Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Venres, 29 de outubro de 1999 Páx. 12.766

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 275/1999, do 14 de outubro, sobre axudas para reparación de edificios de vivendas de protección oficial de promoción pública.

O Estatuto de autonomía para Galicia establece, no seu artigo 27.3º, que lle corresponde á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de ordenación do territorio, urbanismo e vivenda.

Polo Real decreto 1926/1985, do 11 de setembro, traspasouse á Comunidade Autónoma de Galicia o patrimonio público de vivendas dependentes do Instituto de Promoción Pública de Vivenda.

A xestión deste patrimonio, así como as competencias en materia de vivenda, encoméndanselle ó Instituto Galego da Vivenda e Solo pola Lei 3/1988, do 27 de abril, e polas demais normas que a desenvolven.

As técnicas constructivas, os materiais empregados na construcción e a propia antigüidade das edificacións transferidas aconsellan, hoxe en día, levar a cabo unha serie de actuacións encamiñadas a mellora-lo seu estado de conservación e mantemento.

Debe considerarse que, atendendo ós niveis de renda das familias residentes nestas vivendas, dificilmente poden acometer, por si soas, as obras de reparación, adaptación ou acondicionamento necesarias.

Deste xeito faise necesario abrir unha liña de axudas que lles permita ós propietarios facer fronte ós custos de reparación dos edificios de vivendas de protección oficial de promoción pública co obxecto de soluciona-los problemas de deterioración das edificacións e dotar dunha calidade de vida adecuada ós seus residentes.

Por todo isto, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de outubro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regula-lo establecemento e a concesión de axudas á reparación dos edificios de vivendas de promoción pública.

Artigo 2º.-Actuacións protexibles.

A reparación de edificios referirase ás modalidades de actuación que se definen a continuación:

1. Adecuación estructural do edificio: obras que proporcionen ó edificio condicións de seguridade constructiva, de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez.

2. Adecuación funcional: obras que proporcionen ó edificio condicións suficientes respecto de accesos, estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento

térmico, redes xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, servicios xerais e seguridade fronte a accidentes e sinistros, supresión de barreiras arquitectónicas e instalación de calefacción, así como a restauración de fachadas e carpinterías exteriores.

Artigo 3º.-Orzamento protexible.

Para os efectos deste decreto, o orzamento protexible sobre o que se calculará a contía da subvención estará integrado polo custo real das obras, determinado polo orzamento de execución material máis o IVE.

En todo caso, establécense como prezos máximos os das distintas partidas da base de datos da construcción de Galicia vixentes no momento da apertura do prazo de presentación de solicitudes e, para as partidas non definidas, determinaranse os rendementos por asimilación a outras partidas.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán solicita-las subvencións previstas neste decreto as comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública sempre que se cumpran as seguintes condicións:

1. Que tódalas vivendas e locais que compoñan o edificio estean adxudicados en réxime de compravenda.

2. Que o edificio teña unha antigüidade superior a 10 anos.

3. Que os edificios que vaian ser rehabilitados para obte-la adecuación funcional dispoñan xa da adecuación estructural ou vaian acadala simultaneamente.

Artigo 5º.-Subvencións.

A contía da subvención fixarase porcentualmente en función do tipo de adecuación que se vaia realizar.

Adecuación estructural:

-75% do orzamento protexible, sen que o importe dela poida supera-las 800.000 ptas. por vivenda.

Adecuación funcional:

-60% do orzamento protexible sen que o importe dela poida supera-las 600.000 ptas. por vivenda.

Artigo 6º.-Presentación de solicitudes.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda dictará a orde de desenvolvemento deste decreto na que se determinará o prazo de presentación de solicitudes, o modelo ó que se axustarán e a documentación que os solicitantes deberán achegar.

As solicitudes deberán ser formuladas polos presidentes das comunidades de propietarios e presentaranse, xunto coa documentación, nas delegacións provinciais do IGVS ou segundo o establecido no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Selección de beneficiarios e actuacións.

No caso de que o importe das actuacións solicitadas por tódalas comunidades de propietarios supoña excede-las dispoñibilidades orzamentarias previstas na

aplicación orzamentaria asignada para esta finalidade, farase unha selección de acordo cos seguintes criterios:

1. Terán preferencia aquelas solicitudes que obteñan un maior número de puntos como resultado da aplicación do baremo que se estableza na orde de desenvolvemento deste decreto, ata esgota-lo importe total da aplicación orzamentaria.

2. Nos casos de igualdade de puntuación, a orde de prelación será con base á urxencia ou emerxencia das obras que se vaian realizar, que serán avaliadas pola comision de valoración.

Os servicios técnicos do IGVS, á vista da documentación presentada e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, elaborarán un informe no que se valorará a necesidade das reparacións solicitadas, solución técnica aplicable, prazo de execución e orzamento da actuación.

Cando unha comunidade de propietarios solicite diferentes obras de reparacións, estas valoraranse individualmente en función do tipo de actuación de que se trate, de tal xeito que poida aprobarse soamente unha parte das obras solicitadas.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

Co obxecto de realiza-la selección dos beneficiarios en aplicación do establecido neste decreto e na orde que o desenvolva, constituirase unha comisión de valoración que terá a seguinte composición:

Presidente: o director técnico de construccións do IGVS.

Vocais: o xefe do Servicio de Programación, Xestión de Investimentos e Apoio Administrativo do IGVS.

O xefe da Oficina Técnica do IGVS.

Os sefes das áreas provinciais do IGVS.

Secretario: un funcionario designado para tal efecto polo IGVS.

A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir dos solicitantes das axudas a información ou documentación adicional que teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 9º.-Aprobación provisional.

A comisión de valoración, á vista das solicitudes e da documentación presentadas, dos informes dos servicios técnicos, do crédito orzamentario dispoñible e da puntuación que resulte en cada caso, elevará a proposta de selección dos expedientes presentados ó director xeral do IGVS.

Á vista da proposta da comisión de valoración, o director xeral do IGVS resolverá aprobando provisionalmente as solicitudes propostas.

A resolución aprobatoria comprenderá a puntuación acadada polo expediente e a porcentaxe de subvención que se conceda. Esta resolución poderá aprobar parcialmente unha solicitude de actuación concedendo, polo tanto, axudas soamente para algún tipo de obra das solicitadas.

Artigo 10º.-Aprobación definitiva.

Unha vez resolto o proceso de selección, os beneficiarios daquelas actuacións seleccionadas presentarán a documentación que se estableza na orde de desenvolvemento deste decreto co obxecto de que o director xeral do IGVS proceda a dictar aprobación definitiva pola que autorice o inicio das obras.

Artigo 11º.-Execución da obra e pagamento da subvención.

As obras executaranse con estricta suxeición ó proxecto redactado e o IGVS procederá ó pagamento das subvencións establecidas, unha vez acreditada a súa execución conforme determina a orde de desenvolvemento.

Artigo 12º.-Compatibilidade de beneficios.

Os beneficios establecidos nesta disposición serán compatibles con calquera outra axuda que puidese outorgarse para tales fins; agora ben, en ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas poderá ser de tal contía que illadamente ou en concorrencia coas concedidas polas administracións ou entes públicos e privados, nacionais e internacionais supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 13º.-Control.

1. O IGVS fará un seguimento puntual da execución das obras, debendo comproba-la realización da obra certificada con carácter previo ó seu pagamento.

2. O IGVS fará un control do cumprimento do obxecto, finalidade e demais compromisos adquiridos polos beneficiarios das axudas. Así realizará as comprobacións que considere oportunas respecto destas e terá acceso a toda a documentación xustificativa delas efectuando control de conformidade co disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia. O incumprimento por parte do beneficiario dos requisitos establecidos neste decreto e na orde que o desenvolva dará lugar, de acordo co previsto no artigo 78.5º da devandita lei, á revogación da axuda concedida e ó reintegro das cantidades recibidas e mailos xuros legais desde a súa percepción, sen prexuízo, se é o caso, doutras responsabilidades nas que poida incorre-lo beneficiario.

3. No caso de que o investimento ou actuación realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda inicialmente concedida reducirase nunha porcentaxe proporcional.

Disposición adicional

O IGVS poderá realizar actuacións puntuais nos edificios de vivendas de promoción pública obxecto deste decreto cando, acreditada unha situación de urxencia ou de emerxencia, exista unha necesidade inminente de realiza-las obras, non sendo posible demora-lo seu inicio.

Disposición transitoria

Tódalas actuacións que na data de entrada en vigor deste decreto estean recollidas na programación de

reparacións do IGVS serán acometidas directamente por este organismo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dictar, no ámbito da súa competencia, as normas necesarias en desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de outubro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda