O Concello Pleno en sesión celebrada o 28 de xuño de 1999, aprobouse definitivamente a ordenanza municipal reguladora da reforma de locais comerciais que literalmente di: ordenanza municipal reguladora da reforma de locais comerciais.
Criterios
1. A normativa urbanística establecida no Plan Xeral para as áreas sometidas a protección polo seu valor histórico artístico-arquitectónico ou ambiental dispón como obras preferentes as de conservación, restauración, consolidación e rehabilitación e como
preferentes as de reforma xeral mantendo os elementos característicos e básicos das fachadas.
No caso da reforma de locais, xeralmente en planta baixa, os tipos de obras máis frecuentes son variantes a ton coa consolidación, rehabilitación ou reforma xeral.
A aplicación desta normativa ós locais comerciais require unha regulación complementaria derivada da súa utilización comercial e os seus efectos nas fachadas e interiores de locais, e adquiren unha función basicamente publicitaria. Esta regulación buscaría tamén resolve-lo problema de tramitación destas obras como obras menores sen o nivel de detalle e sen a existencia de planos de planta, alzados e seccións nos informes técnicos que reclama a normativa urbanística.
En canto ás fachadas hai que asegurar que o conxunto dos materiais, a disposición e dimensión do ocos, o tratamento do revestido, etc..., se conserven estrictamente coas súas características e estado tradicionais, permitíndose a actuación neles cando se trate unicamente de restablece-las condicións primitivas que fosen modificadas ou adulteradas posteriormente. Tal é o caso da revocadura e pintado que foi realizado frecuentemente sobre o perpiaño interior, ocultando este, para o que está claro que sería autorizable a súa restitución, sendo unha forma elemental de obra de restauración. Estas obras xunta coas de consolidación e simple conservación (limpeza, adecentamento, afianzamento, etc.) serán as únicas permitidas para as fachadas.
O problema preséntase á hora de superpoñer sobre esa estructura preexistente a decoración propia dos locais comerciais de todo tipo; se ben é difícil establecer unhas normas ríxidas e obxectivas para a regulación da decoración exterior, danse unha serie de criterios que se deben fixar:
1. Os anuncios, rótulos, etc., deberán acomodarse o máximo ás características do edificio, para o cal deberanse utilizar preferentemente os ocos dispoñibles, deixando libres os panos do cerramento, xambas, molduras, etc. No caso de ocupación destes, será preferentemente cun grafismo exento, sen base portante, de forma que a rotulación, debuxo ou similares se manteñan dentro do plano da fachada e permita que esta quede vista todo o posible.
2. Respecto ós ocos, o proxecto técnico deberá detallar no seu tratamento que, en principio, consistirá na súa conservación, consolidación ou restauración, tanto en canto á súa disposición como á carpintería, acristalamento e a calquera elemento decorativo.
En calquera caso prohíbese expresamente:
-Que a carpintería sobresaia do plano de muros ou xambas cara ó exterior.
-A carpintería de aluminio se non e pintada ou en cor.
-A instalación de calquera tipo marquesiñas que rompan igualmente o plano da fachada, sexa corrida, só en ocos, etc. Quedan incluídos os toldos de material ríxido.
3. A suxeición dos elementos publicitarios á fachada deberá realizarse sen danar esta, é dicir, sen perforar ou rompe-lo material de cerramento, en calquera caso por procedementos que impidan a provocación de pegadas permanentes e irreparables nel, así como na carpintería ou noutros elementos.
Estas obras de reforma acomodaranse igualmente ás limitacións inherentes á normativa de protección no que respecta ó interior do edificio e non soamente en canto ó contido normal dela (tipos de obras permitidos), de carácter xeral, senón en forma de obrigatoriedade de mante-lo conxunto de elementos constructivos e decorativos do edificio orixinal, ante todo dos espacios de uso común: vestíbulo, escaleiras... É dicir, trátase de entender que as obras que se realicen respecto a estas zonas interiores están así mesmo suxeitas á obrigatoriedade de conservación e se é o caso, á posibilidade unicamente de que a regulacion destas obras debe absorberse con vistas á real salvagarda da calidade ambiental de determinadas zonas da cidade, especialmente no barrio da Magdalena, como conxuntos urbanísticos.
Trátase de limita-lo impacto dos paneis e letreiros anunciadores, para o que se establecerá un voo máximo destes, desde o plano de fachada, así como as dimensións que non poderán execederse.
Por outra parte a carpintería, xambas, recercados e similares de escaparates, ventás e ocos en xeral, non poderán en ningún caso sobresaír cara ó exterior do plano da fachada.
2. Para efectos dun funcionamento máis eficaz, é necesario transformar profundamente o procedemento de solicitude e concesión de licencia. Ata a data este trámite redúcese á presentación do impreso correspondente xunto cun esbozo elemental e a realización dos traballos que se van realizar de forma xenérica.
Faise necesario a presentación dun proxecto técnico para toda a obra que implique máis que a simple conservación e mantemento dos elementos do edificio ou local. É dicir, para calquera modificación dos elementos constructivos, exteriores ou inferiores, sexan ou non estructurais, deberá presentarse o correspondente proxecto, asinado polo técnico facultativo e constará como mínimo de:
-Plano de situación, a escala 1:5000 se é zona exterior da cidade, ou 1:2000, se é dentro da cidade. Utilizarase como base a cartografía oficial deste concello.
-Planos de planta, alzado e sección do estado actual. E-1:50.
-Ídem do proxecto de reforma, a igual escala.
-Memoria descritiva da totalidade da obra prevista.
-Medicións e orzamento por partidas e global.
Ordenanza municipal reguladora da reforma de locais comerciais.
Xustificación e principios inspiradores
A normativa urbanística establecida no plan xeral para as áreas sometidas a protección polo seu valor histórico artístico-arquitectónico ou ambiental dispón como obras preferentes as de conservación, restauración, consolidación e rehabilitación e como preferentes as de reforma xeral mantendo os elementos característicos e básicos das fachadas. No caso da reforma de locais, xeralmente en planta baixa, o tipo de obras máis frecuentes son de consolidación, rehabilitación ou reforma xeral.
A ordenanza sobre locais comerciais cumpre a dobre esixencia de aplica-la normativa urbanística vixente ós locais comerciais regulando a súa utilización comercial e os seus efectos nas fachadas e interiores de locais que adquiren unha función basicamente publicitaria. Ademais, esta ordenanza fixa as esixencias mínimas para a tramitación deste tipo de obras.
A aplicación da ordenanza asegura para as fachadas que o conxunto dos materiais, a disposición e dimensión dos ocos, o tratamento do revestido, etc. se conserven estrictamente coas súas características e estado tradicionais, permitíndose a actuación neles cando se trate unicamente de restablece-las condicións primitivas que fosen modificadas ou adulteradas posteriormente.
Para a regulación da decoración exterior, establécese que os anuncios, rótulos, etc., se acomoden ó máximo ás características do edificio, utilizando preferentemente os ocos dispoñibles, deixando libres os panos do cerramento, xambas, molduras, etc. No caso de ocupación destes elementos só se permitirá realizala con grafismo exento, sen base portante, de forma que a rotulación, debuxo ou similares se manteñan dentro do plano da fachada.
Respecto ós ocos, a ordenanza esixe que o proxecto técnico detalle o seu tratamento consistente na súa conservación, consolidación ou restauración, tanto na disposición como na carpintería, acristalamento e calquera outro elemento decorativo.
Prohíbense expresamente as situacións na que a carpintería sobresaia do plano de muros ou xambas cara ó exterior; tamén se prohíbe a carpintería de aluminio se non é pintada ou en cor e a instalación de calquera tipo de marquesiñas ou toldos de material ríxido que rompan o plano de fachada, xa sexan corridas, só en ocos, etc.
Regulase a suxeición dos elementos publicitarios á fachada que deberá realizarse sen danala, sen perforar ou rompe-lo material de cerramento, e sempre por procedementos que impidan a provocación de pegadas permanentes e irreparables nel, así como na carpintería ou noutros elementos.
As obras de reforma acomodaranse ás limitacións inherentes á normativa de protección no que respecta ó interior do edificio, tanto no seu contido normal de carácter xeral (tipos de obras permitidos), como na obrigatoriedade de mante-lo conxunto de elementos constructivos e decorativos do edifico orixinal, ante todo dos espacios de uso común: vestíbulo, escaleiras, etc. As obras que se realicen respecto a estas zonas interiores están suxeitas á obrigatoriedade de conservación. A regulación destas obras debe realizarse con vistas á real salvagarda da calidade ambiental de determinadas zonas da cidade, especialmente do barrio da Magdalena, como conxuntos urbanísticos.
Para limita-lo impacto dos paneis e letreiros anunciadores, a ordenanza establece un voo máximo destes, desde o plano de fachada, así como unhas dimensións máximas que non poderán superarse. Tamén se regula na ordenanza que a carpintería, xambas, recercados e similares de escaparates, ventás e ocos en xeral, non poderán en ningún caso sobresaír cara ó exterior do plano da fachada.
Para un funcionamento máis eficaz, transfórmase o procedemento de solicitude e concesión de licencia. Establécese a obrigatoriedade de presentación dun proxecto técnico para toda obra que implique máis que a simple conservación e mantemento dos elementos do edificio ou local; para calquera modificación dos elementos constructivos, exteriores ou inferiores, sexan ou non estructurais, deberá presentarse o correspondente proxecto, asinado polo técnico facultativo e cunha documentación mínima establecida na ordenanza.
Capítulo I
Principios xerais
Artigo 1º.-Obxecto.
A presente ordenanza sobre locais comerciais regula a utilización comercial e os seus efectos nas fachadas e interiores de locais que adquiren unha función basicamente publicitaria e fixa as esixencias mínimas para a tramitación deste tipo de obras.
Artigo 2º.-Ámbito de aplicación e clasificación de edificios.
Esta ordenanza será de aplicación pra todo o ámbito do termo municipal.
Para efectos de aplicación desta ordenanza, establécese a seguinte clasificación dos edificios de Ferrol para os que se fixan diferentes niveis de requisitos esixibles para a concesión de licencia de obras de reforma de locais:
Clase 1: edificios comprendidos no catálogo de edificios de valor histórico-artístico definido nos documentos da revisión do Plan Xeral de Ordenación.
Clase 2: edificios non incluídos no citado catálogo e situados en áreas de aplicación das seguintes ordenanzas do plan: 1ª (fronte do Porto), 2ª (Ferrol Vello),
4ª (barrio da Magdalena), 5ª (Incorporación de Canido ó barrio da Magdalena), 6ª (Castro e Cruceiro de Canido), 8ª (Esteiro Antigo), 15ª (núcleo antigo da Graña), 16ª (núcleos rurais de poboación) e 17ª (extensión de núcleos).
Clase 3: edificios non incluídos no catálogo e non situados en áreas de aplicación das anteriores ordenanzas.
Capítulo II
Normas comúns a tódalas clases
Artigo 3º.-Esixencia de proxecto técnico.
As obras de reforma de locais requirirán para calquera tipo de edificios, da presentación do proxecto técnico correspondente redactado por técnico facultativo, cando se dean os seguintes supostos:
1. Cando afecten os elementos estructurais do edificio, tanto exteriores (de fachada), como interiores.
Enténdese por elementos estructurais os muros, piares, machóns, vigas, forxados e calquera outro elemento portante mesmo de cuberta. Consideraranse afectados cando pola obra proxectada se prevea a súa substitución, alteración, eliminación ou incorporación ó edificio.
2. Cando se afecta-los elementos estructurais as obras proxectadas inclúan:
-Modificación da disposición ou dimensións dos ocos exteriores de fachada, ou do cerramento exterior do edificio.
-Modificación da distribución interior do local que require unha alteración significativa dos elementos constructivos fixos (tabiques, escaleiras, etc.), ben unha ampliación de volume deste no patio ou soto lateral.
-A instalación de servicios sanitarios, acometidas de auga, enerxía ou similares, que supoñan algunha modificación comprendida nos anteriores supostos.
-A alteración de fachada que supoña unha reestructuración importante de cerramentos existentes, como é o caso da substitución de escaparates.
-A modificación da cuberta do local que non se limite á súa reparación ou á substitución do material de revestimento. Isto é, os cambios na súa disposición ou xeometría, ou a habilitación do espacio baixo ela ou a substitución da estructura portante.
Artigo 4º.-Contido mínimo do proxecto.
Estes proxecto técnicos conterán como mínimo a seguinte documentación:
-Plano de situación do edificio sobre cartografía municipal, (a escala 1:5000 se se trata da zona exterior da cidade) ou a escala 1:2000 se é interior a esta.
-Fotos do estado actual.
-Planos de planta, alzado, seccións do estado actual do local e alzado do conxunto da fachada do edificio, todos eles a escala 1:50.
-Ídem do proxecto de reforma, a igual escala.
-Memoria descritiva da totalidade da obra prevista.
-Medición e orzamento por partidas e desagregado.
A documentación terá o suficiente nivel de detalle como para expresa-lo material, calidades e demais información, que se reflectirán tanto na memoria coma nos planos.
Artigo 5º.-Consultas e cédulas urbanísticas.
O concello responderá as consultas urbanísticas que efectúen os particulares previamente á solicitude de licencia, con obxecto de informar se esta é autorizable, se para a súa tramitación se require a presentación do proxecto técnico, e se é o caso o contido esixible a este. A dita consulta urbanística considérase conveniente que sexa formulada polos particulares nos casos que poidan presentar dúbidas, para evitar gastos de tramitación ou de proxecto.
Igualmente poderá solicitarse a expedición da correspondente cédula urbanística do edificio en que estea o local, con obxecto de coñece-lo réxime urbanístico aplicable a el e, en consecuencia, saber de antemán as características da reforma que poderá autorizarse.
Artigo 6.-Obras excluídas.
O resto de obras non incluídas no artigo 2º tramitaranse polo procedemento normal de solicitude de licencia de obra menor, mediante impreso normalizado municipal e a documentación habitual requirida.
Artigo 7º.-Condicións de decoración exterior.
A decoración exterior dos locais queda regulada na presente ordenanza, de acordo coas seguintes limitacións:
-Os paneis e letreiros anunciadores que se dispoñan perpendicularmente ó plano de fachada terán un voo máximo, desde este, de 1 m para a clase 3, e de 0,75 m para as clases 1 e 2, non podendo supera-la súa dimensión vertical unha lonxitude de 1 m a distancia mínima da aresta inferior do mesmo solo será de 3,50 m.
-Se o anuncio se desenvolve paralelamente ó plano da fachada non poderá separarse desta máis de 0,30 m sendo o largo máximo de 0,75 m con igual distancia ó solo de 3,50 m, se se dispón horizontalmente. Se a súa disposición e vertical, deberá pegarse á fachada sen sobresaír máis de 5 cm. A distancia de 3,50 m ó solo poderase reducir ata 2,50 m se pola existencia de voos ou a configuración da fachada resulta imposible cumprir coa altura de 3.50 m, e sempre que non estorbe a circulación rodada ou peonil.
-Os carteis de calquera tipo separaranse polo menos 0,50 m do lateral da fachada e 0,50 m a súa fronte da vertical do bordo da calzada.
-Cando exista máis dun cartel anunciador, rótulo ou marquesiña nun edificio, disporase de maneira
que por formas, cores e texturas se poida conseguir un conxunto armónico e non agresivo co contorno.
-As marquesiñas ou cornixas de remate terán un voo máximo de 0,30 m. En canto a toldos ou outros elementos singulares de decoración, a súa autorización quedará condicionada ó seu efecto sobre o conxunto da fachada do tramo da rúa. A distancia mínima da aresta inferior do mesmo solo será de 3,50 m.
-Calquera elemento que sobresaia da fachada atrasarase un mínimo de 0,50 m da vertical do bordo.
-Non se poderá instalar ningún elemento sobresaínte do plano de fachada en máis de 5 cm a unha altura inferior de 2,50 m
-Non se autorizará a instalación de antenas parabólicas nin doutro tipo, cadros eléctricos, caixas de instalacións, mecanismos, nin ningún outro elemento sobresaínte do plano de fachada, salvo os regulados anteriormente.
-Cando o volume do cartel anunciador, marquesiña ou cornixa o posibilite, pode utilizarse esta para instalar aparellos de climatización ou extracción de aire sempre que queden ocultos.
Artigo 8º.-Solucións singulares.
1. Por razóns de composición e adecuación ás condicións tradicionais da zona, o concello pode eventualmente esixi-la ampliación da documentación, modificación das características da obra, ou denega-la licencia para obras de reforma de fachada de locais en edificios da clase 2 e 3ª.
2. En calquera caso as solucións singulares que non se axusten estrictamente ás limitacións antes fixadas para estas obras deberán acompañarse, para a súa tramitación, da documentación suficiente para permiti-lo coñecemento das suás características por parte do concello e poder, se é o caso e aínda que non estean establecidas na recuperación xeral, autorizalas se aquel considera positiva a solución proposta.
Artigo 9º.-Ocupación de espacios públicos.
1. Autorízase a ocupación temporal do espacio público por locals vinculados á hostalería e restauración, para a colocación de cadeiras, mesas, parasoles, toldos, xardineiras, frigoríficos, máquinas expendedoras, básculas, cortaventos, expositores ou calquera outro elemento análogo e sen barra de servicio distinta ou complementaria da do interior do propio establecemento.
2. Esta ocupación estará suxeita a licencia administrativa podendo instalarse unicamente o mobiliario expresamente autorizado.
3. Os elementos que se dispoñan non dificultarán o tránsito de peóns ou vehículos. Cumprirán ademais as seguintes determinacións:
-Non se autorizará a ocupación de beirarrúas ou espacios peonís cun largo menor de 3 metros, nin se ocupará máis dun tercio do largo libre quedando
polo menos un largo de paso de 2 metros en calquera punto.
-Nas prazas, ademais das condicións anteriores, a ocupación máxima por terrazas será do 20 por cento e non estorbará o correcto uso do espacio público.
-No caso en que se pegue a terraza á fachada do establecemento, non poderá exceder no largo a fronte ocupada por este e non dificultará o acceso ó portal do edificio ou a outros establecementos. Os elementos que se instalen non estorbarán a visión dos locais colindantes. Os elementos de mobiliario instalados terán carácter homoxéneo en cor, materiais, texturas, etc.
-En todo caso deixaranse perfectamente libres as entradas a galerías de instalacións, bocas de rega, hidrantes, rexistros de sumidoiro, saídas de emerxencia, paradas de transporte público, aparellos de rexistro ou control de tráfico, ventilacións, accesos a outros locais, xardíns e parques.
-Os elementos que se instalen non dificultarán a manobra de entrada ou saída de vaos permanentes ou laborais de paso de vehículos.
-Nas rúas que polo súa pendente ou configuración sexa necesario instalar plataformas para nivela-lo chan á horizontal, estas serán autorizables se se tratan de elementos móbiles ou desmontables sen obra de fábrica e sen ancoraxes que danen o pavimento.
-A instalación terá sempre carácter temporal e será facilmente desmontable sen deixar sinais en pavimentos nin fachadas. Cando se recolla o mobiliario, retiraranse igualmente todos aqueles elementos que dificulten o tránsito.
4. Será obriga do titular da terraza mantela en perfectas condicións de uso, limpeza, seguridade e ornamento e disporá dos correspondentes elementos de recollida e almacenamento de residuos. Non se permite o almacenamento de productos, materiais ou residuos no espacio da terraza.
5. Será de aplicación a ordenanza fiscal número 22 reguladora do prezo público por ocupación por mesas e cadeiras con finalidade lucrativa do dominio público.
Capítulo III
Normas para edificios da clase 2
Artigo 10º.-Esixencia de proxecto técnico.
1. Amplíase o requisito da presentación do proxecto técnico na solicitude de licencia de obras, ademais das previstas no artigo 3º desta ordenanza, ás obras de reforma de locais que afecten:
-Á fachada, aínda que só sexa a súa decoración, e aínda que non se modifique a súa composición básica nin se alteren os seus elementos.
-Ó interior do local cando se prevexa a substitución de materiais ou distribución interior modificada.
Artigo 11º.-Condicións de fachada e decoración exterior.
1. Será necesario para as fachadas o mantemento do conxunto de materiais, disposición e dimensións dos ocos, revestimentos e elementos decorativos, podéndose modificar estes unicamente cando se trate de restablece-las súas características orixinais, que fosen posteriormente alteradas, mediante obra de restauración. Polo demais as obras permitidas serán as de conservación ou consolidación, do seu estado actual.
2. Esta protección concretarase, nas obras de reforma destes locais que afectan o estado constructivo interior, na obriga de presentación do proxecto, tal como se establece no artigo anterior.
A decoración exterior destos edificios acomodarase, ademais de ó establecido no artigo 7º, ás seguintes condicións:
3. A rotulaxe, anuncios e similares adaptarase ó máximo á fachada do local e do resto do edificio, permanecendo os panos de muros, recercados, cornixas, etc., vistos na súa totalidade.
No caso de ocupación destes, farase preferentemente por medio de elementos exentos sen base portante que cubra a pedra ou material de cerramento, e manténdose dentro do plano fachada todo o posible.
4. Para a fixación de publicidade utilizaranse preferentemente os ocos dispoñibles. As placas publicitarias de disposición perpendicular á fachada en todo o edificio non poderán exceder en calquera das súas dimensións de 0,75 m como máximo, e de 0,75 m de alto nos carteis paralelos á fachada.
5. Os rótulos e anuncios comerciais deberán situarse sempre en planta baixa. Poderán localizarse baixo os linteis dos ocos, metidos para adentro respecto á cara exterior do recercado ou do muro, e ocupando unha franxa de altura inferior a 50 cm; ou ben a modo de placas pegadas ós muros de fachada sempre que non oculten elementos decorativos e non superen os 2/3 do largo do machón, nin teñan unha altura maior a 1/3 deste.
Poderán executarse en chapa metálica, vidro, pedra, bronce, latón ou outros materiais plásticos e rótulos luminosos. Poderán, ademais, utilizarse letras en relevo de bronce ou latón, gravadas ou pintadas sobre vidro, formadas en pletina, gravadas en baixo relevo.
As bandeirolas (entendidos como anuncios dispostos perpendicularmente ó plano da fachada) colocarase sempre en planta baixa. Prohíbense as bandeirolas de plástico luminoso. En case de inclui-la bandeirola unha placa para a colocación do rótulo ou outro elemento gráfico, esta poderá ser metálica esmaltada ou lacada, de bronce ou outros materiais adecuados ó edificio, prohibíndose calquera tipo de material plástico.
6. Os cerramentos metálicos dos baixos non poderán dispoñerse sobresaíndo do plano da fachada ou dos recercados dos ocos.
Prohíbese a instalación de persianas ou peches de seguridade totalmente opacos que oculten o pechamento de vidro ou carpintería dos vans. Poderán dispoñerse reixas caladas, metálicas ou de fundición que permitan a visión da configuración do oco de fachada, sen ocultar carpinterías, non admitíndose a instalación vista de capialzos.
7. Manteranse, en xeral, as características da carpintería e o acristalamento existentes. En todo caso prohíbese que a carpintería sobresaia dos muros e xambas cara ó exterior. Asi mesmo prohíbese a carpintería de aluminio que non vaia pintada ou de cor, as marquesiñas de calquera tipo e os toldos de material ríxido ou non recollible.
Nos edificios de ordenanza 4 clases 3ª e 4ª, non se autorizará a instalación de marquesiñas nin cornixas de remate que pola súa disposición rompan a composición ou o ritmo dos ocos de fachada. En xeral non se disporán elementos pegados á fachada que cambien a súa configuración, proporción de ocos, ritmo destes, etc.
8. A suxeición dos elementos publicitarios ou decorativos á fachada farase sen romper ou perfora-lo material do que estea construída esta, en calquera case por procedementos que impidan a provocación de pegadas permanentes e irreparables nel, o mesmo que na carpintería ou noutros elementos do edificio primitivo.
As cores de carpinterías, toldos, cerramento, panos pintados, etc. seleccionaranse de maneira que non resulten agresivos ó contorno e harmonicen co conxunto, debendo evitarse as cores estridentes ou excesivamente chamativas, primando a harmonía do conxunto urbano sobre o interese publicitario.
Nos edificios de ordenanza 4 clases 3ª y 4ª, empregaranse cores tradicionais no conxunto, coincidente cos orixinais do edificio se se coñeceran, predominando os brancos, verdes, marróns, ocres, etc.
Artigo 12º.-Solucións singulares.
Para solucións singulares actuarase na forma prevista para os edificios da clase 2, recollido no artigo 8.2º da presente ordenanza.
Capítulo IV
Normas para edificios da clase 1
Artigo 13º.-Condicións de protección.
1. Os edificios da clase 1, comprendidos no catálogo de edificios de valor histórico-artístico, polo súa condición de bens catalogados, gozan da protección establecida na Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia, polo que serán de aplicación as disposicións anteriores da clase 2.
2. As obras de reforma de locais en edificios catalogados deberán de axustarse, ademais de ás normas anteriores, á normativa xeral que eles se establece
no artigo 76 da normativa urbanística da revisión do Plan Xeral de Ordenación.
3. Ademais das determinacións das clases anteriores, a protección esténdese ó espacio interior dos locais en canto ás condicións constructivas e ó conxunto de elementos significativos deste e das zonas de uso común que poidan ser afectadas (portal, escaleiras). Enténdese que esta regulación se refire a elementos construídos fixos, funcionais ou decorativos, existentes, e non ó mobiliario nin ós motivos decorativos móbiles.
Disposición transitoria
As concesións de permisos reguladas nesta ordenanza que se atopen en tramitación á súa entrada en vigor, sen obter licencia, deberán axustarse á presente ordenanza.
Por último, cabe dicir que esta ordenanza municipal, se considerará transitoria, en relación ós edificios do barrio da Magdalena, mentres non se aprobe definitivamente o correspondente Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico. Non obstante, a existencia desta ordenanza non exime do informe previo da Consellería de Cultura, esixido no artigo 74.1º da Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia.
Disposición derradeira
A presente ordenanza entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no BOP.
O que se fai público para xeral coñecemento, podendo interpoñerse contra a mencionada aprobación recurso potestativo de reposición ante o órgano que dictou a presente resolución dentro do prazo dun mes contado a partir do día da súa publicación no BOP, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción dada pola Lei, sen prexuízo da posibilidade de interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da publicación do presente edicto no BOP e na forma prevista no artigo 45 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso administrativa (BOE do 14-7-1998).
Ferrol, 16 de xullo de 1999.
Xaime Bello Costa
Alcalde

