Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 19 de novembro de 1999 Páx. 13.629

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 26 de outubro de 1999 pola que se declara de interese galego a Fundación Gallega de Lucha contra la Ceguera.

Con data do 20 de outubro de 1999 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 5 de outubro de 1999, pola que se clasifica de interese sanitario a Fundación Gallega de Lucha contra la Ceguera, adscribíndoa á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 5 dos seus estatutos, ten como obxecto a loita contra a cegueira dentro da Comunidade Autónoma galega,

na prevención, busca de tratamentos paliativos e curación das enfermidades herdo-dexenerativas da retina, principalmente da retinose pigmentaria, promovendo a investigación médico-científica e o apoio psicosocial ós afectados polas ditas patoloxías por si ou mediante a cooperación con aquelas persoas, físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que persigan análogos fins no ámbito da dita autonomía ou fóra dela. En calquera caso, a planificación das actividades da fundación terá en conta as necesidades psicosociais do colectivo que é obxecto da actividade médico-investigadora.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Gallega de Lucha contra la Ceguera, ó cumpri-los seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación Gallega de Lucha contra la Ceguera, no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de lles dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a renderlle contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como presentarlle o proxecto de orzamento ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 1999.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais