Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 07 de xaneiro de 2000 Páx. 214

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 1999, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se deixa sen efecto a incoación da declaración de ben de interese cultural coa categoría de conxunto histórico a favor da vila de Ribadeo, provincia de Lugo.

Visto o expediente para a declaración de ben de interese cultural con categoría de conxunto histórico a favor da vila de Ribadeo, provincia de Lugo, incoado por resolución do director xeral de Patrimonio Cultural de data do 22 de xaneiro de 1999, publicada no DOG nº 23, do 4 de febreiro (corrección de erros no DOG nº 58, do 25 de marzo),

Considerando o informe da Asesoría Xurídica Delegada na Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo de data do 30 de xuño de 1999 no que condiciona a continuación da tramitación do expediente administrativo de declaración ó informe favorable dos órganos consultivos previstos na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia,

Considerando que, sometido o expediente á consulta da Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario e ó Consello da Cultura Galega, ámbolos dous órganos consultivos emiten informe o 26 de xullo e o 28 de setembro de 1999, respectivamente, entendendo insuficiente a delimitación do contorno proposta,

Considerando que a realización de novos traballos de documentación e estudio en relación coa delimitación do contorno de protección poderían impedi-la resolución do expediente no prazo establecido na normativa vixente e, consecuentemente, se producise a súa caducidade, o que imposibilitaría volver inicia-los trámites da declaración por un período de tres anos,

Considerando que a defensa do conxunto histórico queda garantida, xa que as normas de protección do patrimonio histórico-artístico, arquitectónico, arqueolóxico e cultural do vixente Plan Xeral de Ordenamento Urbano de Ribadeo establecen que, mentres non se redacte o plan especial, calquera intervención precisará do informe previo e vinculante da Comisión Provincial do Patrimonio de Lugo,

Por todo o exposto e segundo o establecido no Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Deixar sen efecto a incoación da declaración como ben de interese cultural para a vila

de Ribadeo acordada por Resolución do 22 de xaneiro de 1999.

Segundo.-Notifica-la presente resolución ó concello, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural do Estado e ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, así como ós órganos consultivos informantes.

Terceiro.-A presente resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que é o órgano competente para resolvelo, ou ben ante o órgano que dictou o acto que se impugna, no prazo dun mes contado a partir da publicación da presente resolución, todo isto de conformidade co que se establece no artigo 114 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, artigo 1 números 29.1 e 2 e 30.1 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 1999.

Ángel Sicart Giménez

Director xeral de Patrimonio Cultural