Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 12 de xuño de 2000 Páx. 8.979

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 12 de maio de 2000 pola que se crea o polígono de viveiros Corme B e se declara como zona de interese especial de cultivos mariños.

As previsións de incremento da producción das especies acuícolas actualmente en explotación en resposta a unha maior demanda do mercado, xunto coa necesidade de experimentar na zona marítima o cultivo a escala semi-industrial de novas especies ou a aplicación de modernas tecnoloxías, obriga a dispoñer de áreas onde poder instala-los novos establecementos, sen satura-las zonas que actualmente se encontran en explotación.

A demanda da planificación dos cultivos mariños dentro dunha xestión integrada dos usos do litoral, esixe a delimitación mediante polígonos das áreas destinadas á instalación dos viveiros (gaiolas, bateas e liñas de cultivo) e a declaración como zonas de interese de cultivos mariños daquelas que polas peculiares características aconsellen protección, evitando a concorrencia doutros usos incompatibles ou que puidesen interferir negativamente no correcto desenvolvemento da actividade acuícola.

Por todo isto, vistos os informes que constan no expediente, facendo uso das facultades que en materia de declaración de zonas de interese marisqueiro e de cultivos mariños concede á Comunidade Autónoma galega o Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de función e servicios da Administración do Estado. En desenvolvemento da letra d) do artigo 6, da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, así como do Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Créase o polígono de viveiros que se sinala a continuación:

Distrito: Corme.

Polígono: B.

Lugar: ría de Corme-Laxe (A Coruña).

Coordenadas: sinaladas no anexo.

Superficie: 100.000 m.

Capacidade: 12 cuadrículas.

Destino previsto: cultivos mariños.

A situación xeográfica do polígono será a indicada no anexo desta orde.

Artigo 2º

Declarase de interese especial de acuicultura o polígono de viveiros creado no artigo 1º.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para dicta-las resolucións que foran precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entra en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2000.

P.O. (17-12-1997, DOG nº 246, do 22)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura