Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 26 de xaneiro de 2000 Páx. 1.037

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 8/2000, do 7 de xaneiro, polo que se regula a organización do sistema acreditador da formación continuada dos profesionais sanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia.

O progresivo avance científico-técnico en ciencias da saúde inflúe no funcionamento e organización dos servicios sanitarios xerando a necesidade de actualizar permanentemente os coñecementos e as capacidades dos profesionais sanitarios. Por isto, os programas formativos necesitan renovarse a intervalos regulares, para o que é preciso dispoñer de sistemas pedagóxicos debidamente acreditados que aseguren unha elevada competencia profesional.

A formación continuada das profesións sanitarias é o conxunto de actividades formativas destinadas a manter ou mellora-la competencia profesional (coñecementos, habilidades e actitudes), unha vez obtida a titulación básica ou a especialidade correspondente. Concíbese como de carácter voluntario, non regrada, de calidade, motivada polo interese persoal, con respecto da liberdade individual e vinculada ó desenvolvemento laboral.

Para acada-lo obxectivo estratéxico de calidade total e co fin de garanti-las múltiples actividades formativas dirixidas ós profesionais do Servicio Galego de Saúde, o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais asinou o protocolo de adhesión ó convenio da conferencia sectorial adoptado polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, sobre formación continuada das profesións sanitarias, que foi publicado no Boletín Oficial del Estado nº 38, do 13 de febreiro de 1998, e que se inclúe como anexo a este decreto.

En virtude del a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia, xunto cos conselleiros de Sanidade e Saúde das demais comunidades autónomas, o Ministerio de Sanidade e Consumo e o Ministerio de Educación e Cultura, conveñen en establecer un sistema de acreditación único e válido para todo o Sistema Nacional de Saúde, baseado na coordinación eficaz entre tódalas administracións públicas, e no que se atribúe ás comunidades autónomas a organización, xestión e avaliación do sistema de acreditación dos servicios, centros e entidades provedoras, así como das actividades de formación continuada.

Este decreto ten como fin crea-los órganos necesarios, así como o proceso, que posibiliten a acreditación da formación sanitaria continuada na Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, de acordo co exposto anteriormente, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación do Consello

da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xaneiro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase a Comisión Autonómica de Formación Continuada, o Comité de Acreditación e a Secretaría Técnica, que configurarán o sistema de acreditación de formación continuada dos profesionais sanitarios que será único no Sistema Nacional de Saúde.

Artigo 2º.-Comisión Autonómica de Formación Continuada.

1. A Comisión Autonómica de Formación Continuada, constituída como o órgano asesor en materia de formación continuada da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, é o órgano administrativo con competencias para a acreditación da formación continuada dos profesionais sanitarios en Galicia.

2. Son membros da Comisión Autonómica de Formación Continuada, con dereito a voz e voto, os seguintes cargos ou persoas en quen deleguen:

-O secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá a presidencia da comisión.

-O director xeral da División de Asistencia Sanitaria do Sergas.

-O director xeral da División de Recursos Humanos do Sergas.

-O director xeral da División de Farmacia do Sergas.

-O director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

-O decano da Facultade de Medicina.

-O decano da Facultade de Farmacia.

-O decano da Facultade de Veterinaria.

-Un membro que representará os directores de escolas de enfermería, fisioterapia e podoloxía, elixido por eles.

-O presidente do Consello Galego de Colexios Oficiais de Médicos.

-Un representante dos colexios oficiais de Farmaceuticos de Galicia.

-O presidente do Consello Galego de Colexios Oficiais de Veterinarios.

-O presidente do Consello Galego de Colexios Oficiais de Enfermería.

-Un representante do Consello Universitario de Galicia.

-Un representante da Mesa Sectorial de Sanidade.

-Tres membros de libre designación polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais dos cales un será en representación das sociedades científicas.

Así mesmo, son membros da comisión, pero con voz e sen voto:

-O presidente do Comite de Acreditación.

-O responsable da Secretaría Técnica que ostentará a secretaría da comisión.

Artigo 3º.-Funcións da comisión.

A Comisión Autonómica de Formación Continuada terá as seguintes funcións:

-A organización e xestión da acreditación de centros, actividades e profesións, así como dos sistemas de información e rexistro.

-A avaliación do sistema de formación continuada e a inspección e auditoría dos centros e actividades acreditados, así como a realización de estudios estatísticos, os resultados dos cales serán presentados de forma periódica á Comisión de Formación Continuada do Sistema Nacional de Saúde.

-Acreditar, para os efectos do conxunto do Sistema Nacional de Saúde, actividades concretas de formación sanitaria continuada, por solicitude das persoas ou entidades organizadoras delas, seguindo os criterios xerais, comúns e mínimos da Comisión Nacional de Formación Continuada e con validez no conxunto do Sistema Nacional de Saúde.

-A difusión a través dos medios que se estimen adecuados, para coñecemento das entidades, particulares e profesionais interesados, dos criterios aprobados e das formas e órganos administrativos ante os que se poderá solicita-la acreditación.

-Designa-los membros do Comité Acreditador e os expertos avaliadores, por proposta do propio comité e de acordo coas bases establecidas pola Comisión de Formación Continuada do Sistema Nacional de Saúde.

-Outras que sexan precisas para o axeitado desenvolvemento da acreditación da formación continuada das profesións sanitarias, tralo acordo dos membros da comisión.

Para o desenvolvemento das súas funcións a comisión poderá solicitar e recibir informes e propostas de organizacións sindicais, academias científicas e de cantas persoas, entidades, organismos ou institucións actúen, directa ou indirectamente, no campo da formación continuada.

Artigo 4º.-Funcionamento da comisión.

1. O funcionamento da Comisión Autonómica de Formación Continuada aterase ó establecido neste decreto e ó disposto no regulamento de réxime interior que poida elaborar, e no seu defecto, rexerase polo establecido no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. A comisión autonómica designará, de entre os seus membros, un vicepresidente, que desenvolverá o cargo por un período de 3 anos, renovable. As funcións de secretario serán desenvoltas polo responsable da Secretaría Técnica.

Artigo 5º.-Comité de Acreditación.

Será o órgano encargado de avalia-las actividades e institucións, organismos ou entidades provedoras de formación continuada, de acordo cos criterios xerais establecidos pola Comisión Nacional de Formación Continuada.

Artigo 6º.-Composición e funcionamento do comité.

1. O Comité de Acreditación estará integrado polo responsable da Secretaría Técnica e expertos en formación continuada nomeados pola Comisión Autonómica de Formación Continuada.

2. O Comité de Acreditación, por acordo maioritario dos seus membros, poderá propoñe-lo nomeamento e revogación de consultores e asesores expertos.

3. Este comité disporá dun regulamento de réxime interno e duns procedementos normalizados de traballo que serán aprobados por consenso dos sus membros.

Artigo 7º.-Funcións da Secretaría Técnica.

A Secretaría Técnica é o instrumento de soporte técnico administrativo da Comisión Autonómica de Formación Continuada e do Comité de Acreditación á que lle compete o desenvolvemento das seguintes funcións:

-Recepción e rexistro das solicitudes de acreditación.

-Valoración formal das solicitudes.

-Distribuír e transmitir ós membros do Comité de Acreditación as solicitudes de acreditación de acordo cos distintos criterios establecidos polo Comité Acreditador.

-Tramita-las convocatorias da Comisión Autonómica de Formación Continuada e do Comité de Acreditación e redacta-las actas dos seus acordos.

-Tramita-la proposta de acreditación de acordo coa proposta do Comité de Acreditación.

-Emiti-las certificacións de acreditación de centros ou unidades docentes e das actividades de formación continuada, xunto coa dilixencia correspondente.

-Mante-los sistemas de información e rexistro necesarios para a xestión do proceso de acreditación.

-Mante-las relacións necesarias coas demais comunidades autónomas e a comisión nacional para os efectos do sistema de acreditación.

Artigo 8º.-Procedemento de acreditación.

A acreditación de centros ou unidades docentes así como das actividades concretas de formación levarase a cabo conforme as seguintes normas procedementais:

a) As solicitudes de acreditación presentaranse na Secretaría Técnica segundo modelo normalizado.

b) A avaliación das solicitudes efectuaraa o Comité de Acreditacón de acordo coas bases aprobadas pola Comisión Nacional de Formación Continuada.

Así mesmo, os expertos poderán levar a cabo avaliación ou auditorías por instancias da comisión.

c) O Comité de Acreditación, a través da Secretaría Técnica, elevará á Comisión Autonómica de Formación Continuada a proposta de acreditación, a cal emitirá o seu acordo conforme as directrices establecidas pola Comisión Nacional de Formación Continuada.

d) Contra as acreditacións da comisión poderase solicitar por unha soa vez revisión ante a Secretaría Técnica, sendo o órgano competente para resolver a Comisión Autonómica de Formación Continuada.

e) Fronte á certificación da acreditación poderase interpoñer recurso de alzada ante a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, de conformidade cos artigos 48 e 114 a 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

f) A emisión dos diplomas e certificacións correspondentes ós docentes e discentes das actividades de formación continuada é responsabilidade do centro ou unidade docente organizadores desta, e neles deberá consta-lo número de créditos concedidos pola comisión.

Disposicións adicionais

Primeira.-En execución do previsto no artigo 8.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, disponse a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio de Conferencia Sectorial do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde sobre formación continuada das profesións sanitarias, como anexo a este decreto.

Segunda.-A Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria poderá prestar apoio técnico, administrativo e de servicios na xestión do financiamento do sistema acreditador das profesións sanitarias na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-No prazo dun mes desde a publicación deste decreto deberá constituírse a Comisión Autonómica de Formación Continuada.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xaneiro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Convenio de Conferencia Sectorial do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde sobre

formación continuada das profesións sanitarias

As administracións públicas que subscriben este convenio

EXPOÑEN:

Primeiro.-Que o incesante progreso científico e técnico que se está a producir nas ciencias da saúde ten unha influencia fundamental na organización e funcionamento da asistencia médico-sanitaria, cada vez máis complexa e eficaz, e na formación dos profesionais sanitarios, especialmente nos médicos polo seu papel central decisorio nos procesos diagnósticos e terapéuticos.

Os coñecementos científicos, aínda constituíndo o núcleo principal dos programas formativos, teñen unha vida relativamente curta e necesitan substituírse ou renovarse adecuadamente con intervalos regulares. Ningún sistema pedagóxico, por bo que sexa, lles pode asegurar ós seus graduados unha alta competencia profesional indefinidamente. A formación continuada xustifícase tamén polos cambios que se están a producir nos sistemas de prestación da asistencia que tenden a lograr unha maior eficiencia nos recursos humanos e materiais que interveñen na dita asistencia. Tamén hai que considera-los procesos patolóxicos novos que aparecen nun país, os cambios na morbilidade, prevalencia e manifestacións das diversas enfermidades así como a necesidade, cada vez maior, de sistematización dos procedementos diagnósticos e terapéuticos de certos procesos patolóxicos, que enxendran gastos importantes ó falta-la dita sistematización. Igualmente hai que considera-lo rápido desenvolvemento de

actividades preventivas de saúde, así como o incesante aumento da demanda asistencial dunha sociedade que é, cada vez, máis esixente coa calidade dos servicios sanitarios.

Se a formación dos profesionais da medicina, en países desenvolvidos como o noso, non pode limitarse ós estudios universitarios e á formación especializada, senón que debe completarse con actividades periódicas de actualización da competencia no marco da formación médica continuada, semellante consideración é posible efectuar respecto do resto das profesións sanitarias, pois a formación continuada é necesaria en todas elas.

Segundo.-Que a formación sanitaria continuada non constitúe unha retitulación, polo que non pode ser considerada obrigatoria, senón de carácter voluntario, xa que a motivación para ela debe ser persoal, respectando a liberdade individual. A mellor motivación para a formación sanitaria continuada é, sen dúbida, a interna, a que xorde en cada profesional como unha predisposición intelectual permanente que debeu ser adquirida durante os anos de formación pregraduada. Non obstante, é preciso considerar outras motivacións externas, que van desde

as facilidades para realiza-las actividades propias deste tipo de formación ata as consecuencias, tanto administrativas coma sociais, que a formación continuada debe ter nun sistema asistencial que debe desenvolver, no seu momento, unha carreira profesional.

Maila a súa importancia, a formación continuada non está configurada como unha formación regrada, o que posibilita que en calquera axente, público ou privado, poida establecer sistemas de formación e os seus correspondentes requisitos de acreditación e realización de actividades. As administracións públicas teñen, non obstante, a responsabilidade de asegura-la calidade das múltiples actividades de formación que se ofertan ós profesionais sanitarios. O mellor camiño para obter ese fin é o establecemento de sistemas voluntarios de acreditación, xa implantados por algunhas comunidades autónomas, cun valor e cunha eficacia que se potenciará canto máis xeral sexa a súa configuración e o seu ámbito e en tanto estea aberto á participación de tódalas administracións públicas.

Terceiro.-Que, conscientes da importancia de todo iso, os conselleiros de Sanidade e Saúde das comunidades autónomas xunto co ministro de Sanidade e Consumo e a ministra de Educación e Cultura conveñen en establecer un sistema de acreditación válido para todo o Sistema Nacional de Saúde, baseado na coordinación e na colaboración eficaz entre tódalas administracións públicas.

Na súa virtude, e conforme as previsións dos artigos 7, 18, 47 e 104 da Lei xeral de sanidade, dos artigos 5 e 8 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e do artigo 7 do seu regulamento de réxime interior, o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, en sesión plenaria celebrada en Madrid o día 15 de decembro de 1997, acorda subscribi-lo presente Convenio de Conferencia Sectorial, con suxeición ás seguintes

CLÁUSULAS

Primeira.-Créase a Comisión de Formación Continuada do Sistema Nacional de Saúde (SNS) para a coordinación das consellerías de Sanidade e Saúde das comunidades autónomas e dos ministerios de Sanidade e Consumo e de Educación e Cultura en materia de formación continuada das profesións sanitarias.

A Comisión de Formación Continuada do SNS terá a consideración e o carácter de Comisión Permanente do Consello Interterritorial, de acordo co previsto no artigo 8 do seu regulamento de réxime interior.

As funcións e acordos da comisión desenvolveranse e executaranse a través dos órganos administrativos das consellerías de Sanidade e Saúde das comunidades autónomas. Logo do acordo da comisión e cando o ámbito territorial da actividade así o aconselle, esas funcións poderán ser desenvolvidas

polos órganos administrativos do Ministerio de Sanidade e Consumo.

Segunda.-A Comisión de Formación Continuada do SNS estará composta por un representante de cada unha das comunidades autónomas e por un representante de cada un dos ministerios de Sanidade e Consumo e de Educación e Cultura.

O seu funcionamento aterase ós preceptos que, sobre órganos colexiados, se conteñen no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A comisión poderá elabora-lo seu regulamento de réxime interior e designará, de entre os seus membros, ó presidente e vicepresidente. As funcións de secretario, que terá voz pero non voto, serán desempeñadas por un funcionario da Secretaría do Consello Interterritorial que, así mesmo, prestará o apoio técnico-administrativo necesario para o seu funcionamento.

Incorporarase á comisión, con voz e voto nas súas reunións, unha personalidade de recoñecido prestixio en materia de formación, pertencente ó colectivo profesional que en cada caso se trate. Cando a comisión exerza funcións de carácter xeral ou cando desenvolva especificamente o Programa de Formación Médica Continuada, a dita personalidade será o presidente do Consello Xeral de Colexios Médicos ou a persoa en quen delegue. Asistirán, así mesmo, ás reunións da comisión, con voz pero sen voto, os expertos que a propia comisión acorde convocar e, en todo caso, representantes do Colexio Nacional de Especialidades Médicas, das sociedades científicas e das universidades.

Cando se trate de programas específicos de formación continuada doutras profesións sanitarias, a propia comisión, atendendo ós criterios antes indicados, determinará os profesionais que se incorporarán a ela.

Terceira.-Corresponderalle á Comisión de Formación Continuada do SNS o desenvolvemento das seguintes funcións;

1. O establecemento dos criterios xerais, comúns e mínimos para que os centros ou unidades docentes, sanitarios ou administrativos, por solicitude das entidades titular deles, poidan recibir unha acreditación, válida en todo o Sistema Nacional de Saúde, para desenvolver actividades de formación sanitaria continuada.

2. O establecemento dos criterios xerais, comúns e mínimos para que actividades concretas de formación, por solicitude das persoas ou entidades organizadoras delas, poidan recibir unha acreditación e unha valoración en horas-crédito, válidas en todo o Sistema Nacional de Saúde, de tales actividades.

3. A definición das áreas e contidos materiais de desenvolvemento e acreditación preferente para a formación continuada en cada unha das distintas

especialidades e profesións sanitarias, e das materias troncais que abarquen a distintas especialidades dunha mesma profesión ou a varias profesións, así como a proporción delas que, en cada período, debe reuni-lo persoal sanitario.

4. A determinación dos criterios xerais, comúns e mínimos para que os profesionais que o soliciten, e que reúnan os requisitos de horas-crédito e demais que se determinen, poidan recibir un certificado de actualización profesional que terá unha validez temporal determinada en cada caso.

5. A coordinación dos plans ou actuacións das comunidades autónomas para a auditoría, avaliación e control dos centros e actividades acreditadas.

6. A elevación ó Pleno do Consello Interterritorial dos estudios, informes e propostas que resulten procedentes en relación co financiamento da formación continuada no Sistema Nacional de Saúde.

Cuarta.-As comunidades autónomas, a través dos órganos en cada caso procedentes, exercerán tódalas funcións, en materia de formación continuada das profesións sanitarias, que non se encomendan expresamente neste convenio á Comisión de Formación Continuada do SNS, e especialmente as seguintes:

1. A organización e xestión da acreditación de centros, actividades e profesionais, así como dos sistemas de información e rexistro.

2. A avaliación do sistema de formación sanitaria continuada e a inspección e auditoría de centros e actividades acreditados, así como a realización de estudios estatísticos, os resultados dos cales serán presentados de forma periódica á Comisión de Formación Continuada do SNS.

3. A difusión, a través dos medios que se estimen adecuados para o coñecemento das entidades, particulares e profesionais interesados, dos criterios aprobados e das formas e órganos administrativos ante os que se poderá solicita-la acreditación.

Quinta.-Á entrada en vigor deste convenio, a Comisión de Formación Continuada do SNS iniciará de maneira inmediata os traballos relativos ó Programa de Formación Médica Continuada.

Para o desenvolvemento do dito programa, a comisión tomará en consideración as actuacións e propostas que, nesta materia, realicen ou desenvolvan os órganos competentes das comunidades autónomas, a Escola Nacional de Sanidade e as institucións equivalentes das comunidades e dos servicios de saúde.

A comisión tomará, así mesmo, en consideración as propostas e informes que efectúen os colexios profesionais, o Consello Nacional de Especialidades Médicas e as comisións nacionais de cada especialidade, as sociedades científicas e as universidades. A presentación de tales informes e propostas articularanse a través dos representantes destas corporacións, organismos e asociacións incorporados á

Comisión de Formación Continuada do Sistema Nacional de Saúde.

A comisión poderá solicitar e recibir informes e propostas das organizacións sindicais, das academias científicas e de cantas persoas, entidades, organismos ou institucións actúen, directa ou indirectamente, no campo da formación médica continuada.

Sexta.-Os programas de formación continuada noutras profesións sanitarias desenvolveranse de forma progresiva e atendendo ás propostas, estudios e informes que realicen as comunidades autónomas ou que elaboren os correspondentes colexios, sindicatos, asociacións científicas ou profesionais e demais entidades ou institucións que actúen no ámbito da formación continuada da correspondente profesión.

Sétima.-Este convenio terá unha vixencia de seis anos a partir do 1 de xaneiro de 1998 e prorrogarase automaticamente por períodos de seis anos, agás denuncia expresa dalgunha das partes asinantes efectuada cunha antelación de seis meses á data da súa expiración.

Oitava.-Conforme o previsto no artigo 8.2º da Lei 30/1992, este convenio, unha vez formalizado, notificarase ó Senado e publicarase no Boletín Oficial del Estado e nos diarios oficiais das comunidades autónomas.

En proba de conformidade, as administracións sanitarias representadas no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde e a ministra de Educación e Cultura adhírense ó presente convenio, mediante a subscrición do correspondente protocolo.