Por medio do Decreto 127/1998, do 23 de abril, creouse o Consello Galego de Consumidores e Usuarios, establecéndose no seu artigo 11, que o denvandito consello elaborará e aprobará o seu Regulamento de organización e funcionamento interno e remitirallo á consellería competente en materia de consumo para a súa ratificación e publicación no Diario Oficial de Galicia.
Na súa virtude, e á vista do Regulamento de organización e funcionamento interno do Consello Galego de Consumidores e Usuarios aprobado polo pleno do consello na sesión que tivo lugar o 12 de abril de 2000,
RESOLVO:
Ratificar e ordena-la publicación no Diario Oficial de Galicia do Regulamento de ordenación e funcionamento interno do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, aprobado polo pleno do consello o 12 de abril de 2000, que se insire como anexo a esta orde.
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2000.
Juan Rodríguez Yuste
Conselleiro de Industria e Comercio
ANEXO
Regulamento de organización e funcionamento interno do Consello Galego de Consumidores e Usuarios
TÍTULO I
Da natureza, composición e constitución do Consello Galego de Consumidores e Usuarios
Artigo 1º.-Natureza e fins.
O Consello Galego de Consumidores e Usuarios é o órgano de representación e consulta no ámbito da Comunidade Autónoma Galega, de consumidores e usuarios, sen prexuízo do disposto na Lei 8/1994, do 30 de decembro, de creación do Instituto Galego de Consumo e nas súas disposicións de desenvolvemento, e ter a representación institucional das organizacións e asociacións de consumidores e usuarios, ante a Administración autonómica ou outras entidades e organismos de carácter autonómico.
Artigo 2º.-Réxime xurídico.
A organización e funcionamento internos do Consello Galego de Consumidores e Usuarios rexeranse
polo establecido no Decreto 127/1998, do 23 de abril, polo que se crea o Consello Galego de Consumidores e Usuarios, polo presente regulamento e polas directrices e instruccións que para o seu desenvolvemento dicte o propio consello.
Artigo 3º.-Sede.
O Consello Galego de Consumidores e Usuarios terá como sede os servicios centrais do Instituto Galego de Consumo, en Santiago de Compostela, tal e como establece o artigo 2 da Lei 8/1984, do 30 de decembro, de creación do Instituto Galego de Consumo.
Artigo 4º.-Composición.
O consello estará integrado por:
1. Un representante por cada unha das asociacións, non federadas, inscritas na sección xeral do rexistro regulado polo Decreto 95/1984, do 24 de maio, e que acrediten como mínimo 4.000 socios.
2. Un representante por cada unha das federacións inscritas na sección xeral do referido rexistro que conten no seu seo con asociacións implantadas nas catro provincias galegas e acrediten un mínimo de 4.000 socios.
As federacións que acrediten 10.000 socios terán dereito a un segundo representante e un terceiro e sucesivos por cada 10.000 socios máis.
3. Dous representantes das restantes asociacións non comprendidas nas alíneas anteriores e inscritas na sección xeral do referido rexistro, elixidos por elas.
4. Un representante das asociacións inscritas na sección especial do referido rexistro que acrediten un mínimo de 4.000 socios, elixidos por elas.
Os vocais e os suplentes serán nomeados polo conselleiro competente en materia de consumo, por proposta do presidente do Instituto Galego de Consumo e o nomeamento deles publicarase conxuntamente no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 5º.-Duración do mandato.
1. O mandato dos membros, titulares e suplentes do consello será de catro anos, e poderán ser reelixidos, mandato que comezará desde o día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia do nomeamento.
2. O mandato do nomeado para ocupar unha vacante anticipada no cargo comezará igualmente desde o día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia e expirará ó mesmo tempo que o dos restantes membros do consello.
3. Non obstante, os membros do consello continuarán no exercicio das súas funcións ata a toma de posesión dos membros do novo consello.
4. En ningún caso a renovación de tódolos membros do consello paralizará o funcionamento deste e os traballos que se estiveran desenvolvendo.
Artigo 6º.-Sesión constitutiva.
Unha vez publicado o nomeamento de vocais no Diario Oficial de Galicia, o consello deberá constituírse no prazo máximo de quince días.
Na reunión de constitución do consello elixirase ó presidente e ó vicepresidente e ós demais membros da comisión permanente.
TÍTULO II
Dos membros do consello
Artigo 7º.-Dereitos.
Os membros do consello, que actuarán no exercicio das súas funcións con plena autonomía e independencia, teñen dereito a:
a) Participar con voz e voto nas sesións do pleno, da comisión permanente e das comisións de traballo das que formen parte.
b) Asistir, sen dereito a voto, a calquera das comisións de traballo nas que non están integrados, podendo facer uso da palabra excepcionalmente, logo da autorización do presidente da comisión de traballo.
c) Acceder á documentación que estea en poder do consello.
d) Dispor da información dos temas ou estudios que desenvolvan o pleno, a comisión permanente, as comisións de traballo das que formen parte ou daqueloutros que expresamente soliciten.
e) Solicitar, a través do presidente do consello e de conformidade co procedemento establecido neste regulamento, os datos e documentos que, non estando en posesión do consello, sexan necesarios para o exercicio das súas funcións.
f) Presentar mocións e suxestións para a adopción de acordos polo pleno ou para o seu estudio nas comisións de traballo, de conformidade co procedemento establecido neste regulamento.
Artigo 8º.-Deberes.
Os membros do consello teñen o deber de:
a) Asistir ás sesións do pleno e das comisións ás que regulamentariamente foran convocados e participar nos seus labores.
b) Adecua-la súa conducta ó presente regulamento e ás directrices e instruccións que, no seu desenvolvemento, dicte o propio consello.
c) Gardar reserva en relación coas actuacións do consello que, por decisión dos seus órganos, se declaren reservadas.
Artigo 9º.-Suplencias e substitución interna.
1. Todo membro do consello que prevexa que non vai poder asistir a unha sesión do pleno ou a unha reunión da comisión permanente ou dunha comisión de traballo será substituído polo seu suplente, comunicándollo ó presidente.
2. Todo membro dunha comisión de traballo que non poida asistir a unha reunión, nin poida ser reemprazado polo seu suplente, poderá pedir, despois de informar disto ó presidente respectivo, que o represente outro membro do consello.
O mandato desta suplencia será unicamente válido para as actuacións para as que se teña autorizada a suplencia.
Artigo 10º.-Cesamento e provisión de vacantes.
1. Os membros do consello cesarán por algunha das seguintes causas:
a) Expiración do seu mandato, sen prexuízo do disposto no artigo 5º.1 deste regulamento.
b) Incapacidade permanente ou falecemento.
c) Renuncia.
d) Incorrer en penas que inhabiliten para o exercicio de cargos públicos.
e) Cando deixen de concorrer neles os requisitos que determinaron a súa designación.
f) Cando sexa solicitada a súa substitución polas organizacións ás que representan.
2. A organización á que corresponda a vacante anticipada deberá presenta-la oportuna proposta de novo nomeamento ó presidente do consello, quen lle dará a tramitación legalmente establecida.
TÍTULO III
Dos órganos do consello
Artigo 11º.-Órganos.
Son órganos do consello:
a) O pleno.
b) A comisión permanente.
c) As comisións de traballo.
Capítulo I
O pleno
Artigo 12º.-Composición.
O consello en pleno está constituído polo presidente, o vicepresidente, os vocais e o secretario.
Artigo 13º.-Funcións.
O pleno é competente para:
1. Elixi-lo presidente, o vicepresidente e os membros da comisión permanente por dúas terceiras partes en primeira ou segunda volta, e por maioría absoluta no caso de que fose necesario chegar a unha terceira volta, por un período dun ano e poderán ser reelixidos.
2. Establece-las liñas xerais da actuación do consello.
3. Regula-lo réxime de organización e funcionamento interno do consello.
4. Aproba-las directrices e instruccións que, en desenvolvemento deste regulamento, sexan precisas para o funcionamento do consello.
5. Coñece-la xestión que realice a comisión permanente e as comisións de traballo.
6. Aproba-los dictames do consello.
7. Aprobar anualmente a proposta do orzamento do consello, e o programa de actuación.
8. Elabora-la memoria anual da súa actividade segundo o disposto no artigo 2.e) do Decreto 127/1998, do 23 de abril.
9. Asumir calquera outra competencia establecida no Decreto 127/1998, e no presente regulamento, que non estea encomendado a outro órgano do consello.
Capítulo II
A comisión permanente
Artigo 14º.-Constitución.
A comisión permanente estará integrada polo presidente, o vicepresidente, un membro por cada unha das representacións previstas no artigo 4 e o secretario.
Artigo 15º.-Funcións.
Corresponden á comisión permanente as seguintes funcións:
1. Adopta-las medidas necesarias para a aplicación das liñas xerais de actuación do consello, aprobadas polo pleno.
2. Aproba-los dictames do consello, nos que teña delegada a competencia para isto e cando por motivos de urxencia non sexa posible convoca-lo pleno con suficiente antelación, dándolle conta a este na primeira reunión que teña lugar.
3. Executa-los acordos adoptados polo pleno.
4. Designa-los presidentes e membros das comisións de traballo e dirixi-lo seu funcionamento podendo delegar neles a aprobación de dictames concretos.
5. Decidi-la contratación de consultas ou dictames externos, por iniciativa propia ou por proposta do presidente ou das comisións de traballo.
6. Elevar ó presidente a proposta de fixación de orde do día das sesións do pleno e a data en que terá lugar.
7. Solicita-la convocatoria de sesións extraordinarias do pleno.
8. Coñecer, naqueles casos que o considere oportuno, a preparación da documentación, informes e estudios necesarios para o mellor coñecemento polos membros do consello dos temas que se teñan que tratar no pleno.
9. Fixa-las directrices e dispo-lo necesario para a elaboración do borrador da memoria para elevar ó pleno.
10. Efectua-lo seguimento dos dictames e informes emitidos polo consello, informando diso ó pleno, polo menos unha vez o ano.
11. Aproba-la proposta inicial do orzamento do consello que lle presente o presidente como trámite previo para a súa elevación e aprobación polo pleno.
12. Xestiona-la administración detallada das partidas orzamentarias aprobadas e asignadas ó sostemento do consello.
13. Informar nas súas reunións ordinarias sobre a execución do orzamento asignado ó consello segundo as diferentes partidas de gastos.
14. Supervisa-las actividades do consello, fixa-lo seu calendario e coordina-los traballos das distintas comisións de traballo.
15. Cantas outras funcións lle sexan outorgadas polo establecido no Decreto 127/1998, por este regulamento e polo pleno.
Capítulo III
As comisións de traballo
Artigo 16º.-As comisións de traballo.
Crearanse comisións de traballo, por materias, para un tratamento máis especializado dos diferentes asuntos, segundo o establecido no presente regulamento de réxime interno, podendo ser de carácter permanente ou temporal.
1. Son comisións de traballo de carácter permanente as seguintes:
-Sanidade, medicamentos e alimentación.
-Vivenda.
-Asuntos económicos e comercio.
-Servicios públicos.
-Ambiente.
2. A comisión permanente poderá acorda-la constitución de comisións de traballo para cuestións puntuais que se dedicarán á elaboración dos estudios, informes e dictames que se lles encomenden no acordo de constitución.
O acordo de creación de comisións de traballo non permanentes, establecerá o prazo no que deberán constituírse e no que deberán cumprir co encargo que se lles encomendase.
Artigo 17º.-Composición das comisións de traballo.
As comisións de traballo terán a composición que acorde a comisión permanente, encargada de nomea-los seus membros. Cada comisión de traballo estará presidida por un membro da comisión permanente e os seus compoñentes, que poderán ser vocais do consello, non superarán o número de dez, sen prexuízo de que poidan participar neles os expertos propostos polas organizacións e asociacións representadas no consello ou polos seus propios membros.
A comisión permanente ou os presidentes das comisións de traballo designarán os relatores responsables de elaborar e presentar ós órganos do consello as diferentes propostas de dictame. Estes relatores poderán ser vocais do consello ou expertos propostos polos seus membros.
Capítulo IV
A presidencia
Artigo 18º.-Elección e cesamento do presidente.
O presidente será elixido polo pleno do consello por dúas terceiras partes en primeira e segunda volta, e por maioría absoluta no caso de que fose necesario chegar a unha terceira volta, por un período dun ano e poderá ser reelixido.
A presidencia quedará vacante polas seguintes causas:
a) Renuncia.
b) Falecemento.
c) Aprobación polo pleno do consello, por dúas terceiras partes, dun voto de censura.
O presidente elaborará un informe anual que será sometido ó pleno do concello para a súa aprobación.
Artigo 19º.-Funcións.
Son funcións do presidente:
1. Dirixir, promover e coordina-la actuación do consello.
2. Desempeña-la representación do consello e exerce-las accións que lle correspondan.
3. Convocar e presidi-las sesións do pleno e da comisión permanente, marcando as directrices xerais para o seu bo goberno, de acordo con este último órgano, modera-lo desenvolvemento dos debates, e suspendelos por causas xustificadas.
4. Fixa-la orde do día das sesións do pleno e da comisión permanente tendo en conta as propostas e peticións formuladas polos seus membros nos termos previstos neste regulamento.
5. Visa-las actas e os certificados dos acordos dos órganos colexiados do consello e dispor e velar polo exacto cumprimento dos acordos do consello.
6. Dirimi-los empates que se produzan nas votacións co seu voto de calidade.
7. Autoriza-la comparecencia dos representantes das administracións públicas ós que se refire o artigo 29º.
8. Solicita-la comparecencia de representantes das administracións públicas e das entidades privadas das que a súa actuación afecte ós intereses de consumidores e usuarios.
9. Solicitar, no nome do consello, a colaboración que considere pertinente a institucións, autoridades, organismos, entidades, asociacións e particulares e invitar a participar no pleno, comisión permanente
ou comisións de traballo a expertos de recoñecida competencia nos asuntos que trate.
10. Requirir, no nome do consello, información complementaria sobre asuntos que, con carácter preceptivo ou facultativo, se lle sometan a consulta, sempre que a devandita información sexa necesaria para a emisión do dictame, informe ou estudio.
11. Pedir ó órgano demandante, logo da consulta ó pleno ou á comisión permanente, e se o asunto o requirise, a ampliación do prazo fixado na orde de remisión ou na solicitude da consulta.
12. Presentar á comisión permanente a proposta do orzamento anual do consello, como trámite previo á súa elevación ó pleno, e remiti-la proposta, xa aprobada, ó Instituto Galego de Consumo.
13. Elaborar un informe anual que será sometido ó pleno do consello para a súa aprobación.
14. Cumprir e facer cumpri-lo regulamento, propoñendo ó pleno a súa interpretación nos casos de dúbidas e a súa integración nos de omisión.
15. Cantas outras lle sexan legalmente outorgadas.
Capítulo V
A vicepresidencia
Artigo 20º.-Elección e cesamento do vicepresidente.
O vicepresidente será elixido polo pleno por dúas terceiras partes en primeira e segunda volta, e por maioría absoluta no caso de que fose necesario chegar a unha terceira volta, por un período dun ano e poderá ser reelixido.
A vicepresidencia quedará vacante polas seguintes causas:
a) Renuncia.
b) Falecemento.
c) Aprobación polo pleno do consello, por maioría de dous tercios, dun voto de censura.
Artigo 21º.-Funcións.
O vicepresidente exercerá as funcións que o presidente expresamente lle delegue. Substituirá ó presidente nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade.
O vicepresidente será informado regularmente polo presidente sobre a dirección das actividades do consello e prestará ó presidente a súa colaboración en todos aqueles asuntos para os que sexa requirido.
O vicepresidente, en caso de demisión ou cesamento do presidente substituirá a este, en funcións, ata o nomeamento do novo presidente.
Capítulo VI
A secretaría
Artigo 22º.-Nomeamento.
O secretario será nomeado entre funcionarios que presten servicio no Instituto Galego de Consumo,
por proposta do seu presidente, polo conselleiro competente en materia de consumo, de acordo co establecido no artigo 9.2º do Decreto 127/1998, do 23 de abril.
Artigo 23º.-Funcións.
O secretario é o órgano de asistencia técnica e administrativa do consello e depositario da fe pública dos seus acordos, sendo as súas funcións:
1. Asistir, con voz pero sen voto, ás sesións do pleno e da comisión permanente do consello.
2. Estende-las actas das sesións do pleno e da comisión permanente e da-lo curso correspondente ós acordos que adopten.
3. Arquivar e custodia-la documentación do consello, poñéndoa á disposición dos seus órganos e dos membros do consello cando fora requirida.
4. Expedir certificacións das actas, acordos, dictames, votos particulares e outros documentos confiados á súa custodia, co visto e prace do presidente.
TÍTULO IV
Do funcionamento do consello
Capítulo I
Disposicións xerais
Artigo 24º.-Votacións e adopción de acordos.
1. Os acordos do pleno adoptaranse por maioría dos asistentes, dirimindo os empates o presidente mediante o seu voto de calidade.
2. Os acordos da comisión permanente adoptaranse por maioría dos asistentes, dirimindo os empates o voto do presidente.
3. As votacións en ámbolos dous casos realizaranse a man alzada salvo no caso de que, polo menos dous dos presentes, soliciten que se realice de forma nominativa.
4. A votación será secreta unicamente cando se trate de elección de cargos ou de cuestións que afecten persoalmente ós membros do consello e sempre por petición expresa dalgún membro do consello.
Artigo 25º.-Votos particulares.
1. Os membros do consello discrepantes, en todo ou en parte, do sentir da maioría poderán formular individual ou colectivamente votos particulares, que deberán quedar unidos á resolución correspondente.
2. Os votos particulares terán que presentarse ante o secretario nun prazo máximo de dous días hábiles.
Artigo 26º.-Acta das sesións.
1. De cada sesión redactarase unha acta que será remitida a cada membro do consello xunto coa convocatoria da sesión seguinte, na que se someterá a votación.
2. A acta, na súa forma definitiva, será asinada polo secretario co visto e prace do presidente.
3. A ela incorporaranse como anexos, de se-lo caso, os seguintes documentos:
a) Unha relación das deliberacións relativas á elaboración dos informes ou dictames, que conterá en particular o texto de tódalas emendas e votos particulares sometidos a votación, incluíndo, cando sexa por chamamento, o nome dos votantes.
b) As propostas das comisións competentes.
c) Calquera outro documento que o pleno considere indispensable para a comprensión dos debates.
Artigo 27º.-Resolucións do consello.
1. Os informes preceptivos solicitados ó consello serán emitidos no prazo dun mes, salvo que unha disposición estableza outro distinto nos termos do artigo 83.2º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
2. En caso de urxencia, corresponde ó presidente a elaboración dos criterios das respostas obtidas das comisións de traballo, para o que poderá solicita-la colaboración do vicepresidente e dos coordinadores delas.
3. Calquera vocal do consello poderá presentar propostas ó pleno ou á comisión permanente para o seu estudio e consideración. Estas propostas presentaranse por escrito con, polo menos, unha semana de antelación á data en que teña lugar o pleno e deberán ser motivadas.
4. Durante a realización do pleno o presidente admitirá os votos particulares que se presenten nel.
Artigo 28º.-Presentación de alegacións.
1. Os membros do pleno, unha vez aprobados os dictames pola comisión permanente referidos a proxectos de lei ou temas de gran trascendencia para os consumidores, dispoñen dun prazo de quince días desde a súa aprobación, ata unha data límite de sete días antes de que teña lugar o pleno, para emiti-las alegacións que consideren oportunas, salvo que a convocatoria do pleno resulte inviable por razóns de urxencia.
2. As alegacións deberán ser formuladas por escrito, cunha exposición de motivos sucinta, e asinadas polos seus autores.
Artigo 29º.-Comparecencia de órganos alleos ó consello.
1. Os órganos das administracións públicas dos que a súa actuación afecte ós intereses dos consumidores e usuarios poderán solicitar ó consello asistir ás súas reunións, co obxecto de informar sobre asuntos de interese xeral ou sectorial en materia de consumo, así como solicitar informes sobre asuntos do seu interese.
A devandita solicitude deberá ser dirixida á secretaría do consello, que lle dará oportuno traslado á presidencia.
Capítulo II
Do pleno
Artigo 30º.-Convocatoria de sesións.
1. O pleno levará a cabo sesión ordinaria polo menos dúas veces ó ano, efectuándose a convocatoria polo presidente, por escrito, con expresión da orde do día, cunha antelación de quince días. As reunións extraordinarias do pleno serán convocadas polo presidente, por proposta da comisión permanente ou da metade dos membros do pleno.
2. Nas sesións ordinarias poderá ser obxecto de deliberación ou, se é o caso, de decisión, calquera asunto non incluído na orde do día, sempre que así se acorde por unanimidade dos membros presentes, ó inicio da sesión.
Artigo 31º.-Quórum de constitución.
O pleno do consello entenderase validamente constituído en primeira convocatoria cando concorran a el a maioría absoluta dos seus membros, en segunda convocatoria coa asistencia dos membros presentes.
Para a válida constitución do pleno será necesaria a presencia do presidente e do secretario.
Non obstante, en caso de ausencia do presidente substituirao o vicepresidente e, se tamén estivese ausente, asumirá a presidencia o membro do consello asistente de máis idade. No caso de ausencia do secretario, será substituído pola persoa que para a reunión designe o Instituto Galego de Consumo.
Capítulo III
Da comisión permanente e comisións de traballo
Artigo 32º.-Sesións e quórum de constitución da comisión permanente.
1. A comisión permanente, baixo a dirección do presidente do consello, reunirase en sesión ordinaria polo menos dez veces ó ano, podendo ser convocada extraordinariamente cantas veces sexa necesario.
2. As sesións da comisión permanente serán convocadas polo presidente con sete días de antelación, por escrito e con precisión da orde do día. As reunións extraordinarias serán convocadas polo presidente, por iniciativa propia, ou por proposta de tres membros.
3. A comisión permanente entenderase validamente constituída, en primeira convocatoria, cando concorran a ela a maioría absoluta dos seus membros, en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de vocais asistentes.
No caso de ausencia do presidente e vicepresidente actuará de presidente o membro do consello asistente de máis idade.
No caso de ausencia do secretario, será substituído pola persoa que para a reunión designe o Instituto Galego de Consumo.
Artigo 33º.-Sesións e quórum de constitución das comisións de traballo.
1. As comisións de traballo, na súa sesión constitutiva, determinarán as súas normas de convoca
toria e funcionamento respectando, en todo caso, o que establece o presente regulamento ou o acordo de creación delas.
2. As sesións das comisións de traballo serán convocadas polo seu presidente, e para a súa válida constitución, será necesaria a presencia da maioría dos seus membros.
Artigo 34º.-Presidencia e secretaría das comisións de traballo.
1. O presidente, que pertencerá á comisión permanente, deberá organizar e dirixi-las actividades da comisión de traballo, presidi-las sesións, ordenar e modera-los debates e traslada-las propostas correspondentes.
2. Un dos membros da comisión de traballo exercerá as funcións de secretario.
TÍTULO V
Dos dictames e informes
Artigo 35º.-Procedemento ordinario de envío ás comisións de traballo.
1. Recibida no consello unha solicitude de dictame ou informe, a comisión permanente daralle traslado á comisión de traballo correspondente.
O presidente do consello comunicará ó presidente da comisión de traballo o obxecto das súas deliberacións, así como o prazo dentro do cal terá que concluí-lo seu traballo, que nunca poderá exceder dos dous tercios do prazo global fixado para a emisión do dictame ou informe polo consello.
2. Do acordo de remisión a unha comisión de traballo darase traslado a tódolos membros do consello; así mesmo informaráselles das previsións de inclusión do tema correspondente na orde do día do pleno ou da comisión permanente.
Artigo 36º.-Actividade das comisións de traballo.
1. As comisións de traballo ocuparanse de tódolos estudios, informes e dictames que lle sexan encargados polo pleno ou a comisión permanente segundo o procedemento establecido neste regulamento.
2. Unha vez recibido o encargo, a comisión de traballo nomeará un relator ou varios para que formulen unha proposta de acordo nun prazo non maior da metade do que se sinalou para o cumprimento do cometido do grupo. O prazo restante será utilizado para os debates do grupo e a adopción do acordo.
3. Na medida en que sexa indispensable para os traballos, cada grupo poderá solicitar da comisión permanente que autorice ó relator ou ós relatores para que, en relación con temas concretos, poidan recibi-lo asesoramento de especialistas alleos ó consello.
4. O resultado dos traballos da comisión de traballo, xunto cos votos particulares e os informes previos ou complementarios, será entregado ó presidente do consello para a súa inclusión na orde do día da seguinte sesión do pleno ou da comisión per
manente. Nesta sesión, o presidente da comisión de traballo ou o relator exporá o acordo dela, podendo intervi-los autores dos votos particulares.
5. En caso de que a emisión dun dictame se cualifique de urxente pola comisión permanente, este poderá ser realizado polo relator designado polo presidente da comisión de traballo ó que corresponda que, logo da consulta por fax ou por calquera outro medio que permita unha rápida contestación ó resto dos membros da comisión de traballo, e unha vez obtida a conformidade expresa ou tácita destes, considerarase realizado para a súa aprobación definitiva pola comisión permanente.
Artigo 37º.-Novo exame en comisión de traballo.
O presidente do consello, logo do acordo do pleno ou da comisión permanente, poderá pedir á comisión de traballo un novo exame se considera que non se alcanzou o grao de consenso necesario, non se respectaron as disposicións deste regulamento ou se considera necesario un estudio complementario.
TÍTULO VI
Da reforma do regulamento
Artigo 38º.-Reforma do regulamento.
Calquera proposta de reforma do presente regulamento deberá ser presentada, a través do presidente do consello, á comisión permanente para a súa elevación ó pleno.
Presentada unha proposta de reforma, o pleno decidirá, segundo o alcance e contido dela, ben sometela a debate e votación en sesión, ben remitila a unha comisión que se creará especificamente para iso, coa composición que determine o propio pleno.
A comisión de reforma do regulamento, se é o caso, elevará ó pleno, no prazo fixado para tal efecto, unha proposta que se someterá a votación no pleno.
As reformas do regulamento deberán ser aprobadas por maioría absoluta dos membros do consello e consideraranse incorporadas a el desde o momento da aprobación polo pleno.

