Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 17 de marzo de 2000 Páx. 3.686

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de febreiro de 2000 pola que se publica a convocatoria para a concesión de subvencións a escolas de música públicas e pola que se regula o procedemento para a súa concesión.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece no seu artigo 39.5º que os estudios de música se poderán cursar, sen límite de idade, en escolas específicas. Estes estudios en ningún caso poderán conducir á obtención de títulos con validez académica e profesional.

A orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de marzo de 1993 (DOG do 22 de abril) regula a creación e o funcionamento das escolas de música da Comunidade Autónoma de Galicia resaltando a especial responsabilidade das corporacións locais nesta materia.

A notable demanda das ensinanzas de música xustifica o crecemento do número de escolas de titularidade pública para achega-los mozos e afeccionados á posibilidade de cursar estes estudios, tanto para realizar unha actividade de formación artística como para continuar posteriormente estudios regrados de música en centros autorizados ou nos conservatorios.

Co fin de potencia-lo funcionamento destas escolas de música da que son titulares determinados entes públicos, en virtude das atribucións que ten conferidas a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPOÑO:

Primeiro.-Faise pública a convocatoria de axudas destinadas a subvenciona-las actividades que desenvolvan, desde o 1 de xaneiro de 2000 ata o prazo límite de xustificación de gastos, as escolas de música que radiquen na Comunidade Autónoma de Galicia das que sexan titulares entes públicos distintos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Segundo.-Poderán solicita-las ditas subvencións os titulares das escolas de música sinaladas no punto anterior que teñan, na data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, autorización expresa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a impartición das correspondentes ensinanzas.

Terceiro.-O importe total das axudas será de corenta e nove millóns de pesetas (49.000.000) e librarase con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.322E.460.0 da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

As escolas de música que inicien a súa actividade docente durante o ano 2000 poderán, ademais, percibir un incremento máximo dun 25% da axuda que lles puidese corresponder. En calquera caso, a contía máxima da axuda por beneficiario non poderá supera-la cantidade de cinco millóns (5.000.000) de pesetas.

Cuarto.-As solicitudes, segundo o modelo de instancia e mailo anexo que figuran nesta orde, xunto coa documentación xustificativa correspondente, dirixiranse ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e presentaranse no rexistro xeral da consellería, edificio administrativo-San Caetano s/n, 15771 Santiago de Compostela, ou nos lugares que sinala o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A documentación que se debe xuntar á solicitude é a seguinte:

a) Breve memoria descritiva dos obxectivos que se pretenden alcanzar mediante as actividades que se realicen no ano 2000.

b) Fotocopia cotexada da tarxeta de identificación fiscal.

c) Certificación bancaria a nome do solicitante na que conste o número de conta na que desexe que se lle ingrese, sé o caso, o importe da axuda.

d) Declaración xurada de ter solicitado, ou non, doutros entes públicos ou privados axuda para a mesma finalidade.

Quinto.-Na valoración de solicitudes teranse en conta, polo menos, os seguintes aspectos:

1) Número de alumnos/as.

2) Ensinanzas que imparte a escola.

3) Número de profesores/as.

4) Dimensións das instalacións.

5) Volume de orzamento da escola de música.

6) Iniciación da súa actividade no ano 2000, se é o caso.

Sexto.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementa-lo expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos solicitantes.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta á solicitude

será comunicada polo solicitante á dita dirección xeral.

Sétimo.-Baixo a presidencia do director xeral de Centros e Inspección Educativa ou persoa en quen delegue constituirase unha comisión encargada de valora-las solicitudes presentadas e que estará integrada por:

-O subdirector xeral de Centros.

-O subdirector xeral de Programación.

-O xefe de Servicio de Centros.

-O xefe de Servicio de Programación.

-Un inspector central.

-Un inspector de educación designado polo director xeral de Centros e Inspección Educativa.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario con voz e sen voto.

A comisión poderá solicitar, en todo momento, a asistencia daqueles funcionarios que considere oportuno que, no caso de acudir ás súas reunións, o farán con voz e sen voto.

Oitavo.-A comisión de selección elaborará unha proposta provisional de adxudicación das axudas que se notificará ós interesados para que estes, no prazo de 10 días hábiles, poidan formula-las alegacións que consideren oportunas. Valoradas as ditas alegacións, a comisión elevará a proposta definitiva de adxudicación das axudas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para a resolución que proceda.

Noveno.-A resolución de concesión de axudas dictada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de seis meses contados desde a publicación desta orde. As solicitudes denegadas serán motivadas.

No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, o sentido do silencio será negativo.

A resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior

de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Décimo.-As subvencións estarán condicionadas ós orzamentos dispoñibles e irán destinadas a sufraga-los gastos de carácter fixo e recorrente que se especifiquen no anexo; serán aboadas de conformidade co que dispón o artigo 37 da Lei 7/1999, do 29 de decembro (Diario Oficial de Galicia do 31) de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, mediante un ou varios pagamentos parciais a conta da liquidación por un importe máximo do 80% da axuda concedida, segundo os termos que se establecen no referido artigo, sempre que o beneficiario xustifique os gastos realizados segundo o proxecto aprobado.

Para o libramento do 20% restante o beneficiario presentará, antes do 15 de outubro de 2000, a completa xustificación.

Para que se poida dar curso ós libramentos, o solicitante deberá achega-las xustificacións orixinais ou fotocopias cotexadas de: facturas, contratos, nóminas, Seguridade Social, etc. Ademais, o beneficiario está obrigado a comunica-la obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público.

A xustificación deberase facer sobre o investimento total, e de non producirse este, minorarase a subvención na mesma proporción.

As xustificacións referidas serán dirixidas á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, Subdirección Xeral de Centros, Servicio de Xestión de Programas Educativos, rúa San Lázaro, nº 107, 15771 Santiago de Compostela.

Décimo primeiro.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, a través dos servicios provinciais de Inspección, poderá realizar un seguimento da aplicación das subvencións nas escolas de música beneficiarias delas.

Así mesmo, o beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Décimo segundo.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, en todo caso, a obtención concorrente de subven

cións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal como se establece na Lei 8/1999, do 30 de decembro (DOG do 31), de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Décimo terceiro.-Nas comunicacións, publicidade e propaganda das escolas de música que obteñan axuda deberá figurar que están subvencionadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co seu respectivo anagrama ou logotipo.

Décimo cuarto.-O beneficiario da subvención deberá proceder ó reintegro das cantidades recibidas e mailos xuros de demora, de conformidade co artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG do 5 de novembro), polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, de acordo coa redacción dada pola Lei 8/1999, cando exista pola súa parte incumprimento da obriga de xustificación, obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos nas bases reguladoras para a súa concesión, ou por incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

Décimo quinto.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición adicional

No non previsto nesta orde haberá que aterse ó establecido pola Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 e pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa e polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria