Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2000, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dunhas xornadas en colaboración coa Dirección Xeral de Familia sobre maltrato ó menor, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:
Obxectivos.
As xornadas teñen por obxectivos ofrecerlles ós corpos e forzas de seguridade unha visión o máis ampla posible da problemática dos malos tratos a menores, tanto físicos coma psicolóxicos, e informar sobre cáles son os medios ó alcance para paliar este problema, así como o estudio da nova Lei da responsabilidade penal do menor.
Destinatarios.
As xornadas van dirixidas ós membros dos corpos e forzas de seguridade e colectivos interesados en xeral.
Inscrición.
A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.
Prazas.
O número de prazas que se ofertarán será 250.
Solicitudes.
1. O persoal que desexe participar nestas xornadas deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.
2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 22 de maio de 2000, ás 14 horas.
3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Duración e datas.
As xornadas desenvolveranse durante os días 30 e 31 de maio de 2000, en xornadas de mañá e tarde.
O horario será o seguinte:
Día 30: das 9.30 ás 13.30 horas e das 16.15 ás 20 horas.
Día 31: das 10 ás 14 horas.
Relación de admitidos.
A relación de admitidos publicarase o día 25 de maio no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.
Lugar.
As xornadas terán lugar no salón de actos nº 1 da Consellería da Presidencia e Administración Pública, no edificio administrativo San Caetano, en Santiago de Compostela.
Certificado de asistencia.
Ó remate das xonradas entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a elas.
Modificacións.
A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento normal das xornadas para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 29 de febreiro de 2000.
Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade