Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 28 de febreiro de 2000 Páx. 2.617

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 33/2000, do 3 de febreiro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia dun terreo, sito na parroquia de Paleo, termo municipal de Carral (A Coruña), para as obras de reforma e adaptación á LOXSE do colexio Vicente Otero Valcárcel.

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Carral, reunido en sesión celebrada o día 30 de marzo de 1999, acordou ceder á Comunidade Autónoma de Galicia uns terreos, situados na parroquia de Paleo, no termo municipal de Carral (A Coruña), para as obras de reforma e adaptación á LOXSE do colexio Vicente Otero Valcárcel.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles exceda o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Carral acordou a cesión, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de febreiro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta dun terreo sito na parroquia de Paleo, no termo municipal de Carral (A Coruña), que a seguir se describe:

Labradío chamado El Francés, na parroquia de Paleo, municipio de Carral, de corenta e cinco áreas corenta e nove centiáreas.

Lindes: norte, cómaro de contención en medio, labradío máis baixo dos herdeiros de José Rapela, Andrés Romero López, Antonio García e Andrés Rodríguez; sur, labradío de Perfecto Sande e Avelina Ans; leste, ribazo que a separa de labradío alto de Tomás Laredo; oeste, estrada.

Inscrita a favor do Concello de Carral, que foi adquirida por título de compra, segundo consta na escritura outorgada polo notario de Oleiros Rafael Benzo Sainz, con data do 30 de xullo de 1998, libre

de cargas ou gravames; inscrita no folio 105 do libro 127, inscrición 1ª do predio nº 9.341.

Artigo 2º

O terreo cedido destinarase ás obras de reforma e adaptación á LOXSE do colexio Vicente Otero Valcárcel.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, tres de febreiro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda