Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 20 de xaneiro de 2000 Páx. 781

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 17 de decembro de 1999 pola que se regula o procedemento para o outorgamento de prórrogas das autorizacións temporais de carácter experimental en polígonos de viveiros.

Na sección terceira, «Da acuicultura zona marítima», do capítulo quinto, título II, da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, indícase que poderán outorgarse autorizacións temporais de carácter experimental en polígonos, por un tempo máximo de tres anos prorrogables por un máximo de dous anos, en casos debidamente xustificados.

Por Orde do 17 de setembro de 1998 (DOG nº 188, do 1998), regúlase o procedemento para o outorgamento de autorizacións temporais de carácter experimental en polígonos de viveiros de cultivos mariños.

Polo tanto, procede agora desenvolve-lo procedemento para a tramitación e resolución dos expedientes administrativos de prórroga das citadas autorizacións experimentais.

Por todo isto, e tendo en conta a disposición derradeira primeira do Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia (DOG nº 228, do 1996),

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Solicitude.

1. As solicitudes de prórroga das autorizacións temporais de carácter experimental presentaranse, conforme o modelo anexo I desta orde, no rexistro da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, nas súas delegacións territoriais e comarcais ou en calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia cotexada do documento nacional de identidade do solicitante, se é persoa física, ou da escritura acreditativa de constitución da sociedade, inscrita no Rexistro Mercantil, no suposto de sociedade mercantil, e dos estatutos polos que se rexe, así como da acreditación da representación e do documento nacional de identidade do seu representante, se é persoa xurídica. No caso de propiedade compartida, proindivisos ou gananciais, achegarase fotocopia cotexada do DNI de tódolos copartícipes ou, de se-lo caso, de ámbolos dous cónxuxes.

b) Xustificación do pagamento da taxa administrativa por tramitación.

c) Informe científico correspondente ó período transcorrido do último ano de vixencia, cos resultados das experiencias realizadas.

Artigo 2º.-Tramitación.

1. Se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos esixidos, o interesado será requirido para que no prazo de dez días emende a falta, ou remita os documentos preceptivos, con indicación expresa de que se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición, logo da resolución, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, citada.

2. Completa a documentación, o Servicio de Acuicultura solicitará o preceptivo informe técnico-biolóxico, determinante do contido da resolución, e avaliará o expediente, facendo a proposta de resolución ó director xeral de Recursos Mariños.

Artigo 3º.-Resolución.

1. A decisión sobre a solicitude de outorgamento da prórroga comunicarase ó interesado mediante resolución do director xeral de Recursos Mariños.

Na resolución indicarase expresamente que non pon fin á vía administrativa e que contra desta poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, no prazo dun mes desde o día seguinte ó da súa notificación, segundo dispón o artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. A resolución favorable conterá como mínimo os seguintes datos:

a) Tipo de viveiro e identificación.

b) Finalidade da autorización experimental.

c) Especie ou especies autorizadas.

d) Datos do titular (nome, apelidos, CIF/NIF).

e) Data inicial de outorgamento.

f) Data do remate da vixencia do período anterior.

g) Período de prórroga outorgado, con indicación expresa da data da súa finalización.

h) Causas de caducidade, extinción e revogación da concesión.

i) Condicións específicas, se as houbese, baixo as que se outorga a prórroga.

3. O prazo máximo para notifica-la resolución expresa será de seis meses. Aínda que o vencemento do prazo sen notifica-la resolución expresa non exime a Administración da obriga de resolver, de non producirse esta no citado prazo, poderase entender desestimada, de acordo co disposto na Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para dicta-las normas complementarias a que o cumprimento desta disposición poida dar lugar.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 1999.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura