Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 25 de xaneiro de 2000 Páx. 1.020

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 11 de xaneiro de 2000 pola que se convocan 20 cursos básicos de protección civil.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2000, conforme as funcións que ten encomendadas

pola Orde do 22 de abril de 1994, pola que se regula a formación do persoal voluntario de protección civil, anúnciase a realización de 20 cursos básicos de protección civil, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Dota-lo persoal voluntario de protección civil que asiste ós cursos dunha formación teórico-práctica que lle permita realizar satisfactoriamente as tarefas que ten encomendadas.

Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar nestes cursos deberán presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o 10 de marzo de 1999, ás 14 horas.

3. As instancias serán enviadas polo presidente da agrupación correspondente á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido.

Os cursos básicos de protección civil están divididos en varios módulos, cada un dos cales abarca os seguintes contidos:

Módulo I. A Protección Civil.

Móludo II. Os riscos e accidentes.

Módulo III. Comunicacións.

Módulo IV. Primeiros auxilios.

Duración e datas.

Os cursos terán lugar ó longo do ano 2000, e terán unha duración de 20 horas lectivas.

As datas deles serán en función das solicitudes feitas para cada curso.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 31 de marzo de 2000 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade e no da Dirección Xeral de Protección Civil, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ós teléfonos 986 59 00 21 ou ben 981 54 60 00.

Lugar.

Por determinar en función das solicitudes recibidas.

Certificado de aproveitamento.

Ó remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a eles, e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 11 de xaneiro de 2000.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade