para a prestación eficaz do servicio público.
4. As funcións da comisión de reclamacións (conflictos), non son as de incidir no aspecto material da decisión técnica, senón que o seu control debe limitarse ós contornos, é dicir, comprobación do respecto da comisión xulgadora polos principios de mérito, capacidade e igualdade.
Así, a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, do 2 de xullo de 1993, nun alarde de lucidez sobre esta materia, confirma a doutrina xurisprudencial de que só se poden recusa-las valoracións cando estas vulneren normas ou a propia constitución, concluíndo a imposibilidade de chegar á revisión absoluta das valoracións científicas.
«No tocante á discrecionalidade técnica da comisión xulgadora, trátarase dun problema difícil porque as fronteiras non están completamente claras. Esa discrecionalidade non é ilimitada, nin irresponsable, nin exenta de submisión á Constitución e ó Dereito, nin libre da revisión por esta xurisdicción. Pero esta xurisdicción non pode substituí-los órganos encargados de dicir quén pode ser profesor de filosofía ou enfermería. En todo caso a revisión xurisdiccional debe garanti-lo respecto á lei e ó dereito e evita-las inxustizas materiais máis visibles, pero nin á revisión xurisdiccional, nin ningunha outra, pode garanti-la xustiza material ó cento por cento en materias nas que son inevitables as apreciacións subxectivas. O dereito é ars aequi et boni, non ciencia exacta. Se, para remedia-los inconvenientes da falta de exactitude, se aplicaran os tribunais de xustiza a emitir xuízos sobre enfermería ou álxebra lineal, o remedio sería peor cá enfermidade; e, a fin de contas, a absoluta
xustiza das valoracións científicas seguirá sen estar garantida».
5. No que atinxe á recusación instada polo recorrente no seu escrito de ampliación, debemos dicir que é frecuente que un candidato reclamante, á vista dos informes emitidos sobre a súa persoa, considere que algún membro da comisión xulgadora ten algún tipo de amizade co proposto ou inimizade coa súa persoa, polo que, ademais de presenta-la reclamación correspondente, presente unha recusación contra determinados membros da comisión cando remate o concurso.
A sentencia do Tribunal Superior do 2 de xullo de 1993, razoa este suposto do seguinte modo:
«...pero é que ademais do anterior, a recorrente non acreditou nin a amizade íntima que di que existe entre o presidente e o secretario da comisión, D. Juan Carlos O., Nin a recusación se produciu dentro do expediente serían unha vez resolto o concurso, cando o artigo 21.1º da LPA permite que a recusación se poida promover en calquera momento da tramitación do expediente, polo tanto non despois, e como o procedemento remata coa realización do concurso e coa resolución da designación do que obtivo a praza, esgrimida con posterioridade, está claro que
esta é extemporánea e que, polo tanto, non se pode tomar en conta, sen que sexa admisible a alegación do representante legal da universidade de que o prazo para formular recusación é de quince días como establecían as bases do concurso, pois estas non poden restrinxi-lo prazo legal que refire a todo o tempo de tramitación do expediente, malia ser certo, como se dixo antes, que se presentou unha vez rematado o expediente.»
Vista a Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto; Real decreto 1888/1984, do 26 de setembro, modificado parcialmente polo Real decreto 1427/1986, do 13 de xuño, a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, reformada pola Lei 4/1999, esta comisión toma o seguinte acordo:
Desestima-la reclamación de Carlos Lete Achirica presentada ante a comisión de conflictos o día 6 de maio de 1999, contra a proposta da comisión xulgadora.
Contra este acordo, que esgota a vía administrativa poderá interpor recurso perante a xurisdicción contencioso-administrativa no prazo de dous meses desde o día seguinte ó de recibo desta notificación que se practica por correo certificado con xustificante de recepción de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.
Vigo, 28 de xullo de 1999.
Domingo Docampo Amoedo
Presidente da Comisión de Conflictos
da Universidade de Vigo

