Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Venres, 19 de maio de 2000 Páx. 7.843

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 107/2000, do 5 de maio, polo que se aproba a creación do Consello Galego dos Colexios Profesionais de Delineantes.

Os presidentes dos colexios de delineantes da Comunidade Autónoma de Galicia, en reunión do 19 de outubro de 1996, acordaron promove-la constitución do Consello Galego dos Colexios Profesionais de Delineantes.

As asembleas xerais extraordinarias dos colexios profesionais de delineantes da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, no mes de xullo de 1998, acordaron a ratificación da constitución do Consello Galego dos Colexios Profesionais de Delineantes, así como da aprobación dos seus estatutos, remitindo o expedien

te á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, a cal, tras introducir melloras técnicas e de redacción nos estatutos, emitiu informe favorable sobre a súa adecuación á legalidade.

A aprobación da creación e dos estatutos dos consellos galegos de colexios profesionais con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo dispón o artigo 5 do Decreto 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e se crea o Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de maio de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase a creación do Consello Galego dos Colexios Profesionais de Delineantes, que terá a súa sede no Colexio Profesional de Delineantes que corresponda ó presidente do consello, co ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º

Igualmente, apróbanse os estatutos do referido consello, que figuran como anexo a este decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de maio de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

Estatutos do Consello Galego dos

Colexios Profesionais de Delineantes

Capítulo I

Réxime, enderezo, funcións, constitución,

convocatorias

Artigo 1º.-Réxime.

O Consello Galego dos Colexios Profesionais de Delineantes, do que se constitúe órgano representativo e executivo, é unha corporación de dereito público, con personalidade xurídica de seu e plena capacidade.

Artigo 2º.-Enderezo.

O Consello Galego dos Colexios Profesionais de Delineantes radicará na cidade e enderezo social da sede do Colexio Profesional de Delineantes que corresponda ó presidente/a do consello.

Artigo 3º.-Funcións.

O Consello Galego dos Colexios Profesionais de Delineantes rexerase polos presentes estatutos e naquilo que nestes non se considerase, aplicarase a Lei de colexios profesionais. O ámbito xurisdiccional do consello abranguerá todo o territorio da Comunidade galega e exercerá unha función coordinadora e rectora entre os colexios, dentro das atribucións que lle confira a lexislación vixente.

Artigo 4º.-Colexios e capitalidades.

O número de colexios integrados no Consello Galego dos Colexios Profesionais de Delineantes é o seguinte:

Colexio Profesional de Delineantes da Coruña.

Colexio Profesional de Delineantes de Lugo.

Colexio Profesional de Delineantes de Ourense.

Colexio Profesional de Delineantes de Vigo.

Con ámbito nas súas respectivas demarcacións territoriais.

Artigo 5º.-Constitución.

1. O Pleno do Consello estará integrado por tódolos/as decanos/as e secretarios/as dos Colexios de Delineantes de Galicia.

2. Os/as conselleiros/as cesarán como tales no momento en que cesen como decanos/as ou secretarios/as dos seus colexios respectivos.

3. Tódolos/as conselleiros/as terán voz e voto en tódolos asuntos que se vaian debater e, de producirse empate nunha votación, o presidente do consello terá voto de calidade dirimente.

4. Tódolos/as conselleiros/as, antes de tomaren posesión dos seus cargos, deberán xurar ou prometer respecto á Constitución, como expresión da vontade soberana do pobo español, Estatuto de autonomía de Galicia, lealdade ó rei e rigoroso cumprimento das súas obrigas inherentes ó cargo.

Artigo 6º.-Cargos directivos.

1. Os cargos directivos estarán constituídos por un/unha presidente/a, un/unha secretario/a e un/unha administrador/a.

2. Poderán ser candidatos/as a presidente tódolos/as decanos/as dos colexios integrados no consello.

3. O cargo de secretario recaerá no secretario do colexio ó que pertenza o presidente do consello.

4. Tódolos cargos serán incompatibles con calquera outro de carácter representativo noutras organizacións profesionais ou sindicais.

5. O/a presidente/a terá a representación legal do consello e as outras funcións que lle outorguen os estatutos e o Regulamento de réxime interior, que estarán encamiñados a cumpri-los acordos do consello. Tamén poderá delegar noutros conselleiros as funcións que considere oportunas.

6. O/a secretario/a actuará como fedatario/a de tódalas actas e acordos do consello. Así mesmo, velará por unha correcta actuación administrativa.

7. O/a Administrador/a actuará asemade como tesoureiro/a e contador/a do consello, confeccionando os orzamentos de ingresos e gastos, vixiando o seu seguimento e correcta aplicación. Poderá asistir sen voto ás sesións do Pleno do Consello, por decisión do presidente, e será elixido polo presidente do consello.

Artigo 7º.-Competencia e funcións do consello.

1. O consello terá máxima competencia cando se trate de materia que afecte á xeneralidade dos colexios ou a conflictos entre dous ou máis colexios e entre colexiados de distintos colexios. Rexerase polos seus estatutos e regulamentos que os desenvolvan.

2. No ámbito territorial da súa competencia, terá as seguintes funcións:

a) As atribuídas ó Consello Xeral do Estado pola Lei de colexios profesionais, en canto teñan ámbito ou repercusión soamente no territorio da Comunidade Autónoma e cantas outras lle foran encomendadas por virtude de disposicións xerais ou especiais, sempre que non interfiran na autonomía e as competencias propias do resto dos colexios estatais da mesma profesión.

b)Recoller e elabora-las normas deontolóxicas comúns e velar polo seu cumprimento.

c) Aproba-los seus propios estatutos e modificalos.

d) Ter coñecemento dos conflictos que poidan suscitarse entre os colexios que integran o consello, sen prexuízo de ulterior recurso contencioso administrativo.

e) Resolve-los recursos que se interpoñan contra os acordos dos colexios, nun período máximo de tres meses trala audiencia das partes interesadas.

f) Exerce-las funcións disciplinarias verbo das xuntas de goberno dos colexios e as do mesmo consello.

g) Aproba-lo seu propio orzamento.

h) Fixa-la participación equitativa dos colexios nos gastos do consello.

i) Informar sobre tódalas normas que prepare a Xunta de Galicia, relativas á profesión sobre as funcións, ámbito e honorarios, ademais do réxime de incompatibilidades con outras profesións.

j) Velar para que se cumpran as condicións esixidas nas leis e nos estatutos, no tocante á representación e proclamación de candidatos para as xuntas de goberno dos colexios.

k) Fomentar, crear e organizar institucións, servicios e actividades para a profesión, que teñan por obxecto a promoción cultural, asistencia social e sanitaria, a cooperación e o mutualismo, o fomento da ocupación e outras actuacións pertinentes e esta

blece-los concertos ou acordos máis axeitados neste sentido coa Administración e as institucións e entidades que corresponda.

l) Asumi-la representación dos profesionais diante de entidades similares fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, establecendo relacións mediante acordos.

Respecto ós seus aspectos institucionais e corporativos, relacionarase coa Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e, nos contidos profesionais, coa consellería correspondente.

m) Exercer cantas funcións lle sexan encomendadas pola Administración e colaborar con esta mediante a realización de estudios, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins, que poidan serlle solicitadas ou acorde formular por propia iniciativa.

n) Cantas atribucións e funcións derivan directamente da súa condición de organismo representativo e coordinador dos colexios, debendo, por tanto, realizar cantas xestións sexan de interese para o cumprimento dos seus acordos, e adopta-las medidas necesarias para que os colexios cumpran as resolucións do propio consello dictadas en materia da súa competencia.

o) En defensa dos colexios e do prestixio da profesión, e co fin de evita-lo intrusismo, tratará de se-lo caso, a adopción das medidas necesarias para facer respecta-las facultades, dereitos e intereses profesionais.

p) Sen prexuízo dos cursos formativos que independentemente poidan realizar os colexios, organizar e impartir cursos de formación para os colexiados que sexan útiles para o exercicio da profesión. Estender diplomas profesionais, sen prexuízo dos que expidan, en materia de certificados e diplomas, os colexios profesionais que compoñen o consello, sempre observando o disposto na lexislación educativa que rexa nese momento.

q) Calquera outra que lle sexa atribuída de acordo coa vixente lexislación.

r) Aproba-los estatutos e visa-los regulamentos de réxime interior dos colexios.

Artigo 8º.-Reunións e convocatorias.

1. O consello reunirase cada tres meses. Na primeira reunión do ano tratarase da aprobación de orzamentos, balances e darase lectura da memoria informativa.

2. Ademais das reunións ordinarias sinaladas con anterioridade, o consello realizará reunións extraordinarias cando o considere o seu presidente/a, ben sexa por petición propia ou por petición da quinta parte dos conselleiros.

A convocatoria do consello farase por escrito, acompañada da orde do día e da documentación pertinente, e será cursada polo/a secretario/a, logo de

mandato da presidencia, polo menos con dez días de anticipación, salvo casos de urxencia excepcional nos que será convocado, sen prazo especial de anticipación, telegraficamente ou por fax. A convocatoria sinalará o lugar e hora da realización.

As reunións do consello quedarán validamente constituídas cando asistan como mínimo a metade dos conselleiros, salvo o articulado nos artigos 14º e 15º.

Capítulo II

Réxime administrativo

Artigo 9º.-Réxime de adopción de acordos.

1. Os acordos adoptados polo Pleno do Consello, de conformidade coas súas respectivas atribucións, serán obrigatorios para tódolos colexios e os seus membros.

Estes acordos serán tomados por maioría e serán recollidos en acta con expresión da votación que tivese lugar.

2. Para os efectos de cómputo, os acordos tomaranse por maioría simple.

3. Os/as conselleiros/as que non poidan asistir poderán delega-lo voto por escrito en calquera dos/as outros/as conselleiros/as.

4. En materia de disciplina non se poderá delega-lo voto por escrito noutro ou noutra conselleiro/a.

5. A votación será secreta a petición dun só dos membros do consello.

6. O voto do presidente, se houbese empate, será dirimente.

7. Non poderán adoptarse validamente acordos sobre asuntos que non figuren na orde do día das reunións.

Artigo 10º.-Xurisdicción disciplinaria.

1. O consello dos colexios, en relación coa competencia do artigo 7º.2.f, ten xurisdicción disciplinaria para sanciona-las faltas cometidas por profesionais no exercicio da súa actividade profesional ou colexial:

a) Cando a persoa teña un cargo de goberno no colexio e non teña ningún cargo de representación ou de goberno no consello.

b) Cando a persoa afectada tivese cargo de goberno no Consello; neste caso, o afectado/a non poderá tomar parte das deliberacións, nin votar na xunta.

2. Non poderá ser imposta ningunha sanción sen antes iniciar expediente disciplinario.

Artigo 11º.-Faltas e sancións.

1. Serán consideradas faltas, coa gradación correspondente, as conductas tipificadas como tales nos respectivos estatutos dos colexios integrados no Consello Galego dos Colexios Profesionais de Delineantes e nos seus regulamentos.

Ás conductas tipificadas como faltas seranlles aplicables as sancións que establezan os referidos estatutos, por remisión expresa a eles.

2. As sancións que disciplinariamente o consello poderá impoñer serán aplicadas de acordo co seguinte criterio:

Cando a persoa afectada desempeñe un cargo de goberno de calquera colexio ou no propio consello.

Por faltas leves:

a) Comunicación de oficio.

b) Reprensión privada.

c) Reprensión pública.

Por faltas graves:

Suspensión do exercicio profesional por un termo de non máis de seis meses.

Por faltas moi graves:

Suspensión no exercicio profesional por termo superior a seis meses e a expulsión do colexio respectivo.

Esta sanción de expulsión só poderá ser aplicada:

a) Por reiteradas faltas de competencia ou dignidade profesional polas que fose corrixido con suspensión superior a seis meses.

b) Cando sobre expediente recaído na xurisdicción criminal fose condenado por sentencia firme por feito relacionado co exercicio da profesión.

c) Cando se lle instruíse expediente por falta de pagamento nas cotas colexiais.

3. O sancionado por resolución do consello poderá solicita-la súa rehabilitación por causa fundada se, xa cumprida a sanción, transcorresen seis meses, se a falta era leve; dous anos se fose grave; catro anos de ser moi grave; e cinco anos se estivese sancionado con expulsión. Todo este tempo será computado sempre a partir do cumprimento da sanción.

4. A execución dos acordos de imposición de sancións quedarán en suspenso mentres non se esclarecesen os recursos pertinentes na vía corporativa, cando estas sancións afecten a situacións persoais.

Con faltas graves e moi graves irá aparellada a inhabilitación indefinida en todo cargo do consello.

Artigo 12º.-Procedemento e recursos.

1. O presidente do consello iniciará as actuacións nomeando un instructor e un secretario, que será o do consello, entre os seus membros, para comeza-lo procedemento, que se iniciará de oficio. O instructor abrirá e tramitará o expediente disciplinario e proposta de sanción. En todo expediente as partes deberán ser escoitadas dentro do termo concedido polo instructor, que non pode exceder de quince días, e exporanse por escrito as súas alegacións, presentando os documentos que sexan convenientes.

Logo de seren escoitadas as partes e de se formula-la proposta de sanción dentro dos quince días seguintes ó das alegacións, o instructor entregaralle

ó consello o expediente disciplinario. O consello, mediante resolución motivada, acordará a imposición de sanción ou o arquivo da causa.

O acordo resolutorio do expediente deberá ser adoptado por maioría simple. A votación será secreta e votarán tódolos/as conselleiros/as sen posibilidade de delegación.

A execución das sancións levaraa para o seu cumprimento o instructor que rematase o expediente en primeira instancia. O consello poderá solicitar información sobre os seus trámites.

As faltas leves prescribirán ós seis meses, as graves ós dous anos e as moi graves ós tres anos de se cometeren.

A prescrición quedará suspendida polo inicio do expediente disciplinario.

A paralización do procedemento por un tempo superior ós seis meses, non atribuídos ó expediente, fará correr de novo o tempo interrompido.

2. O consello coñecerá en alzada os recursos que se formulen nas actas e resolucións dos colexios.

O recurso de alzada interporase no prazo dun mes desde a notificación ó interesado e deberá resolverse nun tempo de tres meses.

3. Os actos, acordos e resolucións do consello poderán ser recorridos potestativamente en reposición ou seren impugnados directamente perante a xurisdicción contencioso-administrativa, nos prazos e supostos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

4. A Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, será supletoria respecto ó non previsto nos presentes estatutos.

Capítulo III

Réxime económico

Artigo 13º.-Dos recursos do consello.

1. Os recursos do consello están constituídos por:

a) Os froitos, as rendas e os xuros dos bens que se adquirisen.

b) Os legados, os donativos, as subvencións que poida recibir.

c) O importe das cotas que poidan acordarse regulamentariamente en proporción o número de colexiados de cada colexio o 31 de decembro do ano anterior.

d) As cotas extraordinarias que acorde e aprobe o consello.

2. O consello presentará anualmente para ser aprobado por si mesmo:

a) A liquidación do orzamento anterior.

b) O orzamento do ano entrante.

3. Os ingresos de recursos que directamente afecten ós colexiados realizaranse a través dos respectivos colexios, se ben o Consello poderá subrogarse en caso de demora.

4. O consello poderá redacta-los regulamentos que considere necesarios para o mellor desenvolvemento das súas actividades.

Capítulo IV

Disolución

Artigo 14º.-Disolución do consello.

O consello poderá disolverse cando o acorden as tres cuartas partes dos seus membros, por votación directa, na xunta extraordinaria convocada especialmente para tal fin, e o organismo oficial competente o aprobe por decreto.

Neste caso, e nos que por causa distinta á vontade do consello sexa este disolto, os membros acordarán o nomeamento de liquidadores, con indicación do número e facultades, para que logo de satisfaceren tódalas obrigas sociais, lles entreguen ás institucións de previsión dos delineantes o sobrante existente, proporcionalmente á contribución de cada colexio.

Capítulo V

Modificación de estatutos

Artigo 15º.-Modificación de estatutos.

Para a modificación dos presentes estatutos será preciso o acordo das dúas terceiras partes do Pleno do Consello e a súa aprobación polos organismos competentes.

Disposicións transitorias

Primeira.-O consello completará o número mínimo dos seus membros no termo dun mes a partir da súa constitución.

O consello poderá adoptar acordos válidos suxeitándose ó que a lei dispón.

Segunda.-A primeira sede do Consello radicará no Colexio Profesional de Delineantes de Vigo.

Disposición derradeira

Quedarán derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ós presentes estatutos.