Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 17 de marzo de 2000 Páx. 3.698

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Gestión Deportiva Gallega, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Gestión Deportiva Gallega, S.L., con nº de código 3603132, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 11-2-2000, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, en data 31-1-2000. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 14 de febreiro de 2000.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

II convenio colectivo da empresa

Gestión Deportiva Gallega, S.L.

Ano 2000-2001

Artigo 1º.-Ámbito funcional e territorial.

Este convenio colectivo é de ámbito provincial e aplicarase e obrigará a empresa Gestión Deportiva Gallega, S.L. no centro de traballo que ten na actualidade e aqueloutros de nova creación que no futuro se poidan establecer nesta provincia. Encádrase na regulamentación nacional de traballos de locais e espectáculos, afecto a actividades que teñan por obxecto a planificación e desenvolvemento de infraestructuras deportivas, organización e patrocinio de eventos deportivos, xestión de instalacións deportivas, formación de técnicos e dirixentes deportivos, a edición e distribución de publicacións deportivas e as xestións de publicidade e promocións en recintos e soportes de instalacións e a comercia

lización de todo tipo de productos deportivos, sendo adxudicataria de tales servicios en diversos concellos e institucións públicas, e que comprende e abrangue tódolos subgrupos relacionados coa actividade deportiva e todo o espectáculo que sexa lúdico-deportivo e precise persoal para o seu desenvolvemento.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Este convenio afecta a tódolos traballadores, sexa cal for a súa categoría profesional, que durante a súa vixencia traballen baixo dependencia e por conta de Gestión Deportiva Gallega, S.L.

Artigo 3º.-Vixencia.

Este convenio terá unha vixencia de dous anos, e entrará en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2000 para finaliza-lo 31 de decembro de 2001.

Este convenio entenderase denunciado para tódolos efectos o 31 de outubro de 2001, data na que as partes económica e social se comprometen a inicia-la negociación dun novo convenio.

Artigo 4º.-Salarios.

Os salarios base para 2000 son os que figuran na táboa anexa.

En 2000 os salarios incrementaranse nunha porcentaxe fixa do 3% e aplicaranse sobre os salarios vixentes o 31-12-1999.

Para 2001 o incremento salarial será o IPC real do ano 2000 sobre os valores da táboa anexa.

Os traballadores que teñan un salario superior ó fixado na táboa anexa a este convenio manterano, aplicándoselle-los incrementos pactados.

Artigo 5º.-Clasificación persoal e profesional.

Co obxecto de ter unha adecuada clasificación profesional do persoal da empresa á que afecta o convenio, establécese a clasificación por grupos profesionais segundo a táboa correspondente. No que respecta ás contratacións haberá: a) persoal fixo; b) persoal eventual; c) persoal de obra ou servicio determinado; d) persoal de obra ou servicio extraordinario; e) persoal interino; f) persoal en contrato de alternancia. As categorías profesionais consignadas nela son puramente enunciativas e non obrigan a ter cubertas tódalas categorías enumeradas se as necesidades non o requiren.

Grupo I: persoal administrativo.

1. Director de centro ou instalación.

2. Xefe administrativo.

3. Contable.

4. Oficial administrativo.

5. Auxiliar administrativo.

Grupo II: persoal técnico-deportivo.

1. Coordinador de actividades.

2. Coordinador de monitores.

3. Monitor deportivo.

4. Animador social.

5. Auxiliar de monitor.

6. Socorrista.

Grupo III: resto do persoal.

1. Recepcionista.

2. Técnico de mantemento.

3. Peón oficios varios (limpeza, mantemento...).

Clasificación por niveis:

Nivel I:

-Director de instalación.

Nivel II:

-Xefe administrativo.

-Coordinador de actividades.

Nivel III:

-Contable.

-Coordinador de monitores.

-Técnico de mantemento.

Nivel IV:

-Oficial administrativo.

-Monitor deportivo.

-Animador social.

-Socorrista.

-Recepcionista.

Nivel V:

-Conserxe/porteiro.

-Auxiliar de monitor.

-Peón oficios varios.

Definición das categorías profesionais:

-Director de instalación.

Responsable da coordinación de tódalas actividades realizadas dentro da instalación así como a supervisión administrativa. Actuará como xefe de persoal dentro da instalación e representará a empresa en todo o relacionado coas actividades que se programen. Depende das directrices dos órganos de administración da empresa.

-Xefe administrativo.

Responsabilizarase de control e coordinación administrativa distribuíndo os traballos, efectuando os cobramentos necesarios ós usuarios en colaboración co xefe de contabilidade. Informará periodicamente o director da instalación, a quen proporá cantas medidas sexan necesarias para a mellora e racionalización da oficina. Depende das directrices dos órganos de administración da empresa.

-Contable.

Realizará materialmente a contabilidade, levando os libros e demais documentos contables que sexan

precisos baixo a dirección e supervisión do órgano de administración.

-Oficial administrativo.

É a persoa encargada da área burocrática e administrativa, que leva o control da correspondencia, arquivo e documentación. Depende do xefe administrativo.

-Auxiliar administrativo.

É a persoa que, ás ordes do oficial administrativo, realiza as tarefas por el encomendadas na área burocrática e administrativa.

-Coordinador de actividades.

É a persoa que exerce o control e organización das actividades e dos coordinadores de monitores, dependendo da dirección técnica da instalación.

-Coordinador de monitores.

Son os que, polo menos co título de monitor, exercerán o control directo dos monitores (horarios, quendas, niveis, rendementos técnicos, etc.), a coordinación entre as actividades docente e administrativa.

Revisarán periodicamente o material usado polos alumnos, instalacións, etc. Velarán polo cumprimento das directrices do traballo dependendo do coordinador de actividades.

-Monitor.

Son os que, tendo o título correspondente, manteñen o contacto directo cos alumnos, desenvolven os programas técnicos e de actividades previstos. Coidarán a orde e seguridade nas súas clases dependendo dos coordinadores.

-Socorrista.

É a persoa que coa titulación necesaria fai funcións de vixilancia, salvamento e prevención de accidentes, dependendo do coordinador.

-Recepcionista.

É a persoa que exerce a vixilancia e o control dos accesos e zonas de tránsito dentro do centro de traballo. É o encargado de facilitar información sobre os distintos tipos de servicios e actividades que se desenvolven no recinto. Encargarase, así mesmo, do cobramento das actividades e do cerramento de caixa diario. Dependerá do xefe administrativo.

-Técnico de mantemento.

Será o encargado de coidar do bo estado das instalacións, supervisando o traballo daquelas persoas que ten ó seu cargo. Dependerá do director de instalación.

-Peón de oficios varios.

É o encargado material da execución dos traballos de mantemento e conservación e limpeza das instalacións. Dependerá do técnico de mantemento.

Artigo 6º.-Estructura salarial.

Está constituída polos seguintes conceptos:

-Salario base.

-Axudas de custo.

-Transporte e locomoción.

Artigo 7º.-Antigüidade.

Este concepto existirá e aboaráselles soamente ós traballadores que o veñan percibindo e ós que pertenzan ó cadro de persoal da empresa antes da sinatura do convenio e teñan como mínimo 6 meses de contrato cumprido. A porcentaxe aboarase na mesma porcentaxe que ata a data.

Artigo 8º.-Período de proba.

Poderase establecer, por escrito, un período de proba de tres meses para toda clase de traballadores desta empresa.

Artigo 9º.-Gratificacións extraordinarias.

Os traballadores afectados por este convenio terán dúas pagas extraordinarias, as cales se conceden en concepto de paga de verán (15 de xullo) e Nadal (15 de decembro) e que consisten no importe dunha mensualidade máis a antigüidade.

Artigo 10º.-Vacacións.

O período de vacacións retribuídas será de 32 días naturais. O calendario de vacacións será confeccionado pola empresa, en función das solicitudes dos traballadores, dentro do 1º trimestre do ano.

No demais haberá que se ater ó disposto na lexislación vixente.

Artigo 11º.-Enfermidade.

Os traballadores afectados por este convenio percibirán das súas respectivas empresas e en tódolos casos de baixa por ILT ou accidente laboral o 100% do seu salario base.

Artigo 12º.-Xornada.

A xornada de traballo será de 38 horas semanais para a vixencia deste convenio. Establecerase un descanso intermedio de 30 minutos, que se aboará como tempo traballado, pero en ningún caso se sumará para o cómputo de horas extraordinarias.

Artigo 13º.-Complemento de distancia.

No referente ó complemento de distancia, aplicarase o disposto sobre iso na lexislación xeral.

Artigo 14º.-Licencias.

O persoal terá dereito a que se lle conceda permiso con percepción dos salarios correspondentes nos seguintes casos:

1. Vinteún días naturais en caso de matrimonio.

2. Dous días naturais por enfermidade grave de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

3. Cinco días naturais por falecemento do cónxuxe, pais e fillos e pais do cónxuxe.

4. Catro días naturais por nacemento dun fillo.

Cando o traballador teña que se desprazar a localidades distantes de máis de 200 quilómetros da súa residencia, contará con dous días máis en cada caso.

Artigo 15º.-Excedencias.

As excedencias resolveranse conforme a regulamentación correspondente.

Artigo 16º.-Extinción por dimisión.

O traballador que desexe extingui-lo seu contrato por demisión debe avisa-la empresa con 15 días de antelación á súa marcha.

Artigo 17º.-Roupa de traballo.

O persoal afectado polo presente convenio recibirá por conta da empresa e por un ano dous uniformes completos adecuados á súa función, incluído calzado, para todo traballador con máis de seis meses na empresa. Afecta a traballadores de administración, persoal técnico e de mantemento.

Artigo 18º.-Traballos perigosos, tóxicos o penosos.

Sobre este artigo haberase que ater ó disposto na lexislación laboral vixente en cada momento.

Artigo 19º.-Revisión médica.

O persoal afectado por este convenio efectuará unha revisión médica anual por conta dos servicios médicos da empresa.

Artigo 20º.-Descanso dominical.

Dadas as especiais características da empresa e as súas actividades de lecer e deporte realizadas durante toda a semana, incluídos sábado, domingo e festivos, aqueles traballadores no contrato dos cales figure esta premisa, terán dereito ó seu descanso equivalente calquera outro día da semana.

Artigo 21º.-Casos especiais de retribución.

O persoal de locais de espectáculos e deportes poderá realizar traballos de categoría superior a aquela na que está clasificado, non como ocupación habitual, senón como necesidade perentoria da empresa.

Durante o tempo que dure esta situación, os interesados terán dereito a percibi-la remuneración asignada á superior categoría desempeñada circunstancialmente. O dereito a percibi-lo salario de superior categoría pasará a definitivo se a situación se prolonga durante 6 meses nun ano.

Artigo 22º.-Contratos eventuais de duración determinada.

Cando o contrato de duracion determinada previsto no punto 1º b) do artigo 15 do Estatuto dos traballadores se concerte para cubrir postos en centros

de traballo que non teñan a consideración de obra, neste suposto, a duración máxima do contrato poderá ser de 9 meses dentro dun período de 12 meses.

No caso de que se concerte por un período inferior a 9 meses, poderán ser prorrogados mediante acordo das partes, sen que a duración total do contrato poida exceder do dito límite máximo. O período de 12 meses computarase a partir da data da causa ou circunstancia que xustifique a súa utilización.

Artigo 23º.-Plan de pensións-xubilación.

A empresa formalizará un plan de pensións-xubilación para tódolos traballadores fixos do cadro de persoal da empresa e as súas contribucións a este irán por conta dela.

Establécese para o ano 2000 unha contribución mensual de 5000 pesetas por traballador.

Artigo 24º.-Remisión legal.

En todo o non previsto neste convenio haberase que ater ó disposto na regulamentación nacional de traballo e lexislación laboral e regulamentos vixentes de aplicación ás empresas afectadas.

Artigo 25º.-Comisión mixta.

Toda cuestión de interpretación, dúbida de clasificación persoal ou diverxencia, que con motivo do disposto neste convenio se suscite, someterase á comisión mixta do convenio, que estará constituída polos representantes dos traballadores e o representante empresarial, é dicir, cada un dos compoñentes negociadores deste convenio.

Este convenio asínase en Ponteareas, 31 de xaneiro de 2000.

Táboa salarial Gsport, S.L.

EmpregoS. base HoraAno

Nivel I
Director instalación130.4501.3381.826.300

Nivel II
Xefe administración108.5881.1941.520.232
Coordinador actividades108.5881.1941.520.232

Nivel III
Contable102.8771.0851.440.278
Coordinador de monitores102.8771.0851.440.278
Técnico mantemento102.8771.0851.440.278
Técnico actividades102.8771.0851.440.278

Nivel IV
Oficial administrativo81.6769141.143.464
Monitor deportivo81.6769141.143.464
Animador social81.6769141.143.464
Socorrista81.6769141.143.464
Recepcionista81.6769141.143.464

Nivel V
Auxiliar administrativo74.2518311.039.514
Auxiliar monitor74.2518311.039.514
Auxiliar mantemento74.2518311.039.514
Conserxe74.2518311.039.514
Peón oficios varios74.2518311.039.514