Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 23 de marzo de 2000 Páx. 3.965

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 8 de marzo de 2000 de desenvolvemento do Decreto 371/1998, do 10 de decembro, polo que se regula o Rexistro de Entidades Locais de Galicia.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, no seu artigo 3 dispón que a Xunta de Galicia levará un rexistro no que se inscribirán tódalas entidades locais de Galicia.

En cumprimento do citado precepto legal creouse, a través do Decreto 371/1998, do 10 de decembro, o Rexistro de Entidades Locais de Galicia (Relga), para os efectos dunha mellor identificación das entidades locais galegas e sempre en coordinación co contido do Rexistro de Entidades Locais da Administración xeral do Estado.

Entre as entidades locais que se van inscribir figuran as denominadas entidades locais de ámbito territorial inferior o municipio, en previsión de que a través dunha futura lei do Parlamento de Galicia as parroquias rurais galegas teñan a consideración de entidades locais territoriais, cumprindo deste xeito o disposto no artigo 1.2º da citada Lei 5/1997 de Administración local de Galicia.

Estimándose necesario para unha mellor aplicación do citado Decreto 371/1998 e de acordo coa súa disposición derradeira primeira que faculta o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dictar cantas disposicións considere oportunas para o seu desenvolvemento,

DISPOÑO:

Capítulo I

Do Rexistro de Entidades Locais

de Galicia

Artigo 1º

As entidades locais de Galicia ás que se refire o artigo 4 do Decreto 371/1998, do 10 de decembro, polo que se regula o Rexistro de Entidades Locais de Galicia, tanto as actualmente existentes como as de nova creación, inscribiranse no rexistro, que estará adscrito á Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, nos termos establecidos no artigo 3 e na disposición transitoria única do dito decreto.

O Rexistro de Entidades Locais de Galicia ten carácter público podendo acceder a el calquera persoa mediante petición dirixida á Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local nos termos establecidos no artigo 37 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Este rexistro organízase en dúas seccións xerais referidas, respectivamente, ás entidades de carácter territorial e a outras entidades locais

Artigo 2º

A solicitude de inscrición será subscrita polo presidente da entidade local ou pola persoa a quen lle corresponda a representación da entidade e será dirixida á Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, contendo, en tódolos casos, e segundo a clase de entidade local de que se trate, os datos que con respecto a cada unha delas se determinan para a súa inscrición rexistral nos artigos 4 e 5 do Decreto 371/1998, do 10 de decembro. As solicitudes formularanse de acordo cos modelos que figuran como anexos desta orde.

Capítulo II

Do procedemento de inscrición

Artigo 3º

Os datos ós que se refire o artigo anterior terán que ser sinalados de acordo coas seguintes especificacións:

A. Municipio.

a) Denominación recoñecida oficialmente.

b) Capitalidade: consignarase o nome da localidade que a teña.

c) Provincia á que pertence.

d) Extensión superficial: consignarase en quilómetros cadrados.

e) Límites do termo municipal: farase referencia ós municipios limítrofes consignando a denominación de cada un deles e da provincia á que pertencen, así como ó país estranxeiro ou mar ou océano, segundo proceda.

f) Poboación: consignarase a poboación de dereito resultante da última revisión do padrón municipal de habitantes.

g) Entidades de poboación: consideraranse entidades de poboación aquelas áreas habitables do termo municipal, habitadas ou excepcionalmente deshabitadas, claramente diferenciadas dentro del, e que son coñecidas por unha denominación específica que as identifica sen posibilidade de confusión.

h) Réxime de funcionamento: consignarase se é común ou propio no caso de te-la corporación aprobado un regulamento orgánico ou especial.

i) Entidades locais non territoriais das que forma parte ou nas que se integra.

B. Provincia.

a) Denominación recoñecida oficialmente.

b) Capitalidade: consignarase a denominación da cidade na que aquela resida.

c) Extensión superficial: consignarase en quilómetros cadrados.

d) Límites do territorio provincial: farase referencia ás provincias ou país estranxeiro ou mar ou océano, segundo proceda, consignando a denominación de cada unha das provincias de que se trate.

e) Poboación: consignarase a poboación de dereito resultante das últimas revisións do padrón de habitantes dos municipios da provincia.

f) Denominación da corporación á que corresponde a representación, goberno e administración da provincia.

g) Réxime de funcionamento: consignarase se é común ou propio no caso de te-la corporación aprobado un regulamento orgánico propio.

C. Entidades de ámbito territorial inferior ó municipio.

a) Denominación xenérica e nome da entidade.

b) Capitalidade.

c) Municipio e provincia á que pertence.

d) Extensión superficial e límites.

e) Poboación.

f) Réxime de funcionamento.

D. Áreas metropolitanas.

a) Denominación: consignarase á que lle corresponda segundo a Lei da Comunidade Autónoma que a cree.

b) Número e denominación dos municipios que a integran: indicarase o número total dos municipios que a integran e a denominación de cada un deles.

c) Capitalidade: consignarase o nome da localidade na que resida segundo conste na lei creadora.

d) Órganos de goberno e administración: consignaranse os que ó seu respecto se determinen na súa lei de creación.

e) Competencias: as que teñan legalmente atribuídas segundo a súa lei de creación.

E. Mancomunidades de municipios.

a) Denominación: consignarase a que lle corresponda segundo os seus estatutos.

b) Número e denominación dos municipios mancomunados: indicarase o número total de municipios asociados e a denominación de cada un deles.

c) Sede da entidade: consignarase o nome da localidade na que resida segundo os seus estatutos.

d) Provincia ou provincias ás que pertence: consignarase aquela ou aquelas na que se encontre situada a sede da mancomunidade.

e) Órganos de goberno: faranse constar como tales os que figuren nos seus estatutos.

f) Obras e servicios da súa competencia: consignaranse os que como obxecto da mancomunidade figuren nos seus estatutos.

F. Consorcios locais.

a) Denominación: consignarase a que lle corresponda segundo os seus estatutos.

b) Número e denominación das entidades locais consorciadas: indicarase o número total de entidades locais consorciadas así como a denominación de cada unha delas.

c) Administracións públicas distintas das entidades locais consorciadas: indicarase o número e nome de cada unha das administracións públicas consorciadas.

d) Entidades privadas consorciadas: indicarase o número e nome de cada unha das entidades privadas consorciadas.

e) Sede da entidade: consignarase o nome da localidade que figure nos seus estatutos.

f) Órganos de goberno e xestión: faranse constar como tales os que figuren nos seus estatutos.

g) Obras e/ou servicios da súa competencia: consignaranse os que como obxecto do consorcio figuren nos seus estatutos.

G. Entidades locais menores.

a) Denominación. Consignarase o nome específico que lle corresponda, de acordo co disposto na norma da súa creación.

b) Capitalidade. Consignarase o nome da localidade na que aquela resida.

c) Municipio e provincia a que pertence. Consignarase o nome do municipio e provincia ós que pertence.

d) Extensión superficial e límites. Consignarase en quilómetros cadrados a súa extensión superficial especificándose os seus límites.

e) Poboación. Consignarase a poboación de dereito resultante da última revisión anual do padrón municipal de habitantes.

f) Réxime de funcionamento. Consignarase se é común, ou propio no caso de contar a entidade cun regulamento orgánico propio.

Artigo 4º

1. Na solicitude de inscrición das entidades locais, agás na das entidades locais de carácter territorial xa existentes, definidas como tales no artigo 1 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, farase constar ademais:

a) A disposición legal ou a resolución do Consello da Xunta de Galicia ou acordo corporativo polo que

foi creada, segundo proceda, con especificación da súa data, diario e boletín oficial no que foi publicada.

b) Data da efectividade, entendéndose como tal aquela na que en execución da disposición, resolución ou acordo se constituíu a entidade local de que se trate, poñéndose en funcionamento.

2. Nos municipios de nova creación, ademais de tódolos datos anteriormente indicados, segundo proceda, farase tamén constar:

a) A expresión «segregación», se o novo municipio se creou por segregación de parte do territorio dun ou mais municipios, indicándose, ademais, a denominación daqueles dos que se segregou o territorio.

b) A expresión «fusión», se o novo municipio se creou por fusión de dous ou mais municipios, indicándose, ademais, o nome dos que desaparecen e dos que procede o seu territorio.

Artigo 5º

Os datos que segundo os artigos anteriores acompañaran a toda solicitude de inscrición autenticaranse mediante certificación extendida polo secretario da entidade local de que se trate, na parte superior do reverso do escrito de solicitude.

Artigo 6º

Á solicitude de inscrición, das entidades locais de nova creación, xuntaránselle os seguintes documentos:

a) Certificación do texto íntegro da acta da sesión constitutiva da entidade local de que se trate.

b) No caso de municipios, entidades de ámbito territorial inferior ó municipio e entidades locais menores xuntarase á súa solicitude certificación do Instituto Nacional de Estatística, respecto da súa poboación. Neste suposto, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais procederá a inscribir de oficio os datos relativos ós límites e extensión superficial requiridos polo artigo 3A, 3C e 3G desta orde.

Artigo 7º

1. Creada unha entidade local, no prazo dun mes desde a constitución do seu órgano de goberno, ou de xestión, se é o caso, o seu presidente, ou a quen corresponda a representación da entidade, presentará ante o Rexistro de Entidades Locais de Galicia solicitude da súa inscrición, e para tal efecto remitirá xunto con ela toda la documentación e datos ós que se refiren os artigos 4º, 5º e 6º desta orde.

2. Tanscorrido o prazo previsto no punto anterior sen que a entidade local creada instara voluntariamente a súa inscrición, esta producirase de oficio pola consellería, sempre que conste a súa publicación oficial.

Artigo 8º

1. Recibida a solicitude de inscrición na Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local e unha vez verificado que os datos, requisitos e documentos esixidos se efectuaron debidamente, procederase á inscrición da entidade local na sección correspondente, baixo o número de rexistro que lle corresponda, no prazo máximo dun mes, contado desde a recepción da solicitude de inscrición, dictándose para isto a oportuna resolución pola Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local e que será debidamente notificada.

2. A inscrición no Rexistro de Entidades Locais de Galicia de municipios de nova creación procederá unha vez que se comprobe no expresado rexistro que a denominación do novo municipio non coincide nin produce confusión con outros existentes; no suposto de coincidencia ou confusión solicitarase informe da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia.

3. Considerarase como data de inscrición a da recepción da solicitude, debidamente cuberta con tódolos datos, requisitos e documentos esixidos.

4. Se se apreciase a falta ou insuficiencia dalgún dos datos, requisitos ou documentos esixidos, no procederá a inscrición, e neste caso, e sempre dentro do prazo sinalado no parágrafo 1 deste artigo, a Dirección Xeral de Xustiza de Administración Local comunicará á entidade local solicitante da inscrición para a súa emenda no prazo dun mes, contado a partir da recepción da comunicación indicada.

Recibida de novo a documentación emendada, abrirase un novo prazo dun mes para acorda-la inscrición da entidade local, se procedese.

Capítulo II

Das modificacións das inscricións rexistrais

e das anotacións

Artigo 9º

1. As entidades locais nas que se produza a alteración de calquera dos datos que contén a súa inscrición no Rexistro de Entidades Locais de Galicia, conforme os esixidos no artigos 4 do Decreto 371/1998, do 10 de decembro e 3º desta orde, comunicarán as citadas alteracións ó expresado rexistro, a través do seu presidente ou de quen lle corresponda a representación da entidade, dentro do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á data na que se produciu oficialmente a variación, e no correspondente modelo que se publica como anexo desta orde.

2. As modificacións da inscrición dos municipios en canto ó cambio de denominación procederán unha vez que se comprobe no Rexistro de Entidades Locais de Galicia que a nova denominación non coincide nin produce confusión con outros xa existentes; no

suposto de coincidencia ou confusión solicitarase informe da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia.

3. As modificacións que se produzan na cifra de poboación de dereito do municipio como consecuencia da revisión anual do padrón municipal de habitantes, comunicaranse ó Rexistro de Entidades Locais de Galicia, no prazo dun mes contado desde o día en que se teña aprobada a citada revisión.

Non obstante, os datos de poboación modificaranse de oficio como consecuencia das alteracións que se producisen nos respectivos padróns, mediante os procedementos previstos nas disposicións vixentes.

Artigo 10º

1. Na solicitude de modificación de datos comprendidos nas inscricións das entidades locais no rexistro farase constar:

a) Denominación da entidade local e número de rexistro outorgado a esta no Rexistro de Entidades Locais de Galicia.

b) O dato ou datos que foron obxecto de modificación. Cando se trate daqueles ós que se refire o artigo 3º desta orde, os datos consignaranse na solicitude cumprindo as especificacións que nel se establecen.

c) Motivo da modificación do dato que producirá a alteración na inscrición rexistral.

d) Disposición legal, resolución do órgano competente da Comunidade Autónoma ou acordo corporativo que producen a modificación do dato ou datos dos que se solicita o cambio, segundo proceda, con especificación da data da disposición, resolución ou acordo, así como o boletín oficial no que se publicou, con determinación, así mesmo, da súa data.

e) Data de efectividade, entendéndose como tal aquela na que en execución da disposición, resolución ou acordo producise a modificación do dato de que se trate.

Artigo 11º

Nas entidades locais territoriais, ademais dos datos anteriormente indicados, farase constar na solicitude:

a) A expresión «segregación», cando se segregue parte do territorio dunha entidade local para constituír outra nova ou para a súa agregación a outra limítrofe, indicándose, ademais, a denominación da nova entidade local que se constitúe ou a daquela á que se agrega o territorio segregado, segundo proceda.

b) A expresión «agregación», cando se agrega a unha entidade local parte do territorio doutra limítrofe, indicándose, ademais, a denominación da entidade local da que procede o territorio que se agrega.

c) A expresión «incorporación», cando se incorpora a unha entidade local outra ou outras limítrofes que se extinguen, indicándose, ademais, a denominación das entidades locais incorporadas.

Artigo 12º

Á solicitude de modificación de datos da inscrición do Rexistro de Entidades Locais de Galicia acompañarase certificación do texto íntegro da acta da sesión realizada pola entidade local na que se executou a disposición legal, resolución do órgano competente da Comunidade Autónoma ou acordo corporativo polo que se modificaron os datos de que se trate.

Artigo 13º

1. Os datos que de acordo cos artigos anteriores teñen que constar en toda solicitude de modificación dos comprendidos nas inscricións rexistrais autenticaranse mediante certificación feita para tal efecto polo secretario da entidade local de que se trate, na parte superior do reverso do escrito de solicitude.

2. Nos supostos de modificación dos datos da inscrición, por instancia da entidade local interesada, seralle de aplicación o procedemento previsto no artigo 7 do Decreto 371/1998, do 10 de decembro, en relación co artigo 8º desta orde.

Artigo 14º

1. Serán obxecto de anotación no rexistro, en relación con cada inscrición rexistral, a iniciación dos procesos ou procedementos xudiciais ou administrativos que puidesen dar lugar a modificacións dos datos rexistrados na correspondente inscrición.

2. Prestarase especial atención, para efectos destas anotacións, á posible iniciación dos seguintes procedementos:

a) Iniciación de procedementos administrativos de creación ou supresión de municipios e de alteración dos seus termos.

b) Procedementos xudiciais que se inicien en relación coa creación, supresión ou alteración de municipios.

c) Iniciación de procedementos de cambios de denominación e capitalidade dos municipios.

3. As anteriores circunstancias seranlle comunicadas á Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, Rexistro de Entidades Locais de Galicia, polo órgano competente da Comunidade Autónoma, polo presidente da entidade local de que se trate, segundo proceda, consignándose os seguintes datos:

-Número de rexistro outorgado á entidade local de que se trate no Rexistro de Entidades Locais de Galicia.

-Obxecto do procedemento administrativo ou xudicial.

-Data de iniciación do procedemento administrativo ou xudicial.

-Suxeito ou suxeitos (persoa ou persoas) por instancia das que se instrúe o procedemento correspondente.

-Entidades públicas afectadas polo procedemento de que se trate, con indicación das entidades locais de que se trate.

4. As entidades locais, das que a inscrición rexistral poida ser modificada como consecuencia do referido no número anterior deste artigo, solicitarán, xuntando certificación do secretario comprensiva dos procesos ou procedementos iniciados, a anotación correspondente.

De non producirse esta solicitude, a anotación practicarase de oficio, ben directamente ou por petición de persoa interesada.

5. Resoltos os procedementos ós que se refire o número 1 deste artigo, polo órgano correspondente dos indicados anteriormente, segundo proceda, comunicarase á Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, Rexistro de Entidades Locais de Galicia, a resolución adoptada con obxecto de que no citado rexistro se suprima a anotación efectuada.

Capítulo IV

Da cancelación das inscricións

Artigo 15º

A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local procederá de oficio á cancelación da inscrición no rexistro cando se trate da extinción de entidades locais realizada por lei ou por decreto, de acordo co que establece a lexislación de réxime local.

Artigo 16º

1. A cancelación da inscrición no rexistro cando se trate da extinción de mancomunidades de municipios e de consorcios locais practicarase por solicitude do seu presidente.

2. A solicitude de cancelación presentarase no correspondente modelo que se publica como anexo desta orde, no rexistro no prazo dun mes desde a publicación no Diario Oficial de Galicia dos acordos de disolución da entidade e nela expresaranse os seguintes datos:

a) Denominación da entidade local e número de rexistro outorgado a esta no Rexistro de Entidades Locais de Galicia.

b) Motivo da extinción da entidade local e denominación de calquera outra ou outras entidades locais que se puidesen ver afectadas.

c) Disposición legal, resolución do órgano competente da Comunidade Autónoma ou acordo corporativo polo que se suprime a entidade de que se trate, segundo proceda, con especificación da data, así como do Diaro Oficial de Galicia no que se publicaron os acordos corporativos de disolución.

d) Data de efectividade da extinción, entendéndose como tal aquela na que en execución da disposición, resolución ou acordo, se extingue a entidade local de que se trate.

e) De se-lo caso, o órgano encargado da liquidación e distribución do seu patrimonio.

Artigo 17º

1. Os datos que, de acordo co disposto anteriormente, terán que constar en toda solicitude de cancelación de inscricións rexistrais autenticaranse mediante certificación estendida para os efectos polo secretario da entidade local de que se trate, na parte superior do reverso do escrito de solicitude.

2. Á solicitude de cancelación xuntaráselle certificación do texto íntegro da acta de sesión realizada pola entidade local na que se executa a disposición legal, resolución do órgano competente da Comunidade Autónoma (Consello da Xunta de Galicia) ou acordo corporativo polo que se suprime a entidade local de que se trate.

Disposición adicional

Única.-Sen prexuízo das inscricións que se practiquen ó abeiro da disposición transitoria única do Decreto 371/1998, do 10 de decembro, a Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local poderá acorda-la inscrición de oficio das entidades locais actualmente existentes a partir da información que poida ser facilitada polo Ministerio para as Admisnitracións Públicas en virtude dos oportunos convenios de cooperación que se subscriban para estes efectos entre a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e este ministerio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Administración Local para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2000.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais