Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Luns, 17 de abril de 2000 Páx. 6.366

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

A Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, fundamentada nos principios de coordinación, cooperación interadministrativa, racionalidade e planificación, configura un novo sistema de ordenación territorial establecendo para iso os diferentes instrumentos de ordenación do territorio, sinalando a súa funcionalidade e o seu contido, así como os procedementos para a súa elaboración e aprobación.

Entre estes instrumentos de ordenación do territorio a lei recolle os plans e proxectos sectoriais que son figuras novidosas nas que a súa especial incidencia sobre a ordenación urbanística deseñada polo planeamento municipal e necesidade de coordinación dos organismos con competencias sobre as materias obxecto do plan ou proxecto sectorial, fan inescusable desenvolver con detalle a regulación legal destes instrumentos de ordenación territorial.

Os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal teñen por obxecto regula-la implantación de determinadas actuacións de indubidable incidencia territorial en materia de infraestructuras, dotacións e outras instalacións, tanto de iniciativa pública coma privada, que se asentan sobre varios termos municipais ou daquelas nas que a súa incidencia transcenda o estricto ámbito local pola súa magnitude, importancia ou especiais características. Partindo dos seus aspectos comúns, este decreto regula de xeito diferenciado o obxecto específico, as determinacións, a documentación e os efectos xurídicos dos plans e dos proxectos sectoriais.

Os plans sectoriais teñen por finalidade establece-las condicións xerais para o futuro desenvolvemento de infraestructuras, dotacións e instalacións no ámbito da Comunidade Autónoma.

Os proxectos sectoriais, que poidan redactarse en desenvolvemento de plans sectoriais previamente aprobados ou formularse independentemente sen a previa existencia dun plan sectorial, teñen por finalidade regular polo miúdo a implantación dunha infraestructura, dotación ou instalación prevista dun xeito concreto e determinado.

A disposición derradeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, autoriza o Consello da Xunta de Galicia para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación da citada lei.

Na súa virtude, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de marzo de dous mil.

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

A través deste decreto regúlase a finalidade, o contido, a eficacia e o procedemento de aprobación dos plans e proxectos sectoriais, de conformidade co disposto no capítulo V da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Artigo 2º.-Finalidade dos plans e proxectos sectoriais.

1. Os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal teñen por obxecto regula-la implantación territorial das infraestructuras, dotacións e instalacións de interese público ou utilidade social cando a súa incidencia transcenda do termo municipal no que se localicen, pola súa magnitude, importancia ou especiais características, ou que se asenten sobre varios termos municipais.

2. Os plans e proxectos sectoriais garantirán a adecuada inserción no territorio das infraestructuras, dotacións e instalacións que constitúen o seu obxecto, a súa conexión coas redes e servicios correspondentes sen menoscabo da funcionalidade dos existentes, a súa adaptación ó contorno no que se encontren e a súa articulación coas determinacións do planeamento urbanístico e territorial vixente.

Artigo 3º.-Infraestructuras, dotacións e instalacións.

1. Considéranse infraestructuras as construccións e conduccións destinadas a:

a) Comunicacións, transportes e telecomunicacións.

b) Execución da política hidráulica, incluídos os encoros e as conduccións e construccións que aseguren o abastecemento de auga.

c) Execución da política enerxética, incluídos os centros de producción e as liñas de conducción e distribución .

d) Loita contra a contaminación e protección da natureza.

2. Considéranse dotacións as construccións que sirvan de soporte ás actividades e ós servicios de carácter sanitario, asistencial, educativo, cultural, turístico, comercial, administrativo, de seguridade e protección civil, recreativo e deportivo.

3. Considéranse instalacións as destinadas á realización de actividades económicas primarias, secundarias e terciarias que cumpran as condicións sinaladas no artigo 2.1º deste decreto.

Artigo 4º.-Incidencia supramunicipal.

Para declara-la incidencia supramunicipal da infraestructura, dotación ou instalación, para os efectos previstos na Lei 10/1995, de ordenación do

territorio de Galicia, e de conformidade co seu artigo 22.1º, teranse en conta os seguintes criterios:

a) Os efectos positivos que produza para o ambiente, a paisaxe rural e o patrimonio cultural.

b) A contribución ó desenvolvemento sostible social e económico de Galicia.

c) A poboación beneficiaria da infraestructura, dotación ou instalación.

d) A función vertebradora e estructurante do territorio que leve consigo tal actuación.

e) O asentamento da infraestructura, dotación ou instalación sobre varios termos municipais.

f) Calquera outro criterio que contribúa directamente ós obxectivos fundamentais enunciados no artigo 3 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

Artigo 5º.-Relación con outros instrumentos de ordenación do territorio e coa lexislación urbanística.

1. Os plans e proxectos sectoriais non poderán vulnera-las determinacións contidas noutros instrumentos de ordenación do territorio regulados na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

2. As dotacións e instalacións que impliquen a transformación urbanística de solo rústico e o seu conseguinte cambio de clasificación deberán acomodarse ó disposto polos artigos 9 e 20 da Lei 6/1998, do 13 de abril, sobre réxime do solo e valoracións, e cumpri-los estándares de reservas mínimas para zonas verdes e aparcadoiros que establece a lexislación urbanística para o solo urbanizable de uso residencial ou terciario.

3. No solo rústico de especial protección quedan prohibidas as actuacións que resulten incompatibles cos seus valores ecolóxicos, ambientais, paisaxísticos, históricos, etnográficos, culturais ou calquera outro que sexa obxecto da protección outorgada ou coas proteccións derivadas da lexislación sectorial de aplicación.

4. As infraestructuras e dotacións de interese supramunicipal obxecto do plan ou proxecto sectorial serán considerados como sistemas xerais para os efectos previstos na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

Capítulo II

Dos plans sectoriais

Artigo 6º.-Determinacións.

Os plans sectoriais establecerán as condicións xerais para o futuro desenvolvemento das infraestructuras, dotacións e instalacións que sexan o seu obxecto, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, axeitándose á súa función vertebradora dunha política territorial, definindo os criterios de deseño, as características funcionais e localización, que garantan a accesibilidade e a inserción

da totalidade do territorio nunha racional dispoñibilidade dos ditos elementos estructurantes. Para tal efecto, conterán como mínimo as seguintes determinacións:

a) Delimitación dos ámbitos territoriais nos que se poderán asenta-las infraestructuras, dotacións ou instalacións obxecto do plan que se vai desenvolver mediante proxectos sectoriais.

b) Organismo ou entidade ou persoa xurídica ou física promotora do plan.

c) Xustificación do interese público ou utilidade social das infraestructuras, dotacións ou instalacións previstas no plan.

d) Descrición das características xerais das infraestructuras, dotacións ou intalacións obxecto do plan.

e) Directrices para a redacción dos proxectos sectoriais que desenvolvan o contido do propio plan sectorial.

f) Medidas para a súa articulación co planeamento urbanístico e cos demais instrumentos de ordenación do territorio. O plan sectorial deberá procura-la súa adecuación co planeamento municipal vixente no termo ou termos municipais nos que se asente a infraestructura, dotación ou instalación ou, se é o caso, sinalará as determinacións do planeamento municipal que deban ser modificadas como consecuencia da aprobación do plan sectorial, así como o prazo para realiza-la correspondente adecuación.

g) Incidencia sobre o territorio físico, afeccións ambientais e medidas de corrección e minimización dos impactos producidos sobre o medio físico e a paisaxe.

Artigo 7º.-Documentación.

Os plans sectoriais conterán os seguintes documentos:

a) Memoria descritiva das características técnicas das infraestructuras, dotacións ou instalacións obxecto do plan, así como do ámbito territorial afectado e de incidencia.

b) Memoria xustificativa do interese público ou utilidade social, de carácter supramunicipal, da infraestructura, dotación ou instalación, así como da idoneidade dos enclaves elixidos, da viabilidade económico-financeira da actuación e do acomodo do plan sectorial ós instrumentos de ordenación do territorio vixentes.

c) Estudio da incidencia territorial da infraestructura, dotación ou instalación prevista, especialmente sobre os núcleos de poboación, usos do solo, infraestructuras, equipamentos e servicios, proteccións e afeccións urbanísticas e ambientais, con previsión dos medios axeitados de correción ou de minimización de impactos.

d) Análise da relación do contido do plan sectorial co planeamento urbanístico vixente, determinando as posibles discrepancias e xustificando as medidas

que impliquen a necesaria modificación do dito planeamento.

e) Planos de situación a escala adecuada, como mínimo a 1/25.000 ou 1/ 5.000 segundo os terreos afectados estean clasificados como solo rústico ou urbano, que reflictan os usos, vías, servicios e edificacións existentes no contorno.

f) Planos de clasificación e cualificación dos terreos, obtidos do planeamento urbanístico vixente.

Artigo 8º.-Eficacia.

1. As determinacións contidas nos plans sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente.

2. Os municipios nos que se asenten as infraestructuras, dotacións ou instalacións obxecto dun plan sectorial deberán adapta-lo seu planeamento urbanístico ó contido do citado plan, no prazo que determine este último, e en todo caso, na primeira modificación ou revisión do planeamento urbanístico.

3. A execución das infraestructuras, dotacións ou instalacións obxecto dun plan sectorial requirirá a previa aprobación dun ou varios proxectos sectoriais.

Capítulo III

Dos proxectos sectoriais

Artigo 9º.-Determinacións.

1. Os proxectos sectoriais teñen por obxecto a regulación detallada e pormenorizada da implantación dunha infraestructura, dotación ou instalación determinada de interese público ou utilidade social cando a súa incidencia transcenda do termo municipal no que se localice, axeitándose á súa función vertebradora dunha política territorial, definindo os criterios de deseño, as características funcionais e localización, que garantan a accesibilidade e a inserción da totalidade do territorio nunha racional dispoñibilidade dos ditos elementos estructurantes.

2. Os proxectos sectoriais deberanse axustar ás determinacións do correspondente plan sectorial.

En ausencia de plan sectorial, tamén poderán aprobarse proxectos sectoriais para unha determinada infraestructura, dotación ou instalación.

3. Os proxectos sectoriais conterán as seguintes determinacións:

a) Localización exacta das infraestructuras, dotacións ou instalacións obxecto do proxecto, así como de tódalas obras e usos do solo previstas para o seu axeitado funcionamento e delimitación do ámbito territorial de incidencia do proxecto.

b) Xustificación do interese público ou utilidade social da infraestructura, dotación ou instalación prevista.

c) No caso de que o proxecto sectorial se refira a dotacións ou instalacións, xustificación do cum

primento dos estándares urbanísticos de acordo co disposto no artigo 5º deste decreto.

d) Descrición detallada das características técnicas das infraestructuras, dotacións ou instalacións.

e) Medidas de corrección e minimización dos impactos producidos sobre o territorio físico e a paisaxe.

f) Medidas de articulación co planeamento urbanístico e cos demais instrumentos de ordenación do territorio vixentes.

g) Prazo de inicio e terminación das obras.

h) Identificación completa da Administración pública, entidade mercantil, persoa física ou xurídica promotora do proxecto sectorial e responsable da súa execución.

i) Obrigas asumidas polo promotor do proxecto e garantías que, se é o caso, se presten e constitúan, en calquera das formas admitidas en dereito, para asegura-lo cumprimento das obrigas establecidas.

Artigo 10º.-Documentación.

Os proxectos sectoriais conterán os seguintes documentos:

a) Memoria descritiva detallada das características técnicas das infraestructuras, dotacións ou instalacións obxecto do plan, así como do ámbito territorial afectado.

b) Memoria xustificativa do interese público ou utilidade social, de carácter supramunicipal, da infraestructura, dotación ou instalación, así como da idoneidade da localización elixida, da viabilidade económico-financeira da actuación e do acomodo do proxecto sectorial ós instrumentos de ordenación do territorio vixentes e, se é o caso, ó plan sectorial correspondente.

c) Estudio da incidencia territorial da infraestructura, dotación ou instalación prevista, especialmente sobre os núcleos de poboación, usos do solo, infraestructuras, equipamentos e servicios, proteccións e afeccións urbanísticas e ambientais e medios de corrección ou de minimización de impactos.

d) Xustificación do cumprimento das normas de aplicación directa contidas nos artigos 59 e 61 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

e) Análise da relación do contido do proxecto sectorial co planeamento urbanístico vixente, determinando as posibles discrepancias e xustificando as medidas que impliquen a necesaria modificación do dito planeamento.

f) Regulamentación detallada do uso pormenorizado, volume, características técnicas e funcionais, condicións de deseño e de adaptación ó ambiente das infraestructuras, dotacións e instalacións obxecto do plan ou proxecto sectorial.

g) Planos de situación a escala adecuada, como mínimo a escala 1/5.000 ou 1/2.000 segundo os terreos afectados estean clasificados como solo rús

tico ou urbano, que reflicta os usos, vías, servicios e edificacións existentes no contorno.

h) Planos de clasificación e cualificación dos terreos, obtidos do planeamento urbanístico vixente así como novos planos nos que se reflicta a ordenación proposta.

i) Planos de situación e localización, a escala adecuada, das infraestructuras, dotacións e instalacións obxecto do proxecto sectorial, así como determinación gráfica do trazado e das características dos accesos viarios, das redes de conducción e distribucción e das edificacións e usos do solo necesarios para o adecuado funcionamento daquelas.

j) Avaliación de impacto ambiental da infraestructura, dotación ou instalación que se prevé executar, de conformidade co disposto pola Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia e a normativa que a desenvolve.

Artigo 11º.-Eficacia.

1. As determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente.

2. Os municipios nos que se asenten as infraestructuras, dotacións ou instalacións obxecto dun proxecto sectorial deberán adapta-lo seu planeamento urbanístico ó contido do proxecto sectorial, no que se establecerán as determinacións do dito planeamento local que deban ser modificadas como consecuencia da aprobación do proxecto sectorial e no prazo que determine este último e, en todo caso, na primeira modificación ou revisión do planeamento urbanístico.

3. As obras públicas definidas detalladamente no proxecto sectorial serán cualificadas expresamente como de marcado carácter territorial e non estarán suxeitas a licencia urbanística nin a ningún dos actos de control preventivo municipal, de acordo coa disposición adicional primeira da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia. Neste suposto, con carácter previo ó inicio das obras, remitiráselle ó concello un exemplar do proxecto técnico delas.

4. As construccións e instalacións de marcado carácter territorial previstas de modo concreto e detallado nun proxecto sectorial, non precisarán da autorización urbanística autonómica á que fai referencia o artigo 77.3º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

5. No acordo de aprobación definitiva do proxecto sectorial o Consello da Xunta de Galicia poderá acordar, se é o caso, a declaración de utilidade pública ou interese social das obras, instalacións e servicios previstos de maneira concreta, así como a necesidade da ocupación para efectos da expropiación dos bens e dereitos necesarios para a execucción do proxecto sectorial, sempre que conste a descrición física e xurídica individualizada dos bens e dereitos afectados.

Capítulo IV

Do procedemento de aprobación dos plans e proxectos sectoriais

Artigo 12º.-Formulación.

Os plans e proxectos sectoriais poderanse promover e desenvolver por iniciativa pública ou privada.

Cando sexan iniciados de oficio, a iniciativa correspóndelle á consellería competente na materia obxecto do proxecto sectorial.

Cando sexan promovidos por outras entidades ou organismos públicos ou polas persoas físicas ou xurídicas interesadas, presentarase a solicitude acompañada do plan ou proxecto redactado por técnico competente ante a consellería competente por razón da materia que constitúa o obxecto do plan ou proxecto.

Artigo 13º.-Procedemento de aprobación.

1. O Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro competente por razón do obxecto, e logo de informe do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, declarará, se o estima conveniente, o plan ou proxecto sectorial como de incidencia supramunicipal para os efectos previstos na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e determinará a consellería á que lle corresponda o seu impulso e tramitación así como, se é o caso, aquelas que teñan que colaborar nel.

Cando se trate dun proxecto sectorial en desenvolvemento dun plan sectorial previamente aprobado, non será necesaria a declaración de incidencia supramunicipal que xa foi declarada polo plan.

2. O plan ou proxecto sectorial someterase, polo prazo mínimo dun mes, ós trámites de información pública mediante anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais dos de maior circulación na Comunidade Autónoma, e audiencia ós concellos afectados remitíndolles un exemplar completo do plan ou proxecto sectorial.

3. Á vista do resultado da información pública e dos informes emitidos, introduciranse as modificacións ou correccións que procedan no plan ou proxecto tramitado e remitiráselle o expediente completo á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para o seu informe preceptivo que deberá ser emitido no prazo de dous meses.

4. O Consello da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro impulsor do procedemento e logo do informe preceptivo do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, aprobará definitivamente o plan ou proxecto sectorial coas modificacións ou correccións que estime convenientes e, se é o caso, acordará a declaración de utilidade pública ou interese social para os efectos expropiatorios.

5. O acordo de aprobación definitiva será publicado no Diario Oficial de Galicia e o plan ou proxecto sectorial entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación.

6. Un exemplar do plan ou proxecto sectorial aprobado definitivamente seralles remitido a cada un dos concellos sobre os que se asenta a infraestructura, dotación ou instalación e á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, con tódolos planos e documentos integrantes do plan ou proxecto sobre os que recaese o acordo de aprobación definitiva debidamente dilixenciados polo funcionario habilitado, facendo constar expresamente a dita aprobación.

Artigo 14º.-Modificación.

A modificación dos plans e proxectos sectoriais poderase realizar en calquera momento, seguindo o procedemento establecido no artigo anterior, con exclusión do trámite previsto no seu punto 1.

Artigo 15º.-Caducidade.

1. Os proxectos sectoriais caducarán e extinguirán os seus efectos con prohibición expresa de calquera acto ulterior de execución del, no suposto de que, por causa imputable ó titular das obras se incumpran os prazos previstos para o seu inicio ou terminación, ou sexan interrumpidas por tempo superior ó autorizado sen causa xustificada; agás obtención previa da correspondente prórroga que poderá outorga-la consellería que tramitou o proxecto sen que en ningún caso poida superarse a metade do prazo fixado no proxecto sectorial.

2. A declaración de caducidade corresponderalle ó Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente por razón da materia que tramitou o proxecto sectorial, logo de informe da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e audiencia dos interesados.

O procedemento de declaración de caducidade poderá iniciarse de oficio ou por petición do concello afectado ou de calquera interesado.

A declaración de caducidade indicará, se é o caso, as determinacións do planeamento urbanístico municipal que deban ser modificadas, as condicións a que queden sometidas as construccións e instalacións xa realizadas e aqueloutras que resulten adecuadas para corrixir ou elimina-los impactos que puideran producirse no medio físico.

Disposición adicional

Os actos de edificación e uso do solo realizados sen se axustar ás determinacións do proxecto sectorial, en canto ó seu réxime de infraccións, sancións e protección da legalidade urbanística, rexeranse polo disposto na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, e o Regulamento de disciplina urbanística aprobado por Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro.

Disposición transitoria

Os plans e proxectos sectoriais aprobados definitivamente ó abeiro da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, con anterioridade á entrada en vigor deste decreto manterán a súa plena vixencia

co contido co que foron aprobados definitivamente e cos efectos previstos nos artigo 8º e 11º deste decreto.

Un exemplar completo dos plans e proxectos aprobados deberalle ser remitido á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda no prazo de tres meses a partir da entrada en vigor deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda a dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de marzo de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda