Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 19 de novembro de 1999 Páx. 13.627

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 15 de novembro de 1999 pola que se lle dá cumprimento ó establecido na cláusula décimo segunda do convenio marco asinado entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia para a colaboración na implantación dun sistema intercomunicado de rexistros entre a Administración xeral do Estado, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades locais do ámbito territorial de Galicia.

O 21 de xuño de 1997 asinouse un convenio marco de colaboración entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia que tiña como obxectivo o de que as dúas administracións, asumisen o firme compromiso de mellora-la calidade na prestación dos servicios públicos, mediante a adopción de medidas que articulen un modelo de funcionamento administrativo caracterizado polos principios de economía e eficacia, e orientado definitivamente ó cidadán como suxeito activo e protagonista principal na actividade das administracións públicas.

Entre as medidas tendentes a logra-lo mencionado modelo de funcionamento administrativo destaca a de implantar un sistema intercomunicado de rexistros públicos que permitan unha mellor atención ó cidadán baseada na economía de medios, a eficacia e axilidade administrativas, eliminando parte da complexa burocracia administrativa sen, por iso, quebranta-la seguridade xurídica que debe primar nos actos emanados da Administración.

O mencionado convenio marco establecía, na súa cláusula décimo segunda, que as entidades locais interesadas na adhesión a el llelo poderían solicitar á Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia sempre que, xunto coas súas solicitudes, cumprisen cos requisitos que a dita cláusula determinaba.

Solicitada a adhesión por determinados concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, cómpre agora cumpri-lo disposto na devandita cláusula mediante a publicación da aceptación no Diario Oficial de Galicia, unha vez que esta xa llela notificou ós concellos solicitantes a Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo único.

Acéptase a adhesión ó convenio marco asinado entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia para a colaboración na progresiva implantación dun sistema intercomunicado de rexistros, solicitada polos concellos de Cabana de Bergantiños, Cangas, Chandrexa de Queixa, O Rosal, Vilaboa, Viveiro, Xinzo de Limia

e Xove, mediante a sinatura dos correspondentes protocolos.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública