Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 06 de abril de 2000 Páx. 4.792

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 22 de marzo de 2000 pola que se modifican determinados preceptos da Orde do 1 de xullo de 1997 reguladora das modalidades de formalización do vínculo do persoal temporal das institucións sanitarias xestionadas polo Servicio Galego de Saúde.

En virtude da Orde do 1 de xullo de 1997, operouse unha unificación, harmonización e configuración do sistema de formalizacións dos vínculos temporais do persoal estatutario das II.SS. do Sergas.

Neste sentido, tal orde fixa como modelo uniforme de vínculo para todo o persoal das II.SS. o nomeamento de carácter estatutario nas súas diferentes modalidades que permite a cobertura das situacións de necesidade concorrentes. A contratación de

carácter laboral queda moi limitada, aplicable exclusivamente a aqueles supostos que obsten, por insuficiencia ou inadaptación, ó modelo de vinculación estatutaria, caso da cobertura de servicio determinado que resulta necesaria para todas aquelas situacións de execución de programas ou actuacións de carácter temporal, ineludibles nas nosas II.SS.

Ademais, a orde mentada establece, como condición explicita nos nomeamentos ou contratos formalizados, un período de proba para os profesionais vinculados, diferente na súa duración para os distintos grupos, cun máximo de seis meses, en escala decrecente.

A orde recolle as modalidades de nomeamentos características da normativa estatutaria, por mor da súa incorporación ós diferentes estatutos de persoal aplicables, e ademais adapta a súa configuración ás necesidades actuais de vínculo con virtualidade nas II.SS. do Sergas.

Así, refírese o nomeamento por interinidade en praza vacante, por interinidade en substitución de profesionais con dereito a reserva de praza e eventual por razóns de carácter conxuntural. Tamén co adaxo de adapta-las formalizacións das vinculacións ós procedementos de control e autorizacións vixentes para o Sergas, establece o nomeamento de carácter provisorio, precisamente previsto para cubri-lo transcurso de tempo entre o momento en que a praza fica vacante e a definitiva autorización para a súa cobertura a través do nomeamento de interinidade. Igualmente contempla o nomeamento de persoal de reforzo á atención urxente extrahospitalaria, por mor das necesidades imperantes nos distintos dispositivos de atención urxente extrahospitalaria por déficit de persoal, de conformidade co contido do Decreto 172/1995 que contén o Plan de Urxencias Extrahospitalarias con vixencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

A orde regulada no xeito exposto e coa minuciosidade requirida os sistemas de formalización do vínculo, debido á insuficiencia da normativa existente contida nos estatutos de persoal perfectamente comprensible a causa da súa antigüidade, e tamén da ausencia de normativa estatal de carácter básico que ordene coa debida amplitude a materia. Tales circunstancias reflíctense no preámbulo introductorio da citada orde.

Con posterioridade a súa entrada en vigor, a formulación e ordenación da materia mudouse en puridade a través da publicación e entrada en vigor da Lei 30/1999, do 5 de outubro, sobre selección e provisión de prazas de persoal estatutario dos servicios de saúde, os preceptos da cal son de carácter básico para todo o Sistema Nacional de Saúde. O artigo sétimo da lei, dedicado á selección de persoal temporal, refírese ó nomeamento de carácter estatutario como sistema de cobertura das necesidades temporais que se produzan nas II.SS., a través das modalidades que o precepto refire. Isto é: interinidade en praza vacante, de carácter eventual e por substitución.

Das configuracións que efectúa a norma destas clases de nomeamentos, cabe salientar pola súa precisión, amplitude e incidencia para a regulamentación existente no noso servicio de saúde, as refiridas ós de carácter eventual e por substitución. No primeiro inclúese, ademais da cobertura das necesidades conxunturais ou extraordinarias que se produzan, as referentes á prestación de servicios determinados de natureza temporal e tamén a cobertura da atención continuada. No segundo, sinálanse os motivos de substitución para os que se expide e que o cesamento do substituto se opera en todo caso por mor da reincorporación do substituído e, no suposto de perda do dereito á reincorporación á praza ou á función desempeñada.

Tamén a lei ten en conta a suxeición dos vinculados a un período de proba en similares termos ó contido na orde de formalizacións do vínculo temporal das II.SS. do Sergas, xa citado.

Finalmente a citada lei posibilita, no seu artigo nove, a promoción interna de carácter temporal, que xa ven tendo predicamento a través da quenda de reserva pertinente no vixente pacto de selección de persoal temporal do Sergas do 4 de febreiro de 2000, asinado entre a Administración sanitaria e as oganizacións sindicais. Para os profesionais que accedan por promoción interna temporal, a lei explicita o mantemento da situación de servicio activo, coa percepción das retribucións correspondentes ás funcións desempeñadas en promoción, agás os trienios. A citada situación de activo xa vén recollida na disposición adicional primeira da orde comentada.

Así as cousas, faise preciso adapta-la situación normativa, contida na tan reiterada orde ó disposto na lei básica, en relación cos preceptos citados, modificando determinados aspectos daquela que se ven necesariamente afectados pola norma legal, e mantendo o resto do seu dictado por canto respecta e se harmoniza plenamente co contido da norma básica.

Xa que logo, requírese adaptar e modifica-la configuración do nomeamento de carácter eventual, previsto na orde, só para a cobertura de necesidades conxunturais, coa súa ampliación ás demais circunstancias postuladas na lei, cal é o caso da prestación de servicios determinados de natureza temporal e, con carácter xeral a cobertura da atención continuada. Isto tradúcese na indefectible eliminación da modalidade contractual de carácter laboral de servicio determinado, prevista na citada orde, xa que, nos termos da lei, o nomeamento eventual pasa a cubri-los concretos supostos que abrangue esa vinculación laboral.

Tamén, no caso de nomeamento por substitución, segundo os termos da norma legal é preciso cesa-lo persoal vinculado temporalmente, non só cando se produce a reincorporación do profesional substituído, senón tamén cando a praza fique vacante por mor da perda do dereito á reincorporación ou exercicio das funcións desenvolvidas.

Finalmente, debe significarse o recente compromiso acadado para a modificación das urxencias extrahospitalarias, que impele ineluctablemente a amplia-las circunstancias de cobertura da atención urxente extrahospitalaria reflectidas na mentada orde, moi restrinxidas e previstas exclusivamente para circunstancias extraordinarias. Os predicamentos do novo sistema, coa explicitación, entre outros aspectos, da non obrigatoriedade da realización do tramo nocturno de atención continuada, van supoñe-la necesaria cobertura das necesidades de persoal vinculado temporalmente, con carácter non tan excepcional como se tiña previsto no texto da orde. E, por iso, requírese tamén a modificación neste extremo.

O contido da presente orde foi analizado e debatido no marco da Mesa Sectorial de Persoal Sanitario.

En consecuencia, esta consellería

DISPÓN:

Artigo único.-Quedan modificados os seguintes artigos da Orde do 1 de xullo de 1997 reguladora das modalidades de formalización do vínculo do persoal temporal das II.SS. xestionadas polo Sergas: artigo 1º parágrafo segundo; artigo 2º: letras B), C) epígrafe a), D); e artigo 3º na súa totalidade, o contido dos cales pasa a desaparecer ou ser substituído.

Tralas modificacións que se operan, os artigos afectados quedarán redactados, na súa integridade, do xeito seguinte:

Artigo 1º

Os vínculos temporais co persoal que preste servicios nas institucións sanitarias dependentes do Sergas, en prazas de natureza estatutaria ou en condicións de tal carácter, referentes ó persoal facultativo, sanitario e non facultativo e non sanitario, formalizaranse a través da expedición de nomeamentos estatutarios, segundo as modalidades que se refiren de seguido.

Artigo 2º

Os nomeamentos estatutarios que se aplicarán ó persoal vinculado temporalmente serán os seguintes:

A) Nomeamento de carácter interino para o desempeño dunha praza vacante: será expedido a favor do profesional que desempeñe funcións inherentes a unha praza que estea ou quede vacante, unha vez autorizada a súa cobertura pola División de Recursos Humanos do Sergas con suxeición ás condicións e procedementos recollidos nas ordes que resultan aplicables.

O persoal vinculado permanecerá no desempeño das funcións ata a cobertura regulamentaria da praza por persoal propietario con destino definitivo ou en reingreso provisional nos termos previstos na actual normativa, ou a súa amortización.

O profesional que se vincule para o desempeño de praza vacante designarase a través do sistema

de vinculación temporal contido no pacto vixente do 4 de febreiro de 2000, ou norma que o substitúa, naquelas categorías afectadas por el.

B) Nomeamento para substitución das funcións de persoal estatutario fixo, interino ou eventual durante os períodos de vacacións, permisos e demais supostos de ausencia de carácter temporal.

O vinculado cesará na súa prestación ó reintegrarse á praza o profesional substituído, así como cando este perda o seu dereito á reincorporación á mesma praza ou función.

C) Nomeamento de carácter eventual. Expedirase para estes catro supostos:

1. De carácter conxuntural ou extraordinario, por mor do déficit circunstancial do cadro de persoal da institución de que se trate en determinados períodos para a realización da súa actividade ordinaria. Este nomeamento terá a duración máxima que requira a situación conxuntural ou extraordinaria que se precisa cubrir sen que en ningún caso poida exceder de tal requirimento.

En todo caso deberán sinalarse as circunstancias dese carácter que o motivan e o tempo de duración.

Este nomeamento terá a duración máxima de seis meses nun período anual.

2. Cando se trate da prestación de servicios determinados de natureza temporal. Este suposto de nomeamento deberá ser autorizado previamente pola División de Recursos Humanos do Sergas e para tal fin deberá xustificarse perante a devandita división mediante a elaboración dunha memoria suficientemente ilustrativa e documentada sobre as circunstancias que requiran a cobertura do servicio determinado de natureza temporal por mor das necesidades imperantes na institución, en virtude de programas especiais, actuacións concretas ou outras que se precisen.

O nomeamento eventual formalizado na modalidade de servicio determinado de natureza temporal conterá necesariamente a causa que motiva a vinculación de carácter non permanente e, se cabe, a súa duración prevista. O nomeado cesará cando conclúan as circunstancias que requiriron a cobertura do servicio ou cando remate o prazo previsto no nomeamento.

3. Para a cobertura temporal de atención urxente extrahospitalaria nos distintos PAC en funcionamento, ou a través dos dispositivos e medios que a desenvolvan. Esta modalidade de vínculo formalizarase cando as circunstancias o requiran por mor da necesidade de persoal para dispensar tal asistencia, nos termos recollidos con carácter especial no réxime de selección temporal vixente e normas concordantes ou complementarias que resulten de aplicación.

O nomeamento expedido trae a súa causa na garantía que incorporando o seu contido tamén se formaliza respecto do profesional vinculado para a cobertura da atención continuada nos dispositivos de atención urxente extrahospitalaria.

No nomeamento fixaranse, necesariamente, as circunstancias que o motivan, así como a súa duración e, igualmente, incluirá a garantía dunha cobertura, con carácter xeral de seis meses, no número de quendas de atención continuada que serán determinadas mediante calendario por períodos mensuais, e notificadas con anterioridade ó profesional.

A duración da tal garantía será prorrogable por outro período máximo de idéntica duración de manterse as causas conxunturais que o motivan; agás que razóns organizativas, de funcionamento ou de carácter circunstancial determinen un período de duración inferior dela.

Tamén se fará consta-lo seu réxime retributivo de acordo coas contías previstas para o concepto de atención continuada.

Este nomeamento rematará ó termo do prazo de duración fixado, pola renuncia e polas demais causas que se poidan establecer na normativa aplicable; sen que en ningún caso poida servir para cubrir necesidades permanentes derivadas da actividade asistencial.

Os modelos de nomeamentos concernentes ós supostos anteriores figuran como anexo I e II á presente orde.

4) Nomeamento provisional. Para a cobertura de situacións provisionais en espera da autorización pertinente a que se aludía na letra A) parágrafo primeiro «in fine» anterior. Este nomeamento durará ata que a División de Recursos Humanos do Sergas resolva sobre tal autorización.

Para a designación dos profesionais vinculados a que se refiren os dous últimos puntos, seguirase igualmente o sistema de nomeamentos temporais recollido no pacto mencionado ou norma que o substitúa, naquelas categorías afectadas por el.

Artigo 3º

Queda sen efecto na súa totalidade.

Disposicións adicionais

Primeira.-A cobertura da atención continuada urxente hospitalaria seguirá a estar regulada pola norma de rango legal e as disposicións complementarias que a contemplan, sen que resulte afectada pola presente orde.

Segunda.-Facúltase a División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde para adopta-las resolucións ou medidas necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2000.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO I

NOMEAMENTO DE PERSOAL EVENTUAL PARA A COBERTURA DA ATENCIÓN CONTINUADA NOS DISPOSITIVOS DE ATENCIÓN URXENTE EXTRAHOSPITALARIA

De conformidade co disposto na Orde do 22 de marzo de 2000 pola que se modifican determinados preceptos da Orde do 1 de xullo de 1997 (DOG nº 138, do 18 de xullo) reguladora das modalidades de formalización do vínculo do persoal temporal das institucións sanitarias xestionadas polo Sergas, acórdase o seu nomeamento con carácter temporal para a cobertura da atención continuada da atención urxente extrahospitalaria, no ámbito que se especifica.

O presente nomeamento terá a duración prevista no seu punto 2 e trae a súa causa na garantía que por mor del tamén se formaliza respecto do profesional vinculado para a cobertura da atención continuada nos dispositivos de atención urxente extrahospitalaria, no ámbito que se especifica, durante seis meses, desde o día ... ata o... no número de quendas de atención continuada, que serán determinadas, mediante calendario, por períodos mensuais e notificadas con anterioridade ó profesional.

Tal garantía non existirá cando razóns organizativas, de funcionamento ou de carácter circunstancial determinen un período de duración inferior desta.

A duración de tal garantía poderá ser prorrogada por outro período máximo de idéntica duración, de manterse as causas conxunturais que o motivan.

Este nomeamento non supón dereito ningún a acceder á propiedade de prazas dos cadros de persoal da institución na que pasa a prestar servicios.

O seu cesamento producirase ó termo do prazo de duración fixado; pola renuncia; e polas demais causas que se poidan establecer na normativa aplicable.

Este nomeamento será compatible cos nomeamentos para a atención ordinaria no ámbito... de duración non superior a un mes.

O seu réxime xurídico será o regulado no estatuto xurídico de persoal (1) ------ da Seguridade Social e demais normas complementarias e concordantes que resulten de aplicación. En ningún caso lle serán aplicables as disposicións que resulten incompatibles coa modalidade de prestación de servicios obxecto do nomeamento.

Será remunerado co valor hora dos módulos horarios por atención continuada establecidos na normativa vixente en materia de confección de nóminas e demais disposicións que resulten de aplicación.

Establécese un período de proba de (2)... meses, durante o cal se poderá revogar este nomeamento sen dereito a ningunha indemnización. A situación de incapacidade temporal durante este período interrompe o seu cómputo.

1. Datos do interesado/a.

Apelidos e nome

DNI

TitulaciónNº de colexiación:

Data de expedición:

2. Causa que motiva o nomeamento e duración deste.

Causa: cobertura da atención continuada.

Duración de... ata...

3. Funcións que se van realizar.

Funcións: atención urxente e permanente no ámbito da atención primaria propias da categoría de... establecidas no estatuto de aplicación (3).

Ámbito:

Centro de xestión:

Xornada: segundo quenda...

Localidade e data

O director xerente

(P.D. Orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do 21 de abril de 1998)

Dilixencia: para facer constar que o/a titular do presente nomeamento manifesta expresamente, para os efectos do previsto na Lei 53/1984, de incompatibilidades do persoal ó servicio das administracións públicas, e demais normas concordantes de debida aplicación, que non desempeña outro posto ou actividade no sector público, delimitado no artigo 1 da devandita lei, que non realiza actividade privada incompatible ou suxeita a recoñecemento de compatibilidade e que non percibe pensión de xubilación, retiro ou orfandade por dereitos pasivos ou por calquera réxime da Seguridade Social.

Fai constar así mesmo que, no día da data, o interesado/a efectuou a súa incorporación á praza para a que foi nomeado/a.

Localidade e data

O/A interesado/aO director xerente

Asdo....Asdo....

Faise consta-la existencia de crédito suficiente no concepto... con base nas previsións de necesidades para o referido concepto e para todo o exercicio, co fin de facer fronte ó presente nomeamento, quedando contraída a obriga no día da data.

Localidade e data

O Director de Xestión e SS.XX.Conforme,

O interventor

Asdo....Asdo....

(1) Segundo a clase de persoal.

(2) Segundo o grupo de clasificación.

(3) Segundo a clase de persoal.

ANEXO II

NOMEAMENTO DE PERSOAL EVENTUAL PARA A COBERTURA DE SERVICIOS DETERMINADOS

De conformidade co disposto na Orde do 22 de marzo de 2000 pola que se modifican determinados preceptos da Orde do 1 de xullo de 1997 (DOG nº 138, do 18 de xullo) reguladora das modalidades de formalización do vínculo do persoal temporal das institucións sanitarias xestionadas polo Sergas, acórdase o seu nomeamento con carácter temporal para a cobertura dun servicio determinado nunha institución sanitaria.

Este nomeamento non supón dereito ningún a acceder á propiedade de prazas dos cadros de persoal da institución na que pasa a prestar servicios, agás co carácter expresado no dito nomeamento.

O seu cesamento producirase cando rematen as circunstancias que requiriron a cobertura do servicio determinado ou, se cabe, o prazo de duración fixado; pola renuncia; e polas demais causas que se poidan establecer na normativa aplicable.

O seu réxime xurídico será o regulado no Estatuto xurídico de persoal (1)... da Seguridade Social e demais normas complementarias e concordantes que resulten de aplicación. Con carácter subsidiario aplicarase a normativa da función pública.

Establécese un período de proba de (2)... meses, durante o cal se poderá revogar este nomeamento sen dereito a ningunha indemnización. A situación de incapacidade temporal durante este período interrompe o seu cómputo.

1. Datos do interesado/a.

Apelidos e nome

DNI

TitulaciónNº de colexiación:

Data de expedición:

2. Causa que motiva o nomeamento e duración deste.

Causa

Duración

3. Funcións que se van realizar.

Funcións propias da categoría de... establecidas no estatuto de aplicación... (3).

Centro de xestión:

Xornada: parcial... Nº de horas anuais/semanais.

Completa...

Localidade e data

O director xerente

(P.D. Orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do 21 de abril de 1998)

Asdo.:...

Dilixencia: para facer constar que o/a titular do presente nomeamento manifesta expresamente, para os efectos do previsto na Lei 53/1984, de incompatibilidades do persoal ó servicio das administracións públicas, e demais normas concordantes de debida aplicación que non desempeña outro posto ou actividade no sector público, delimitado no artigo 1 da devandita lei, que non realiza actividade privada incompatible ou suxeita a recoñecemento de compatibilidade e que non percibe pensión de xubilación, retiro ou orfandade por dereitos pasivos ou por calquera réxime da seguridade social público e obrigatorio.

Fai constar así mesmo que, no día da data, o interesado/a efectuou a súa incorporación á praza para a que foi nomeado/a.

Localidade e data

O/A interesado/aO director xerente

Asdo...Asdo...

Faise consta-la existencia de crédito suficiente no concepto... con base nas previsións de necesidades para o refirido concepto e para todo o exercicio, co fin de facer fronte ó presente nomeamento, quedando contraída a obriga no día da data.

Localidade e data

O director de Xestión e SS.XX.Conforme,

O interventor

Asdo...Asdo...

(1) Segundo a clase de persoal.

(2) Segundo o grupo de clasificación.

(3) Segundo a clase de persoal.