Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 09 de novembro de 1999 Páx. 13.116

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 289/1999, do 14 de outubro, polo que se crea o Euro-Observatorio Galego.

O 1 de xaneiro de 1999 o euro substituíu as moedas nacionais dos estados que integran a Unión Monetaria Europea e comeza a última fase da Unión Económica e Monetaria. Non cabe dúbida de que a aparición da nova moeda vai afectar a tódolos cidadáns, xa que estes non se adaptan dunha maneira automática a unha nova unidade de conta, de aí a importancia do aproveitamento do período de transición para formar e informar adecuadamente os usuarios. Xa o Libro Verde sobre as modalidades de transición á moeda única, de maio de 1995, sinalaba a necesidade de lles explicar ós consumidores o manexo da nova unidade de conta, asegurándolles que en ningún caso deberían verse prexudicados pola adopción da nova moeda. Tódalas administracións públicas, desde a Comisión Europea ás comunidades autónomas e corporacións locais, teñen un papel clave na popularización da nova moeda e na loita contra as posibles irregularidades que se poden formular en relación coa transición ó euro.

Seguindo esta liña, a recomendación da Comisión do 23 de abril de 1998, no seu artigo 2, alíneas 1º, 2º, 3º e 5º, indica que sería conveniente que os Estados membros creasen observatorios compatibles coas estructuras administrativas existentes, que servisen de centros de diálogo e seguimento para o cidadán, e que teñan como fin o posibilita-lo seguimento da introducción do euro, a lealdade das transaccións e a transparencia nas prácticas profesionais, onde teñan representación os sectores profesionais afectados, as administracións públicas e os cidadáns, particularmente os consumidores, facendo fincapé na realización dun atento seguimento da aplicación das normas de boas prácticas e da información que ofrezan os bancos ó respecto.

A Comunidade Autónoma de Galicia, seguindo a dita recomendación, crea a través deste decreto o Euro-Observatorio Galego, coa misión de se-lo medio de seguimento e control durante o proceso de implantación do euro, evitando os abusos e garantindo a transparencia do proceso de transición e, ó mesmo tempo, a resolución dos conflictos que puideran xurdir ós consumidores.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de outubro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase o Euro-Observatorio Galego, dependente da consellería competente en materia de consumo,

como órgano encargado do seguimento, control e participación no proceso de transición e implantación do euro, no ámbito das relacións entre os consumidores e profesionais do comercio, a hostalería e os servicios, coa finalidade de promove-lo axeitado clima de confianza e permitir unha transición positiva cara ó euro.

Artigo 2º.-Composición.

O Euro-Observatorio Galego estará composto polos seguintes membros:

-O conselleiro de Industria e Comercio, que o presidirá, ou persoa en quen delegue.

-O secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior.

-O director xeral de Comercio e Consumo ou persoa en quen delegue.

-O director xeral de Turismo.

-O director xeral de Política Financeira e do Tesouro.

-Un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

-Seis representantes das asociacións de consumidores máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia, elixidos polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

-Dous representantes das cámaras oficiais de Comercio, Industria e Navegación da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Dous representantes da Federación Galega de Comercio.

-Dous representantes das asociacións de Hostalería de Galicia.

-Actuará como secretario un técnico do Instituto Galego de Consumo, nomeado polo presidente.

O Euro-Observatorio Galego poderá invitar, cando o considere oportuno, expertos en determinadas materias, en función dos temas que se traten.

Artigo 3º.-Funcións.

Son funcións do Euro-Observatorio Galego as seguintes:

1. Face-lo seguimento da lealdade das transaccións e transparencia das prácticas profesionais.

2. Promove-lo diálogo e a colaboración entre os interlocutores dos sectores sociais e das administracións públicas no eido do consumo.

3. Establece-los medios para preparar comerciantes, consumidores e usuarios para a fase de introducción de moedas e billetes.

4. Acoller, orientar, escoitar e asisti-los cidadáns nos casos en que sexa requirido.

5. Participar en accións de informar, formar e asesora-los consumidores e profesionais, por iniciativa da Xunta de Galicia.

6. Impulsa-la adhesión ó acordo de boas prácticas que se recolle no anexo I deste decreto.

7. Conceder, controlar e retirar, cando proceda, a «euro-etiqueta» identificativa de adhesión ó citado acordo.

8. Mediar nos posibles litixios entre os consumidores e os profesionais con vistas a unha solución amigable.

Artigo 4º.-Réxime de funcionamento.

1. O Euro-Observatorio Galego funcionará en pleno ou en comisión executiva.

2. O pleno reunirase como mínimo unha vez ó trimestre.

3. A comisión executiva reunirase cando o solicite calquera dos seus compoñentes e, polo menos, unha vez ó mes.

Artigo 5º.-Composición e funcións da comisión executiva.

1. A comisión executiva estará composta por:

a) O presidente do Instituto Galego de Consumo, que a presidirá.

b) O secretario xeral da Consellería de Industria e Comercio.

c) Dous representantes do sector empresarial.

d) Un representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

e) Dous representantes das asociacións de consumidores.

f) Un técnico do Instituto Galego de Consumo, que actuará como secretario.

2. A comisión executiva exercerá as funcións sinaladas nas alíneas 1, 4, 6, 8 do artigo 3º deste decreto.

Artigo 6º.-Concesión da euro-etiqueta.

1. As empresas comerciais, turísticas e de servicios situadas na Comunidade Autónoma de Galicia que se adhiran ó «acordo de boas prácticas», que se establece no anexo I deste decreto, poderán solicitar do Euro-Observatorio Galego, a través do centro directivo con competencias en materia de consumo ou das organizacións representadas nel, a concesión da euro-etiqueta e exhibir esta na súa publicidade.

2. A solicitude de adhesión ó «acordo de boas prácticas para unha mellor implantación do euro» así como a da «eurotiqueta» farase utilizando o modelo que figura como anexo II deste decreto.

3. O Euro-Observatorio Galego concederá a euro-etiqueta logo do rexistro do compromiso de adhesión ó «acordo de boas prácticas».

4. A renuncia á adhesión ó «acordo de boas prácticas», deberá comunicarse por escrito ó Euro-Observatorio Galego e producirá, desde a data da súa comunicación, a prohibición de utiliza-lo euro-logo

en calquera tipo de comunicación por parte da empresa renunciante.

5. O Euro-Observatorio Galego creará e manterá un censo actualizado das empresas que se adheriran na Comunidade Autónoma de Galicia. Para tal efecto disporase dun rexistro, ó que terán libre acceso e disposición os distintos membros deste Euro-Observatorio Galego, podendo facelo público cando así o consideren necesario.

6. Para comprobar que os acordos adoptados se cumpren, o Euro-Observatorio Galego utilizará os servicios de inspección das consellerías de Industria e Comercio e de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia.

7. Calquera consumidor que observe que unha empresa que exhibe o euro-logo non cumpre algún acordo, poderá presenta-la reclamación oportuna dirixida ó Euro-Observatorio Galego, en calquera departamento da Consellería de Industria e Comercio ou a través de calquera organización que o compoña.

8. O incumprimento dos acordos, unha vez adherida a empresa, suporá a retirada do euro-logo e a súa prohibición de poder volver a solicitalo. No suposto de que, unha vez notificada a prohibición, a empresa continuara facendo uso do euro-logo, e sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos administrativos dentro das súas atribucións específicas, sancionarase de acordo co establecido na Lei 26/1984, do 19 de xullo, xeral para a defensa dos consumidores e usuarios.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Industria e Comercio para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución do disposto neste decreto e para actualiza-las cláusulas do «acordo de boas prácticas» que establece o anexo I.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e manterá a súa vixencia ata o final do período de introducción do euro e, en todo caso, ata o 30 de xuño do ano 2002.

Santiago de Compostela, catorce de outubro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

ANEXO I

ACORDO DE BOAS PRÁCTICAS PARA UNHA MELLOR IMPLANTACIÓN DO EURO

Estipulacións.

Primeira.-O obxectivo deste acordo é crear un clima de aceptación e confianza ante a moeda única, a través da súa cómoda, sinxela e transparente aplicación práctica.

Segunda.-As organizacións, entidades e empresas que subscriben este acordo, así como as que se adhiran con posterioridade, comprométense a:

1º Compromiso de información. Facilitar a tódolos seus clientes, reais e potenciais, unha información xeral e específica, estática e dinámica, verídica, suficiente e actualizada sobre:

-Opción de información e aceptación de operacións en euros.

-Equivalencias de prezos en pesetas, euros e céntimos de euro, dos productos que vende e/ou dos servicios que presta.

-Tipo de cambio e regra de conversión e arredondamento.

-Valores nominais e características físicas dos billetes e moedas denominadas en euros na fase final ou período de coexistencia das dúas moedas.

-Axudar a resolve-las dúbidas que poidan formula-los consumidores e usuarios sobre a nova moeda.

2º Compromiso de formación persoal. Utilizar cantos medios estean ó seu alcance para formarse e proporcionar a todo o seu persoal, e especialmente ó que teña que ter contacto co público, unha información suficiente para que:

-Poida proporcionar directa e inmediatamente a información indicada no punto anterior.

-Adquira a máxima soltura, rapidez e seguridade na práctica das operacións de conversión de moedas e arredondamento.

-Colaborar nas actuacións formativas promovidas desde calquera instancia.

3º Compromiso de seguridade na conversión.

-Deixar constancia expresa de que tódalas operacións de cálculo dos contravalores se farán utilizando exclusivamente o tipo de conversión.

-Garantirlle ó consumidor que os prezos cobrados en euros se corresponden coa simple aplicación matemática do tipo de conversión e das normas de arredondamento que establece a lei ós prezos orixinarios en pesetas.

4º Compromiso de arredondamento sobre a cifra final. O comerciante fará o arredondamento da suma e non a suma dos arrendondamentos.

5º Compromiso de dobre indicación de prezos. Practicar unha dobre indicación de prezos en pesetas e en euros, con carácter progresivo, a partir do ano 1999.

A dobre indicación abarcará, como mínimo, os seguintes aspectos:

-Cartelería.

-Listas de prezos.

-Conversión da cifra final das facturas e/ou tickets de compra.

-A publicidade dos productos ou servicios que conteñan algunha mención sobre prezos.

6º Compromiso de devolve-los cambios en euros. Asumi-lo compromiso de devolver en euros (desde o 1 de xaneiro do 2002) tódolos cambios correspondentes ós importes aboados nas compras.

7º Compromiso de continuidade, mantemento de nivel e no discriminación no cobramento de prezos denominados en euros e/ou pesetas. Confirmar que, tal e como establece a lei, a introducción do euro non alterará en modo ningún a continuidade dos contratos e normas convidos, garantindo que o troco de pesetas a euros será de forma que os productos e os servicios manteñan o mesmo nivel de prezos que antes do troco de moedas.

8º Compromiso de atención personalizada ó consumidor ou usuario. Asistir e asesora-los consumidores e usuarios no proceso de substitución das pesetas por euros e céntimos de euro e facilita-la dita substitución durante o período de convivencia das dúas moedas.

Que non haxa lugar a dúbidas sobre a unidade en que se teña que efectua-lo pagamento.

Extrema-la atención en materia de información, formación e comunicación, en especial a colectivos que poidan verse particularmente afectados polo cambio de moeda.

Terceira.-Utilizarase o Sistema Arbitral de Consumo como canle para a resolución dos conflictos que poidan orixinarse con motivo da adaptación á moeda única. Para tal efecto, realizarase a oferta pública de sometemento a este sistema.

Cuarta.-O compromiso de cumprimento deste acordo facultará as empresas comerciais, turísticas e de servicios a utilización do distintivo oficial do euro-logo, que simbolizará para o consumidor confianza e calidade no servicio como consecuencia da aplicación destas boas prácticas comerciais.

Esta adhesión poderá realizarse sen o compromiso de aceptar pagamentos en euros ou aceptándoos. Neste último caso, farase constar na etiqueta euro.

Quinta.-As partes asinantes comprométense a levar a cabo unha divulgación conxunta do seu contido, co fin de acadar unha maior implantación e máxima eficacia.

Sexta.-A duración deste acordo fíxase ata a finalización do período de introducción do euro e, en todo caso, ó 30 de xuño do 2002, período durante o que será revisable a proposta de calquera das partes e, en especial, en relación con normas de carácter similar que emanen da Unión Europea de cara a adapta-lo seu contido segundo o disposto nelas.

Sétima.-O ámbito de aplicación deste acordo subscríbese á Comunidade Autónoma de Galicia, podendo adherirse a el as empresas que radiquen na Comunidade.