Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Venres, 19 de novembro de 1999 Páx. 13.669

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN GALICIA-EUROPA

ANUNCIO do 5 de novembro de 1999 polo que se convocan bolsas para a realización de prácticas na oficina da Fundación Galicia-Europa en Bruxelas.

A Fundación Galicia-Europa convoca catro bolsas para financia-la realización de prácticas de licenciados ou titulados superiores equivalentes polas universidades galegas na oficina da Fundación Galicia-Europa en Bruxelas, ó longo do ano 2000, co fin de completar e aplica-los coñecementos adquiridos no transcurso dos seus estudios.

Requisitos:

1. Ser licenciado ou titulado superior equivalente por algunha universidade galega.

2. Contar cun expediente académico con, polo menos, media de notable.

3. Acredita-lo coñecemento do inglés e o francés, ademais do castelán e o galego.

4. Ter nacido despois do 31-12-1970.

5. Residir en Galicia antes da publicación deste anuncio.

6. Posuí-la nacionalidade dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

Duración das prácticas:

As prácticas estenderanse desde o 15 de xaneiro ata o 15 de decembro do 2000.

Contía da bolsa:

A contía da bolsa será de once mensualidades de 35.000 FB/mes brutos (867,63 euros) para aloxamento e mantenza. Os candidatos seleccionados ocuparanse do transporte e seguros necesarios, debendo acredita-la súa cobertura das incidencias médicas durante o período de prácticas.

Data límite de presentación da solicitude das bolsas:

As solicitudes poderanse presentar ata o 15 de decembro de 1999.

Selección:

A Fundación Galicia-Europa realizará a selección dos candidatos en función dos méritos acreditados por estes. Só en ausencia de titulados por universidades galegas poderán considerarse as candidaturas doutros titulados que cumpran os restantes requisitos. En todo caso valorarase especialmente a realización de estudios universitarios oficiais de posgrao en Galicia sobre asuntos de integración europea axeitados á realidade galega e doutros equivalentes en centros europeos de referencia. Á vista dos méritos presentados, a fundación convocará os solicitantes que cumpran tódalas esixencias mínimas de cualificación, para a realización dunha proba práctica consistente na resolución dun suposto, que poderá desenvolverse en galego, castelán, inglés e francés, e que será ponderado por unha comisión de especialistas e técnicos de recoñecido prestixio designados polo director da fundación. A proposta prelativa da comisión será asumida pola fundación, mesmo para cubrir posibles substitucións ou

suplencias.

Información e presentación de solicitudes:

Xunto coa solicitude de bolsa, segundo o modelo do anexo I, deberá presentarse currículum vitae e copias do expediente académico, e da restante documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos esixidos.

As solicitudes deberán presentarse ou dirixirse por correo certificado urxente con xustificante de recepción á Fundación Galicia-Europa, rúa dos Feáns, 5 - baixo, 15706 Santiago de Compostela. Poderá solicitarase información adicional de luns a venres, e de 9 a 14 horas, polos seguintes medios:

Teléfono: 981 54 10 12.

Fax: 981 54 10 13.

Correo electrónico: santiago*fundaciongaliciaeuropa.org

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 1999.

Jaime Pita Varela

Secretario xeral da Fundación Galicia-Europa