Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 29 de febreiro de 2000 Páx. 2.709

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 28 de febreiro de 2000 pola que se regula o exercicio dos dereitos electorais do persoal ó servicio da Comunidade Autónoma de Galicia, nas eleccións xerais ó Congreso dos Deputados e ó Senado.

Convocadas eleccións xerais ó Congreso dos Deputados e ó Senado polo Real decreto 64/2000, do 17 de xaneiro, que terán lugar o vindeiro día 12 de marzo do ano que corre, é preciso adopta-las medidas oportunas para facilita-lo exercicio dos dereitos e deberes do persoal ó servicio desta Administración autonómica.

En consecuencia, en virtude do previsto nos artigos 28, 76, e 78 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, modificada polas leis orgánicas 1/1997, do 30 de maio, 3/1998, do 15 de xuño, e 8/1999, do 21 de abril, e no artigo 14 de Real decreto 421/1991, do 5 de abril, modificado polo Real decreto 563/1993, do 16 de abril, polo que se dictan normas reguladoras dos procesos electorais, e demais disposicións concordantes, esta consellería, de conformidade coas facultades que lle confire o artigo 13 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia,

DISPÓN:

Primeiro.-O persoal ó servicio da Administración pública da Galicia que o día das eleccións non desfrute do seu descanso semanal terá dereito a un permiso retribuído de catro horas libres para exerce-lo seu dereito ó voto, sempre que a súa quenda de traballo, o día 12 de marzo de 2000, coincida polo menos en catro horas co tempo no que permanecerán abertas as mesas electorais.

Segundo.

1. O persoal nomeado presidente ou vocal de mesas electorais, e os que acrediten a súa condición de interventores, teñen dereito, durante o día da votación, a un permiso retribuído de xornada completa, se non desfrutan en tal data de descanso semanal, e a unha reducción da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior.

2. Os que acrediten a súa condición de apoderados teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non desfrutan nese día de descanso semanal.

Terceiro.-Os directores ou xefes de persoal das dependencias onde presta os seus servicios o persoal afectado por esta orde esixiranlle ó mencionado persoal os oportunos xustificantes expedidos polas mesas electorais de que foi exercido o seu dereito ó voto.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública