Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 12 de abril de 2000 Páx. 5.090

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2000, da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, pola que se convocan premios ós mellores labores de divulgación que ilustren os conceptos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, a relación entre ambos e a súa importancia socioeconómica para Galicia.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, dá resposta á nece-

sidade de adecua-lo noso sistema a unha sociedade en acelerado proceso de modernización, con continuos cambios culturais, tecnolóxicos e productivos, que camiña a cara un horizonte común para Europa.

O desenvolvemento científico e tecnolóxico é un dos factores de maior influencia na configuración do mundo contemporáneo. Nesta liña, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento está a impulsar actividades mediante as que se intenta divulgar e facilita-la comprensión do que significa este desenvolvemento.

Por todo isto, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento establece, pola presente resolución, as bases para a convocatoria de premios ós mellores labores de divulgación que ilustren os conceptos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, a relación entre ámbolos dous e a súa importancia socioeconómica para Galicia.

En consecuencia co anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta resolución é a convocatoria de dous premios por provincia, na primeira fase provincial, e de dous premios na fase autonómica, para o alumnado do último curso de bacharelato, e a aprobación das súas bases de concesión. Estes premios están destinados a galardoa-los mellores labores de divulgación que ilustren os conceptos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, a relación entre ambos e a súa importancia socioeconómica para Galicia.

Artigo 2º.-Fases da convocatoria.

A convocatoria desenvolverase en dúas fases, unha primeira fase provincial e outra autonómica, á que concorrerán os traballos que resulten seleccionados na fase provincial.

Artigo 3º.-Dotación económica.

Os premios ós que se alude no artigo 1º terán a seguinte dotación económica:

Fase provincial:

-Un primeiro premio por cada provincia de 304.878 pesetas íntegras (250.000 ptas. líquidas) en metálico, cunha compensación de 100.000 pesetas para o centro educativo en libros ou outro material didáctico.

-Un segundo premio por cada provincia de 121.951 pesetas íntegras (100.000 ptas. líquidas) en metálico, cunha compensación de 50.000 pesetas para o centro educativo en libros ou outro material didáctico.

Fase autonómica:

-Un primeiro premio de 609.756 pesetas íntegras (500.000 ptas. líquidas) en metálico e unha compensación para o centro educativo de 250.000 pesetas en libros ou outro material didáctico.

-Un segundo premio de 304.878 pesetas íntegras (250.000 ptas. líquidas) en metálico e unha compensación para o centro educativo de 125.000 pesetas en libros ou outro material didáctico.

Ós premios dos alumnos aplicaráselle a correspondente retención fiscal.

Os gastos relativos ás accións desta convocatoria imputaranse ás aplicacións orzamentarias 04.07.432A.480.0 para os premios dos alumnos polo importe máximo de 2.537.000 ptas. e 04.07.432A.442.0 para as compensacións ós centros por un importe máximo de 975.000 ptas.

Artigo 4º.-Condicións.

1. Poderán participar na presente convocatoria os alumnos e alumnas do último curso de bacharelato co fin de recadaren fondos para a viaxe de fin de estudios. Esta viaxe deberá incluír algunha visita a un centro de investigación ou tecnolóxico.

2. Os concursantes deberán presentar un traballo en formato revista dunha extensión de 25-30 páxinas, na que se integren texto, figuras, humor e pasatempos, sempre en relación co obxecto do concurso.

3. O prazo de presentación dos traballos remata o 22 de maio de 2000.

4. Os concursantes deberán presenta-lo traballo no seu propio centro educativo acompañado do modelo de solicitude normalizada PSS01 (que se publica como anexo I desta resolución). A dita solicitude será presentada por un alumno en nome do colectivo que representa, indicando na mesma o nome, apelidos, DNI e sinatura, dos restantes membros do colectivo. O centro, no caso de recibir mais de dous traballos, procederá á selección dos dous mellores, creándose para estes efectos unha comisión presidida polo director do centro na que participarán como vocais catro profesores, dous do ámbito científico-tecnolóxico e dous do ámbito humanístico-lingüístico. Os traballos seleccionados serán remitidos á delegación provincial correspondente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, antes do 30 de maio de 2000.

5. A participación na convocatoria supón a aceptación de tódalas súas bases, así como a cesión do dereito de propiedade dos traballos premiados.

Artigo 5º.-Composición e funcións dos xurados.

1. Os traballos presentados e que se axusten á presente convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado en cada unha das súas fases.

Na fase provincial o xurado estará formado en cada provincia por:

-Un representante da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, que actuará como presidente.

Actuarán como vocais:

-Un representante da Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un director dun instituto de educación secundaria nomeado pola delegación correspondente.

-Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Na fase autonómica o xurado estará formado por:

-O secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento ou persoa na que delegue, que actuará como presidente.

Actuarán como vocais:

-Os delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou persoas nas que deleguen.

-Un director de IES de cada provincia, nomeado pola delegación correspondente.

-Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

2. Os xurados provinciais seleccionarán os traballos premiados na fase provincial antes do 9 de xuño de 2000, e remitirán, antes do 14 de xuño de 2000 os traballos realizados polos adxudicatarios dos primeiros premios, que serán os candidatos da fase autonómica, á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

3. O xurado da fase autonómica encargarase de selecciona-los traballos premiados de entre os gañadores na fase provincial, todo iso antes do 20 de xuño de 2000.

4. As decisións dos correspondentes xurados serán inapelables.

Artigo 6º.-Retirada da documentación.

As persoas responsables dos traballos ou os seus representantes legais poderán retira-los traballos non premiados no centro educativo ou na delegación provincial correspondente, segundo o caso, no prazo de 30 días contados a partir da resolución dos xurados correspondentes.

Artigo 7º.-Entrega dos premios.

Os premios entregaranse en actos públicos celebrados nas respectivas capitais de provincia no caso dos premios provinciais, e en Santiago de Compostela, no caso da fase autonómica.

Artigo 8º

A convocatoria, as súas bases, e tódolos actos administrativos derivados dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º

Para os efectos establecidos nos artigos 42.2º e 43.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes será de 6 meses, contados desde a data de publicación da presente convocatoria, dictándose resolución expresa con respecto á antedita liña de axudas.

A presente resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2000.

Miguel Ángel Ríos Fernández

Secretario xeral de Investigación

e Desenvolvemento