Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Xoves, 23 de decembro de 1999 Páx. 15.015

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

DECRETO 330/1999, do 9 de decembro, polo que se establecen as unidades mínimas de cultivo para o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, establece que lles corresponde ás comunidades autónomas determina-la extensión da unidade mínima de cultivo para sequeiro e para regadío nos distintos municipios, zonas ou comarcas do seu ámbito territorial, entendendo por unidade mínima de cultivo a superficie suficiente que debe ter un predio rústico para que os labores fundamentais do seu cultivo, utilizando os medios normais e técnicos de producción, poidan levarse a cabo cun rendemento satisfactorio, tendo en conta as características socioeconómicas da agricultura na comarca ou zona.

Pola súa vez, e como criterio de referencia, o Real decreto 1093/1997, do 4 de xullo, polo que se aproban as normas complementarias do regulamento para a execución da Lei hipotecaria sobre inscrición no rexistro da propiedade, de actos de natureza urbanística, establece o procedemento para a inscrición de actos de división ou segregación de predios inferiores á unidade mínima de cultivo, atribuíndolle á Administración agraria a competencia para dicta-lo o acordo pertinente sobre a nulidade do acto de segregación ou a apreciación das excepcións contidas na referida Lei 19/1995.

A Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, en relación ó solo rústico, establece que a parcela mínima edificable non será inferior á unidade mínima de cultivo establecida pola lexislación agraria para cada concello.

Por outra banda, a derrogación da Lei do 15 de xullo de 1954, sobre fixación de unidades mínimas de cultivo pola de reforma e desenvolvemento agrario, aprobada polo Decreto 118/1973, do 12 de xaneiro, así como a falla de desenvolvemento do artigo 43 deste último texto legal, conduciron á aplicación dunha orde do Ministerio de Agricultura do 27 de maio de 1958, asumida pola Comunidade Autónoma de Galicia mediante Instrucción 4/1985, do 23 de setembro, da Dirección Xeral de Urbanismo e Medio Ambiente, e polo tanto á inexistencia dunha disposición co axeitado rango normativo que regule e determine as superficies mínimas, tanto de sequeiro como de regadío, que permitan a obtención dun rendemento satisfactorio das explotacións agrarias utilizando os medios normais de producción, e que eviten o excesivo fraccionamento da terra, de particular importancia en Galicia debido, en moitas ocasións, ás pautas seguidas nos procesos de transmisión hereditaria dos predios rústicos, polo que é

necesario superar esta situación de baleiro legal.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, de acordo co dictame do Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de decembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artígo 1º

As unidades mínimas de cultivo para o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia serán as seguintes:

A Coruña

Grupo 1º: sequeiro 0,30 ha e regadío 0,20 ha.

Concellos: Aranga, Arzúa, A Baña, A Capela, Boimorto, Cerceda, Cerdido, Cesuras, Curtis, Frades, Irixoa, Mazaricos, Melide, Mesía, Moeche, Monfero, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño, Santa Comba, Santiso, Sobrado, As Somozas, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vilasantar e Zas.

Grupo 2º: sequeiro 0,20 ha e regadío 0,20 ha.

Concellos: Abegondo, Ames, Ares, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Boiro, Boqueixón, Brión, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Camariñas, Cambre, Carballo, Cariño, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Coirós, Corcubión, Coristanco, A Coruña, Culleredo, Dodro, Dumbría, Fene, Ferrol, Fisterra, Laracha, Laxe, Lousame, Malpica de Bergantiños, Mañón, Miño, Mugardos, Muros, Muxía, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ortigueira, Outes, Oza dos Ríos, Paderne, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Sada, Santiago de Compostela, Teo, Valdoviño, Vedra, Vilarmaior e Vimianzo.

Lugo

Grupo 1º: sequeiro 0,40 ha e regadío 0,20 ha.

Concellos: Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.

Grupo 2º: sequeiro 0,30 ha e regadío 0,20 ha.

Concellos: Abadín, Alfoz, Antas de Ulla, Baleira, Baralla, Becerreá, Begonte, Bóveda, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Folgoso do Courel, Friol, Guitiriz, Guntín, O Incio, Láncara, Lourenzá, Lugo, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Muras, Ourol, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, A Pobra do Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Ribeira de Piquín, Riotorto, Rábade, Samos, Sarria, Trabada, Triacastela, O Valadouro, Vilalba e Xermade.

Grupo 3º: sequeiro 0,25 ha e regadío 0,20 ha.

Concellos: Carballedo, Chantada, Pantón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober e Taboada.

Grupo 4º: sequeiro 0,20 ha e regadío 0,20 ha.

Concellos: Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Ribadeo, O Vicedo, Viveiro e Xove.

Ourense

Grupo 1º: sequeiro 0,40 ha e regadío 0,20 ha.

Concellos: O Bolo, Carballeda, Chandrexa de Queixa, A Gudiña, Laza, Manzaneda, A Mezquita, A Pobra de Trives, Rubiá, A Veiga, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

Grupo 2º: sequeiro 0,30 ha e regadío 0,20 ha.

Concellos: Allariz, Amoeiro, Avión, Baltar, Bande, Baños de Molgas, Beariz, Os Blancos, A Bola, Calvos de Randín, Cartelle, Celanova, Cualedro, Entrimo, Esgos, Gomesende, O Irixo, Lobeira, Lobios, Maceda, Maside, A Merca, Montederramo, Muíños, Paderne de Allariz, Padrenda, Piñor, Pontedeva, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Río, Riós, San Cristovo de Cea, Sandiás, Sarreaus, Taboadela, Trasmiras, Verea, Vilamarín, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vilardevós, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo.

Grupo 3º: sequeiro 0,25 ha e regadío 0,20 ha.

Concellos: Arnoia, Barbadás, O Barco de Valdeorras, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, O Carballiño, Castrelo de Miño, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Cenlle, Coles, Cortegada, Larouco, Leiro, Melón, Monterrei, Nogueira de Ramuín, Oímbra, Ourense, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Petín, Punxín, Ribadavia, A Rúa, San Amaro, San Cibrao das Viñas, A Teixeira, Toén, Verín e Vilamartín de Valdeorras.

Pontevedra

Grupo 1º: sequeiro 0,30 ha e regadío 0,20 ha.

Concellos: Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo, Cotobade, Covelo, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Mondariz, Mondariz Balneario, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Ponteareas, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

Grupo 2º: sequeiro 0,25 ha e regadío 0,20 ha.

Concellos: Arbo, Crecente, As Neves, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui.

Grupo 3º: sequeiro 0,20 ha e regadío 0,20 ha.

Concellos: Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, Cuntis, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, Poio, Pontecesures, Pontevedra, O Porriño, Portas, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Sanxenxo, Soutomaior, Vilaboa, Valga, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Artigo 2º

Para os fins establecidos no artigo 24 da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias, conforme o cal a división ou segregación dun predio rústico só será válida cando

non dea lugar a parcelas de extensión inferior á unidade mínima de cultivo, entenderase por unidade mínima de cultivo a prevista no artigo anterior.

Artigo 3º

Para efectos do establecido no presente decreto, a cualificación dun predio como de regadío deberá acreditarse mediante certificación da Consellería de Agricultura Gandería e Política Agroalimentaria, ou, no seu defecto, do catastro de Rústica do Centro de Xestión Catastral e Cooperación Tributaria do Ministerio de Economía e Facenda.

Disposición adicional

Única.-Os rexistradores da propiedade terán en conta as unidades mínimas de cultivo que aquí se establecen na práctica dos asentos rexistrais que teñan por obxecto actos de parcelación de predios.

Disposición transitoria

Única.-A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria adaptará tódalas zonas sometidas a procedemento de concentración parcelaria ás unidades mínimas de cultivo establecidas no presente decreto.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas na Comunidade Autónoma de Galicia cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de decembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria