Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 28 de febreiro de 2000 Páx. 2.626

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2000, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se fai público o acordo de colaboración entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e os colexios oficiais de médicos de Galicia.

Con data do 16 de febreiro de 2000 a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e os colexios oficiais de médicos de Galicia subscribiron un acordo de colaboración coa finalidade de servir de punto de partida para a formulación de propostas de cola

boración específicas, de xeito que a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e os colexios oficiais de médicos de Galicia fagan efectiva a necesaria colaboración entre ambas.

En cumprimento do exposto na cláusula oitava do acordo de colaboración entre a a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e os colexios oficiais de médicos de Galicia,

RESOLVO:

Facer público o contido do citado acordo que figura no anexo I.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2000.

Manuel Antonio Silva Romero

Secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO I

Acordo de colaboración entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e os colexios oficiais de médicos de Galicia

En Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2000.

Dunha parte, José Mª Hernández Cochón, Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e presidente do Servicio Galego de Saúde, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de conformidade cos decretos 48/1998 e 49/1998, do 5 de febreiro, polos que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Servicio Galego de Saúde, respectivamente,

E doutra:

Miguel José Carrero López, presidente do Ilustre Colexio Oficial de Médicos da provincia da Coruña.

Sven Gunther Cando, presidente do Ilustre Colexio Oficial de Médicos da provincia de Lugo.

Manuel Montero Gómez, presidente do Ilustre Colexio Oficial de Médicos da provincia de Ourense,

E Manuel Campos Villarino, presidente do Ilustre Colexio Oficial de Médicos da provincia de Pontevedra.

Actuando todos eles no seu nome e representación,

Expoñen:

Primeiro.-A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Servicio Galego de Saúde consideran de sumo interese acada-la máxima colaboración con tódalas asociacións de carácter profesional, na procura de relacións fluídas que faciliten o intercambio de información e a colaboración mutua.

Segundo.-Os colexios oficiais de médicos consideran necesario promover foros que faciliten a cooperación e intercambio de información coa administración sanitaria, nos que poidan expoñer continuadamente as súas opinións e puntos de vista.

Terceiro.- Na procura desta relación máis estreita entre as partes para promover e impulsar unha colaboración fluída entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e os colexios oficiais de médicos de Galicia, ambas partes

Acordan:

Primeiro.-É obxecto deste acordo servir de punto de partida para a formulación de propostas de colaboración específicas, de xeito que a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e os colexios oficiais de médicos de Galicia fagan efectiva a necesaria colaboración entre ambas.

Segundo.-Para acadar unha participación activa dos profesionais médicos como máximos protagonistas do proceso asistencial, é necesario o compromiso dos colexios oficiais de médicos como representantes dos intereses dos colexiados que traballan en Galicia, actuando como canle de comunicación coa Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Servicio Galego de Saúde.

Terceiro.-Neste ámbito de colaboración, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Servicio Galego de Saúde consideran de sumo interese acada-la máxima información de carácter sanitario no seu labor normativo, para o que é necesaria a participación activa neste proceso dos profesionais médicos canalizada a través dos colexios oficiais médicos.

Cuarto.-Os colexios oficiais de médicos comprométense a promove-la implicación dos profesionais nas reformas e proxectos normativos que a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais acorde con eles.

Esta participación será especialmente relevante na elaboración daquelas disposicións normativas que se realicen por iniciativa da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou do Servicio Galego de Saúde que dalgún xeito afecten o colectivo profesional médico, co fin de implicarse no seu proceso de elaboración, de forma máis vinculante para as dúas partes que o simple trámite de alegacións.

Quinto.-A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais dará traslado ós colexios de médicos de canta normativa se proxecte en materia sanitaria e afecte os lexítimos intereses destes e dos seus colexiados.

Sexto.-Para o seguimento e aplicación deste acordo, créase unha comisión mixta colexios oficiais de médicos-Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que se reunirá polo menos cada dous meses, ou cando as circunstancias o precisen, por petición de calquera das partes, e que estará composta polas persoas que ocupen os seguintes cargos ou aquelas nas que deleguen:

-O presidente do Sergas.

-O secretario xeral do Sergas.

-Os directores xerais das divisións do Servicio Galego de Saúde.

-O subdirector xeral de Réxime Administrativo da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

-Os presidentes dos colexios médicos galegos.

-O secretario do Consello Galego de Colexios Médicos.

-O asesor xurídico do Consello Galego de Colexios Médicos.

Sétimo.-Por petición de calquera das partes asinantes, poderán crearse comités paritarios de estudio para a análise de problemáticas concretas, con finalidade informativa e de participación dos colexios oficiais de médicos no marco do exercicio lexítimo das súas competencias.

Da actuación destes comités de estudio darase conta á comisión mixta.

Cada comité, unha vez constituído, fixará o seu programa de actuacións.

Oitavo.-O presente acordo, que será publicado no Diario Oficial de Galicia, será efectivo desde o día seguinte ó da súa sinatura, e seguirá en vigor mentres as partes non manifesten expresamente a súa vontade de finalización.

E en proba de conformidade, asínase este acordo, no lugar e data anteriormente indicados.

Pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e Sergas: José Mª Hernández Cochón. Polo Colexio Oficial de Médicos da Coruña: Miguel José Carrero López. Polo Colexio Oficial de Médicos de Lugo: Sven Gunther Cando. Polo Colexio Oficial de Médicos de Ourense: Manuel Montero Gómez. Polo Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra: Manuel Campos Villarino.