Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 29 de febreiro de 2000 Páx. 2.704

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 23 de febreiro de 2000 pola que se establece un plan de recuperación da sardiña ibero-atlántica durante os anos 2000, 2001 e 2002, e se regula a concesión de indemnizacións ós pescadores e propietarios de buques afectados.

A crise biolóxica en que se atopa a sardiña do stock ibero-atlántico e que nos últimos anos vén sendo diagnosticada de maneira insistente e rotunda nos informes científicos do Comité Asesor para la Gestión de Pesquerías (ACFM) do Consello Internacional para a Explotación do Mar (CIEM), do Comité Científico e Económico da Pesca da Comisión de la Unión Europea e de diferentes informes elaborados por técnicos do Instituto Español de Oceanografía (IEO), afecta de maneira moi especial á flota cantábrica, e en particular, a flota con base nos portos galegos.

As recomendacións destes organismos propoñen medidas drásticas a curto prazo para a recuperación da poboación de sardiña. Sen embargo, e dado que o obxectivo proposto é de difícil aplicación por razóns socioeconómicas, tamén se recolle nas recomendacións a alternativa de implementar un plan de recuperación a máis longo prazo.

Na situación actual, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia considerou necesario establecer, como medida de choque, unha parada temporal por razóns biolóxicas durante o pasado mes de marzo de 1999 (era a primavera, segundo os informes científicos existentes, o período máis indicado para realiza-la paralización, para a maior protección do stock desovante, datos corroborados pola última paralización temporal realizada en anos pasados). Esta medida, xunto con outras de reducción do esforzo pesqueiro postas en marcha, como a reducción dun día de actividade semanal da flota que se dedica á pesca deste recurso, debía contribuír á recuperación do recurso, ó tempo que fixese viable a operatividade da flota galega de cerco.

A situación do stock parece dar síntomas de recuperación pero fai necesario que se continúe coas medidas técnicas postas en marcha e incluso outras novas. Coa publicación da Orde de 8 de febreiro de 2000 establécese unha veda de sardiña (Sardina pilchardus) en augas da Comunidade Autónoma de Galicia como medida adicional. Esta veda, que cubrirá 46 días no ano 2000 e 76 días en cada un dos anos 2001 e 2002, e que non implicará custo económico polo exceso de días sobre o plan de recuperación prevista nesta disposición, aplicarase tamén con base na normativa correspondente a tódalas augas adxacentes baixo xurisdicción española na zona CIEM, VIII c e XI a. Así mesmo, redúcense nun 50% as posibilidades de pesca de sardiña con tamaño de 11 a 15 centímetros, o que redundará nunha mellora do stock a curto prazo.

O Regulamento (CE) nº 2792/1999 do Consello do 17 de decembro de 1999 polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca, establece no seu artigo 16, alínea 1º a), a posibilidade de conceder indemnizacións ós pescadores e propietarios de buques como consecuencia da paralización temporal das actividades.

Polas razóns expostas, ó abeiro do disposto nos artigos 5 e 12 da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, sobre ámbito competencial e a necesidade de tomar medidas orientadas á recuperación dos recursos, consultada a comisión sectorial de cerco do Consello Galego de Pesca, regulada polo Decreto 427/1993, do 17 de decembro, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto desta orde.

Por medio desta orde establécese o plan de recuperación da sardiña ibero-atlántica durante os anos 2000, 2001 e 2002 en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e regúlase a concesión de indemnizacións ós tripulantes e propietarios de buques de cerco con porto base en Galicia afectados polo plan.

I Plan de recuperación da sardiña ibero-atlántica

Artigo 2º.-Finalidade.

O plan ten por obxecto contribuír á recuperación da sardiña ibero-atlántica mediante unha paralización temporal da actividade extractiva coa modalidade de pesca de cerco, deste recurso.

Artigo 3º.-Contido e ámbito de aplicación.

Queda prohibida a modalidade de pesca de cerco nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia desde o 1 ó 31 de marzo, ambos inclusive, durante o ano 2000, e desde o 15 de febreiro ó 31 de marzo, ambos inclusive, durante os anos 2001 e 2002.

Artigo 4º.-Incumprimento.

O incumprimento das obrigas contidas no artigo anterior dará lugar a responsabilidade e será sancionado de conformidade coa Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección dos recursos marítimo-pesqueiros.

II

Indemnizacións ós tripulantes e propietarios

de buques de cerco

Artigo 5º.-Obxecto.

As indemnizacións teñen por obxecto compensar económicamente ós tripulantes enrolados en buques

de cerco e ós seus propietarios en canto se vexan directamente afectados como consecuencia da paralización temporal da súa actividade.

Artigo 6º.-Crédito orzamentario.

Estas compensacións económicas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria que en cada un dos anos de vixencia do plan sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

No ano 2000 será con cargo á aplicación 12.03.614B.781.0 do orzamento vixente, logo da correspondente modificación orzamentaria, e cun importe máximo de 127.000.000 de pesetas polo que respecta ós tripulantes, e a 12.03.614B.772.0 cun importe máximo de 173.000.000 de pesetas polo que respecta ós propietarios de buques.

As medidas financiaranse con cargo ós fondos do IFOP e do Estado membro.

Artigo 7º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas indemnizacións os tripulantes de buques de cerco que acrediten que estiveron enrolados neles polo menos nun período de seis meses nos doce anteriores á paralización do ano 2000, e seis antes da do 2001 e 2002, ós que lles afecte directamente a parada e non perciban prestacións por desemprego durante o tempo que dure esta.

Tamén poderán selo os propietarios dos barcos de cerco que foran despachados nun mínimo de seis meses nos doce anteriores á paralización de 2000, e seis antes da de 2001 e da de 2002, e que lles afecte directamente a parada.

Artigo 8º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios deberán reintegrar total ou parcialmente as prestacións económicas percibidas no caso de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Deberán facilitar toda a información que lle sexa requirida en relación a aquelas e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente así como os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, o Estado e a Unión Europea.

Artigo 9º.-Indemnizacións.

O importe das indemnizacións estará condicionado, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

A contía máxima que se percibirá no ano 2000 por día efectivo de inactividade ou inmobilización do buque é a indicada no anexo I desta orde tanto para os tripulantes, xa sexan técnicos ou mariñeros, como para os propietarios dos buques.

Estes últimos poderán percibir, sen superar en ningún caso os límites establecidos no citado anexo, unha compensación se se manteñen ó corrente das cotas da Seguridade Social de tódolos seus tripulantes.

As contías máximas para os tripulantes serán incrementadas no ano 2001 e no 2002 nun 2% anual.

Artigo 10º.-Solicitudes, documentación e prazo de presentación.

Os tripulantes e propietarios de buques que pretendan acollerse a estas compensacións económicas deberán presentar nas delegacións territoriais ou comarcais da consellería, ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e dentro do prazo de vinte días hábiles desde o inicio efectivo de cada parada anual, as solicitudes e documentación por triplicado exemplar que a continuación se indica e que, polo que respecta ós tripulantes, é a correspondente tanto para a concesión como para o pagamento.

Tripulantes.

a) Solicitude normalizada do anexo II.

b) Fotocopia cotexada do DNI.

c) Copia cotexada da cartilla de navegación, das follas correspondentes ós doce meses anteriores á paralización.

d) Certificación bancaria da conta da que sexa titular o beneficiario, ós efectos de pagamento, e na que se faga consta-lo código da entidade e da sucursal e número de conta.

Propietarios de buques.

A. Con carácter xeral.

a) Solicitude normalizada do anexo III.

b) Fotocopia cotexada do DNI.

c) Certificación do Rexistro Mercantil acreditativa da propiedade do buque.

d) Copia cotexada do rol de despachos do buque dos doce meses inmediatamente anteriores á paralización, ou certificación da capitanía marítima correspondente acreditativa dos despachos efectuados no dito período.

e) Declaración xurada na que se manifeste se manteñen ou non ó corrente das cotas da Seguridade Social ós seus tripulantes durante a parada biolóxica, e en caso afirmativo, o importe total destas.

f) Certificación bancaria da conta da que sexa titular o beneficiario, para os efectos de pagamento, e na que se faga consta-lo código da entidade e da sucursal e número de conta.

B. Se o barco pertence a unha persoa xurídica.

1. Substituirase o documento indicado na alínea A.b) anterior pola tarxeta de identificación fiscal de persoas xurídicas.

2. Certificación rexistral da sociedade na que se indicara, quén é o representante legal da entidade.

C. Se o buque pertence a unha pluralidade de persoas.

1. A solicitude normalizada conterá a designación dun representante e será subscrita por tódolos propietarios.

2. O documento indicado na alínea A deste artigo, punto b) achegarase de cada un dos propietarios da embarcación.

3. Da conta bancaria deberán ser titulares todos eles.

D. Para o pagamento das indemnizacións.

Os propietarios de buques, para o pagamento destas indemnizacións deberán presentar, tan pronto dispoñan de todos eles, os seguintes documentos:

1. Certificación da capitanía marítima correspondente acreditativa do depósito do rol de despachos do barco durante o período de paralización.

2. Copia cotexada dos documentos TC-1 e TC-2 do barco do período de parada biolóxica, se é o caso.

3. Certificacións acreditativas de que o propietario ou propietarios do barco están ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 11º.-Órganos de xestión e resolución.

A xestión destas compensacións económicas será realizada polos servicios periféricos da consellería baixo a supervisión da Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados.

A resolución corresponde ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura que a delega nos delegados territoriais da consellería, que tamén proporán o pagamento, se é o caso, logo da correspondente modificación orzamentaria de transferencia de fondos ós órganos provinciais.

Artigo 12º.-Prazo de resolución.

O prazo para dictarse a correspondente resolución será como máximo de tres meses contados a partir da data de comezo do prazo de presentación de solicitudes para os tripulantes e de cinco para os propietarios dos barcos.

Artigo 13º.-Notificación da resolución.

As resolucións dos expedientes correspondentes ós tripulantes publicaranse nos taboleiros de anuncios das delegacións territoriais e comarcais da consellería, logo de anuncio no Diario Oficial de Galicia da súa exposición ó público, e sen prexuízo dunha maior difusión a través das asociacións do sector.

Artigo 14º.-Modificabilidade da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destas indemnizacións, e en todo caso a obtención doutras prestacións, ou axudas pola mesma causa -que son incompatibles-, dará lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 15º.-Recursos.

Contra a resolución que se dicte, que pon fin á vía administrativa cabe interpoñer, con carácter potestativo, recurso de resposición perante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura no prazo dun mes ou recurso contencioso administrativo perante o órgano xurisdiccional competente no prazo de dous meses contados, en ámbolos casos, a partir do día seguinte á notificación, ou se é o caso publicación, da resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para o desenvolvemento da parte I desta orde, e o director xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados para o da parte II.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2000.

P.O. (17-12-1997, DOG nº 246, do 22)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura

ANEXO I

Tripulantes

Categoría profesional

Contía máxima da prima por

día de paralización efectiva

Técnicos:4.121 ptas./día
Mariñeiros:2.940 ptas./día

Armadores

Arqueo do buque en T.R.B.

Contía máxima da prima por buque

en ptas./día de paralización efectiva

Ata 25 T.R.B.: 3.494 ptas.+790 ptas. por T.R.B.
Máis de 25 e ata 50 T.R.B.: 4.368 ptas.+751 ptas. por T.R.B.
Máis de 50 e ata 70 T.R.B.:11.356 ptas.+611 ptas. por T.R.B.
Máis de 70 T.R.B.:15.374 ptas.+545 ptas. por T.R.B.