Visto o texto do laudo arbitral sobre diferencias na aplicación do complemento de compensación de vacacións previsto para os denominados calendarios estendidos, ó persoal da quenda da fin de semana, en interpretación dos artigos 23.bis 1 e 24 do convenio colectivo da empresa Crown Cork de España, S.A. (antes Carnaud Metalbox, S.A.), dictado por José Mª Casas de Ron con data do 13 de marzo de 2000, e de conformidade co disposto no artigo 90, 2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, artigo 24.4º do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación
provincial
ACORDA:
Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que conta nesta delegación provincial, e a súa notificación á empresa e ó comité de empresa.
Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.
Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Vigo, 4 de maio de 2000.
Antonio Coello Bufill
Delegado provincial de Pontevedra
Laudo arbitral
José Mª Casas de Ron, designado árbitro en acto de compromiso arbitral con data do 23 de febreiro de 2000, polas partes, no procedemento de solución de conflictos, baseándose no establecido no capítulo III do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), procedemento número de referencia 2/00, no que son partes interesadas, dunha parte CC.OO., CIG e UGT, e doutra a empresa Crown Cork de España, S.A., mediante acta de sometemento, como partes lexitimadas do conflicto sobre diferencias na aplicación do complemento de compensación de vacacións previsto para os denominados calendarios estendidos, ó persoal da quenda de fin de semana, resolvo a cuestión formulada, visto o expediente e oídas as partes, por medio deste laudo, baseándome nos seguintes antecedentes:
Antecedentes:
A) Posición empresarial.
1. Situación actual.
O centro de traballo de Vigo de Crown Cork de España, S.A. (antes Carnaud Metalbox, S.A.), ten, no momento actual, un conxunto de calendarios laborais que afectan a distintos grupos de traballadores, que xurdiron ó longo dun proceso temporal e que se foron negociando, atendendo ás distintas circunstancias productivas e tecnolóxicas, de xeito sucesivo nos momentos en que cada un se puxo en marcha.
En concreto e como calendarios básicos están:
-Calendario xeral.
-Calendarios estendidos.
-Calendarios das quendas de fin de semana e complementarios.
Adicionalmente existe un calendario de mantemento e de mantemento eléctrico que regula a xornada laboral do persoal destas seccións e que se distingue tan só do calendario xeral no goce das vacacións de Nadal.
2. Desenvolvemento temporal dos calendarios laborais.
Ata 1995, na fábrica de Vigo existía un só calendario laboral que afectaba a todo o persoal e que, entre outras consideracións, recollía un período de vacacións de verán de 15 días durante os meses de xullo e agosto.
A aplicación deste calendario ocasionaba, durante os meses de verán, unha falta de capacidade nos productos de maior demanda que se concentraba en determinados grupos de máquinas e equipos productivos, que obrigaba a realizar un considerable
número de horas extraordinarias para suplir esta falta de capacidade productiva.
Por este motivo, durante a negociación dos calendarios laborais para 1996, a dirección da empresa propuxo que un conxunto de liñas de producción e o persoal adscrito a elas tiveran calendarios con períodos de vacacións especiais; é dicir, con períodos de vacacións distintos ós que se sinalaban para a quenda xeral.
Logo dun período de negociación, conseguiuse acordo sobre estes calendarios (que na linguaxe interna da empresa son denominados calendarios estendidos) e fixouse unha compensación económica para o persoal que gozase as vacacións de verán fóra de xullo e agosto de 35.000 ptas., e que, por aplicación posterior de sucesivos incrementos, foi de 38.680 ptas. en 1999.
Como a aplicación destes calendarios estendidos implicaba non só que algunhas persoas trasladasen as súas vacacións fóra do período establecido no calendario xeral senón tamén que o conxunto dos traballadores incluídos neste sistema estaba obrigado a realiza-la súa xornada en quendas fóra da súa rotación habitual (quendas de noite, por exemplo), creouse en 1997 un novo concepto de compensación dirixido ás persoas de calendarios estendidos que gozaban as súas vacacións no período normal (xullo e agosto) pero que estaban obrigados a estes cambios de quenda. A cantidade pactada neste caso para 1997 foi de 10.000 ptas. que, como consecuencia dos incrementos posteriores, ascendeu a 10.455 ptas. en 1999.
En 1999, e como consecuencia da necesidade de atender maiores demandas nalgúns productos e evita-los importantes problemas de servicio que a empresa tivera ó longo de 1998, a dirección da empresa propuxo inicia-lo traballo a cinco quendas (7 días á semana) nalgunhas máquinas, implicando a todo o persoal que traballaba nelas cun sistema de quendas rotativas que incluían tódolos días da semana.
Ante a dificultade dun sistema como o que propuxo a dirección e a necesidade ineludible de amplia-la capacidade de producción, adoptouse, de acordo co comité de empresa, unha solución diferente á inicialmente proposta, que consistiu na creación dunha quenda específica para o fin de semana, composta fundamentalmente por persoal fixo voluntario e para o que foron negociadas condicións especiais que incluían, non só compensacións económicas, senón tamén condicións de xornada laboral e de distribución desta, entre as que se atopaba un calendario propio que prevía as vacacións para este persoal nos meses finais do ano e máis concretamente desde o día 29 de novembro ata o día 31 de decembro.
Logo deste acordo coa representación dos traballadores e tendo en conta que existía un número suficiente de persoal que, coñecendo todas estas condicións con carácter previo, manifestara a súa voluntariedade de integrarse nesta quenda especial, a dirección da empresa decidiu inicia-lo traballo en quendas de fin de semana a partir do día 12 de xuño de 1999.
Ó longo de 1999 e posto que a negociación do convenio colectivo non rematara, as partes continuaron a súa negociación, concluíndo cun preacordo asinado o día 20 de outubro de 1999 no que, entre outros aspectos, recóllense as condicións nas que se vai desenvolve-lo traballo na quenda de fin de semana e que, como as de 1999, incluían non só compensacións económicas senón tamén condicións especiais de xornada (duración anual da xornada distinta á do resto dos traballadores do centro de traballo que, en termos de tempo efectivo de traballo, é 72 horas/ano inferior e distribución das vacacións en períodos distintos).
Como no ano anterior, estas condicións foron coñecidas con carácter previo á iniciación das quendas de fin de semana polo persoal que voluntariamente se adscribiu a estes.
3. Conclusión.
Da descrición de cómo se viñeron desenvolvendo temporalmente os distintos calendarios que hoxe conforman as diferentes distribucións da xornada despréndese claramente que cada un dos calendarios responde a situacións concretas e a negociacións diferenciadas que, ó noso xuízo, non se poden interrelacionar.
É dicir, as condicións pactadas para cada tipo de calendarios deber recollerse como unha condición unitaria de aplicación específica para o persoal ó que afecta esa distribución da xornada de traballo anual e das vacacións e descansos regulamentarios.
Non cabe, na nosa opinión, a posibilidade de traslada-las condicións dun grupo a outro de xeito indiscriminado, que é o que ocorrería se condicións pactadas exclusivamente para os denominados calendarios estendidos, como é o caso da compensación polo goce de vacacións fóra do período do calendario xeral, se trasladasen a outro persoal que pactou un calendario específico, cunhas condicións económicas e de xornada compensatorias deste e que se integrou voluntariamente logo de coñecemento concreto de todo o que iso implicaba.
B) Posición representantes sindicais.
Que a materia obxecto do conflicto non é outra que a negociada e acordada na acta do 18 de marzo de 1997 sobre proposta de compensación por calendarios estendidos.
Efectivamente, as partes acordan que se modifique o calendario vacacional por canto que o artigo 24 do convenio colectivo establecía que se gozasen nos meses de xullo e agosto; sen embargo, os traballadores, independentemente da quenda que teñan, que non gocen as vacacións nos meses de xullo ou agosto, terían dereito á compensación establecida no acordo plasmado na acta do 18 de marzo de 1997, así como ás subidas respectivas da devandita compensación, segundo a subida pactada en convenio colectivo, por canto que se estendeu a xornada productiva polo cambio do período vacacional, como pola creación da quenda de fin de semana, pasando dunha xornada productiva de 210 días anuais a 350 días; iso quere dicir que o sistema productivo da empresa, en vez
de estar en funcionamento 210 días, está 350, cun evidente beneficio para a empresa en canto á producción, pero cunha perda dos dereitos dos traballadores que se ven reparados a través da devandita compensación.
Que a extensión do calendario estensible leva á devandita compensación, non podendo a mercantil escudarse en que en actas posteriores non se recollera o devandito tema, sendo iso innecesario ó estar acordado con anterioridade, debendo coñece-la empresa que a acta asinada co acordo é vinculante para as partes, ó ter natureza de convenio colectivo, de acordo cos preceptos 82, 83 e seguintes do Estatuto dos traballadores, sendo de obrigado cumprimento para as partes.
Chegado a este punto, debemos manifestar que tódolos traballadores sen excepción estarían baixo o paraugas do convenio e de tódolos acordos asinados polas partes con posterioridade á sinatura e entrada en vigor do texto paccionado, xa que de non ser así, estariamos ante unha máis que evidente discriminación, con vulneración do principio de igualdade, recoñecido o devandito dereito de xeito explícito no artigo 14 da Constitución española e artigo 17 do Estatuto dos traballadores, entendendo en consecuencia que tódolos traballadores que non gozasen as vacacións en xullo ou agosto teñen dereito á compensación acordada polas partes negociadoras.
C) Tramitación.
Co fin de garanti-los principios de audiencia, contradicción, e de igualdade, o árbitro citou para a súa comparecencia as partes interesadas nunha reunión que tivo lugar o día 29-2-2000, comparecendo por parte da empresa Ángel Eugenio Pérez Cebrián, xefe de Recursos Humanos e Antonio Vidal Pérez, xefe de Formación e Seguridade, e pola parte social: o presidente do comité de empresa Emilio Pérez Pérez, Enrique Alonso Acuña, José Ramón González Bosco, José Luis Pousa Prado, Juan Carlos García Costas, Elena Rodríguez Giráldez, e Luis F. Martínez Cuña, delegados sindicais de CC.OO., José Cameselle Romero, secretario comarcal do metal de CC.OO., Ramón Sangiao Costas, delegado sindical de UGT, Juan Iglesias Carreira, do mesmo sindicato, e Ángel Rodríguez Viéitez, en representación da CIG.
Fundamentos da resolución arbitral.
A cuestión que se formula á decisión arbitral é a decisión sobre se o artigo 24 do convenio colectivo de empresa é aplicable a todo o persoal ou se, en función das normas específicas establecidas para o persoal de quendas que inclúen o fin de semana, cabe aplicar algún tipo de restricción a este persoal á vista do réxime xeral establecido no citado artigo 24. Estamos, pois, ante un conflicto xurídico dada a diferente interpretación que sobre a aplicación dos preceptos do convenio colectivo e das condicións establecidas en acordos entre empresa e traballadores sobre quendas manteñen as dúas partes, tal e como queda establecido nos antecedentes reflectidos e como foi posto de manifesto no trámite de comparecencia das partes ante o árbitro actuante.
Como cuestión previa, o árbitro quere sinalar aqueles criterios metodolóxicos e instrumentais que vai empregar na súa decisión arbitral, e que son aqueles que con carácter xeral se establecen na interpretación das normas e especificamente dos convenios colectivos.
Reiterada doutrina xurisprudencial (cf. STS 6-4-1992-(artigo 2.600) e 13-4-1992 (artigo 2.645) establece que a citada interpretación manterá unha orde lóxica, gramatical e histórico, atendendo ó propio sentido das palabras e á intención das partes. Doutrina xurisprudencial que se ve recollida coa establecida en tamén reiterada doutrina do TS (cf. TS 20-3-1997 (artigo 2.583) pola que ós convenios colectivos lles serven tanto as normas de interpretación das leis do artigo 3 do Código Civil, como as normas de interpretación dos contratos, establecidas no artigo 1.281 do mesmo código. Sentadas estas consideracións que o árbitro aplicará, deixa claro que se o texto normativo é claro, este prevalecerá, coa única limitación de que se compadeza coa intención das partes e co propio espírito e finalidade da norma.
O artigo 24 do convenio colectivo, tanta na súa redacción anterior como na prevista para o convenio preacordado polas partes, que necesariamente o árbitro ten que coñecer co fin de soluciona-lo conflicto, establece de xeito taxativo un réxime xeral e único para as vacacións, sinalándose no seu parágrafo 2 que «estas vacacións tomaranse en función do calendario laboral pactado distribuídas no período de xullo-agosto a razón de 15 días laborables ininterrompidos». Este réxime xeral para todo o persoal establecido no único precepto do convenio que se refire a vacacións, precepto que mantén a súa individualidade nun e outro convenio dentro do capítulo 3º do pacto colectivo que se refire a xornada laboral, vacacións e permisos, vese recollido ou matizado coa creación de quendas de fin de semana, toda vez que na empresa está establecido para un determinado persoal un sistema de traballo que abarque os sete días á semana, prevéndose neste persoal un complemento específico polas
características da citada quenda. A dúbida que se formula pois, como se dicía o principio, é se a este persoal lle é de aplicación o réxime xeral de goce de vacacións ou se pola contra, tal e como manifesta a empresa, a existencia do citado complemento elimina a aplicación do sistema acordado entre a empresa e os traballadores, polo cal aqueles traballadores que se aparten do réxime xeral de goce de vacacións en canto ó período establecido no artigo 24 do convenio colectivo, réxime previsto en acordos de empresa concertados desde 1996 -calendarios estendidos-, 1997 e 1999 percibirán unha compensación económica establecida en orixe en contía de 35.000 ptas.
O árbitro fixou a súa atención nos razoamentos achegados polas partes: a empresa sinala que a ordenación da producción que marca a necesidade organizativa e a propia competencia do mercado impón unha ordenación das quendas no sentido no que foron acordados coa representación sindical, e que este
novo sistema cualitativamente distinto ó xeral empresarial, referido ó calendario xeral ou ós calendarios estendidos, para este persoal específico observa unhas condicións distintas de xornada de retribución, que implica de deba de prevalece-lo devandito sistema sobre o xeral de vacacións establecida para o resto do persoal, pero así mesmo, repara o árbitro na, ó seu xuízo, fundamental manifestación dos representantes sociais no sentido de que a tramitación sucesiva de sistemas horarios distintos ó calendario xeral foron aceptados baseándose na necesidade de restrinxir e minora-lo número de horas extraordinarias que se viñan realizando na empresa, atendendo a unha mellor ordenación da situación particular da empresa e á necesidade social coñecida de ordenación do tempo de traballo.
Formulada así a cuestión, debe razoa-lo árbitro en función dos criterios interpretativos referidos ó comezo das súas fundamentacións; entende a argumentación empresarial, pero, sen embargo, debe sinalar que non cabe unha interpretación illada da cuestión nin reclamar unicamente as partes favorables do corpus normativo que regula na empresa as cuestións referidas ó tempo de traballo, e que abranguen horarios e réxime de vacacións. Así mesmo tampouco cabería entender da cuestión soamente á luz do criterio de intencións establecido pola parte social nas súas consideracións sobre a restricción de horas extraordinarias, restriccións nas que a parte social interveu nos sucesivos pactos ou concertos acadados coa empresa en materia de regulación horaria. Dice isto porque, tal e como tamén se dicía ó principio, o artigo número 24 do convenio colectivo é claro e taxativo, e como tal deber prevalecer; é dicir, estamos ante unha regulación precisa, única e de carácter xeral, extensible pois a
tódolos traballadores da empresa, regulada de xeito claro e, ademais, non susceptible de ser interpretada doutro xeito que a que precisamente o seu sentido literal significa, e interpretación esta que ademais se ve corroborada coa intención exposta polos representantes sociais ó sinala-la súa coincidencia coa necesidade de restrinxir ou minora-las horas extraordinarias que se viñan realizando, interpretación esta que se ve reforzada coa aplicación do principio pro-operario aplicable, a xuízo do árbitro, nesta cuestión, aínda que nos seus termos máis restrictivos, pro existiren dúbidas na aplicación da norma, principio aplicativo que a xurisprudencia acepta para o caso formulado.
De aplicación literal, pois, do artigo 24 do convenio colectivo, a consideración intencional sobre eliminación de horas extraordinarias, a aplicación, aínda restrictiva, do principio pro-operario, e que a xuízo do árbitro non estamos ante un suposto de escuridade ou ambigüidade nas normas convencionais, pois non se cerraron posicións con redaccións ambiguas para mante-lo difícil equilibrio do convenio (Martínez Emperador), senón que existe un precepto claro organizado sistematicamente con individualidade propia na norma convencional, que se compadece perfectamente coa intención social de eliminación de horas extraordinarias, e sendo de aplicación o principio
pro-operario citado, resolve o árbitro a cuestión xurídica formulada no sentido de que a regulación convencional de vacacións é aplicable, con carácter xeral, a todo o persoal, con independencia do sistema de calendarios establecido, pola propia dicción literal do precepto, polo que resolvo a cuestión dictando o seguinte laudo de acordo co capítulo 3º do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo, efectuándose no prazo sinalado no parágrafo 2 do artigo 24 do devandito acordo.
Único.-O persoal incluído nas denominadas quendas de fin de semana que percibe os complementos SDF previstos no artigo 23.bis 1 do convenio colectivo, ten dereito a percibi-la compensación económica prevista para o persoal que non goce as vacacións de acordo co réxime establecido no artigo 24 do convenio colectivo, debendo percibi-la compensación económica actualizada de acordo cos acordos na materia acadados no seu día entre a dirección da empresa e os traballadores, e reflectidos nos antecedentes.
Este laudo poderá ser recorrido ante a xurisdicción social nos termos establecidos no pr. 4 do artigo 24 do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA).
Dado en Vigo, 13 de marzo de 2000.
José Mª Casas de Ron
Árbitro

