Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 21 de febreiro de 2000 Páx. 2.181

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 2000 pola que se fan públicas as bases que rexerán na convocatoria de convenios de fomento da iniciativa profesional no eido da danza en Galicia.

Obxecto: fomento da actividade artística profesional no eido da danza nas compañías cunha traxectoria artística relevante na posta en escena pública de espectáculos de danza, mediante a celebración de convenios de colaboración co IGAEM, mediante coproduccións de espectáculos de danza.

Orzamento: doce millóns de pesetas (12.000.000 de ptas.) con cargo á aplicación orzamentaria 10.50.354A.640.1 do vixente orzamento de gastos do IGAEM.

Prazo de execución: ata o 30 de abril de 2000 para a producción e ata o 31 de decembro de 2000 para a distribución.

As bases da convocatoria, así como o modelo de proposición, poderán ser retirados ou solicitado o

seu envío por correo, na sede administrativa do IGAEM (Pavillón de Galicia, San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela) no departamento de actividades externas.

A presentación dos proxectos efectuarase no rexistro xeral do IGAEM xuntando a documentación indicada nas bases da presente convocatoria, nun prazo de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación deste anuncio no DOG, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Dentro dos dez días seguintes ó remate do prazo, a comisión de valoración designada para o efecto examinará as propostas e valorará tanto os requisitos de profesionalidade como a traxectoria artística e o proxecto presentado, remitindo informe da súa proposta á Xerencia do IGAEM, quen formulará a correspondente proposta de convenios.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2000.

Aníbal Otero Fernández

Xerente do Instituto Galego das Artes Escénicas

e Musicais