Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 17 de marzo de 2000 Páx. 3.692

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 9 de marzo de 2000 pola que se exercita o dereito de retracto, a favor e por conta do Concello da Estrada (Pontevedra), sobre a torre de Guimarei.

Visto o acordo adoptado en data 8 de outubro de 1999 polo Pleno do Concello da Estrada para solicitar da Xunta de Galicia que exerza o dereito de retracto a favor do concello do inmoble denominado torre de Guimarei.

Considerando que, polo Decreto do 22 de abril de 1949, os castelos quedan baixo a protección do Estado e, segundo o establecido na disposición adicional segunda da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, eses inmobles se consideran de interese cultural. Asemade, tendo en conta que, por Resolución do 17 de outubro de 1994, da Dirección Xeral de Belas Artes e Arquivos do Ministerio de Cultura, a torre de Guimarei queda inscrita no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Patrimonio Histórico Español, coa categoría de monumento.

Considerando que, a teor do artigo 27 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, toda pretensión de venda dun ben declarado de interese cultural deberalle ser notificada á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Que a falta de notificación posibilita que a dita consellería poida exercitar, para si ou para outra institución sen ánimo de lucro, o dereito de retracto, no prazo de 6 meses a partir da data na que se teña coñecemento acreditado da venda. Que na documentación que consta no expediente non existe a notificación á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da pretensión da venda do ben declarado.

Que a compravenda do ben obxecto de dereito de retracto foi formalizada en escritura pública ante o notario do Colexio da Coruña, con residencia en Cambados (Pontevedra), José Ángel Dopico Álvarez, baixo o nº 1210 do seu protocolo.

Considerando que a asesoría xurídica delegada na consellería informa con data do 10 de decembro de 1999 que a Xunta de Galicia pode exercita-lo retracto a favor do concello pero limitado ó que en si é a torre de Guimarei, xa que da totalidade do predio rexistral só o edificio da torre goza da con

dición de ben de interese cultural, requisito habilitante para o exercicio do dito dereito.

Visto o certificado de disposición expedido o 6 de marzo de 2000 polo interventor do Concello da Estrada e o Decreto 215/2000, do 6 de marzo, do alcalde-presidente do dito concello, polo que se compromete a achega-la cantidade de 70.000.000 de ptas. para facer fronte ós gastos de adquisición do inmoble denominado torre de Guimarei, conforme o acordado polo Pleno do Concello na sesión realizada o 8 de outubro de 1999.

Visto o informe favorable emitido en data 9 de marzo de 2000 pola asesoría xurídica delegada nesta consellería.

Por todo o exposto, por proposta da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, en aplicación do establecido no artigo 38 da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, no artigo 27 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia e nos artigos 40 e 42 do Real decreto 111/1986, do 10 de xaneiro (BOE nº 24, do 28); e de acordo coas facultades que teño atribuídas en virtude do disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente (BOE do 5 de setembro) e na letra g) do punto un do artigo 6 do Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo (DOG nº 10, do 16),

RESOLVO:

Primeiro.-Exerce-lo dereito de retracto a favor e por conta do Concello da Estrada (Pontevedra) sobre o monumento denominado torre de Guimarei, localizado no lugar de Guimarei, no dito concello, incluído no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Patrimonio Histórico Español co código de identificación R-I-51-0008963.

En execución deste acordo procederase á realización da segregación do edificio declarado ben de interese cultural do resto do predio rexistral no que se atopa e á determinación do seu valor económico.

Segundo.-Conforme o acordo adoptado o 8 de outubro de 1999 polo Pleno do Concello da Estrada (Pontevedra) e segundo o Decreto 215/2000, do 6 de marzo, do seu alcalde-presidente, o Concello da Estrada (Pontevedra) asume as obrigas de carácter económico que se deriven do exercicio do dereito de retracto.

Terceiro.-Faculta-lo director xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo para realizar tódalas actuacións necesarias para o exercicio do dereito de retracto referido.

Cuarto.-Notifica-la presente orde ó vendedor e ó comprador e publicala no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, comunicarase esta ó Concello da Estrada (Pontevedra), ó Rexistro da Propiedade do Distrito

Hipotecario da Estrada (Pontevedra) e ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Patrimonio Histórico Español.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2000.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo