Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 27 de xaneiro de 2000 Páx. 1.099

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 19 de xaneiro de 2000 pola que se amplía a do 13 de abril de 1993 (Diario Oficial de Galicia do 23) pola que se establece o procedemento para a implantación da xornada lectiva en sesión única de mañá nos centros de educación infantil, educación primaria e educación xeral básica.

A regulación do procedemento para a implantación da xornada lectiva única nos centros de educación infantil, primaria e xeral básica, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, vén establecida na Orde do 13 de abril de 1993, DOG do 23 de abril, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Por Orde do 25 de xaneiro de 1999 (DOG do 27), amplíase a mencionada Orde do 13 de abril de 1993, facendo extensiva a súa aplicación ós centros públicos integrados, creados mediante Decreto 7/1999, do Consello da Xunta de Galicia do 7 de xaneiro e, ó mesmo tempo, establécese unha prórroga máis para o curso escolar 1999-2000 a aqueles centros que xa esgotaran as prórrogas previstas.

Tendo en conta que no curso 1999-2000 se implantou de xeito xeneralizado o ensino secundario obrigatorio e que os centros públicos integrados escolarizan, entre outros, alumnos deste nivel, estímase oportuno e conveniente que, mentres non se leve a cabo unha avaliación deste tipo de xornada nos centros citados, a regulación do procedemento para autoriza-la xornada lectiva única sexa a establecida na citada Orde do 13 de abril de 1993, ampliada pola Orde do 25 de xaneiro de 1999, ó mesmo tempo que se faga compatible que os centros que xa esgotaron as prórrogas previstas poidan seguir desen

volvendo actividades docentes na mencionada xornada lectiva en sesión única de mañá.

Esta consellería, en virtude do previsto no artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a estructura órganica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo único.

Amplíase o contido da Orde do 13 de abril de 1993, pola que se establece o procedemento para a implantación da xornada lectiva en sesión única de mañá nos centros de educación infantil, educación primaria e educación xeral básica, engadíndolle unha disposición transitoria cuarta co seguinte texto: os centros que veñan desenvolvendo a súa actividade docente en réxime de xornada única e esgoten as prórrogas previstas nesta orde poderán solicita-la correspondente prórroga ata que se estableza unha nova norma que regule a antedita xornada lectiva, que se baseará na avaliación que se levará a cabo nos centros públicos integrados que teñan este tipo de xornada.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria